ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO DESENVOLVEMENTO LOCAL NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS COAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004

I. ANTECEDENTES

O día 12 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 30 de xuño de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 5 de maio de 2003 non se observa que se tiveran en conta as propostas feitas por este comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 7º. Criterios de valoración.
No apartado c) engádese in fine o seguinte: “…ou cando estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego”.

Artigo 10º. Xustificación e pagamento.
Por unha banda, no apartado b) do punto 1 fálase, a efectos de xustificación, de facturas ou documentos análogos acreditativos do custo total do servicio.
No apartado 2 fíxase como data tope para remitir a documentación xustificativa o 1 de abril de 2005; isto supón unha marxe moito máis ampla para levar a cabo as accións que a establecida pola orde de 2003, que fixaba como data tope o 15 de decembro dese ano.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004” consta de: exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:

DICTAME 6/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións  para o fomento do desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS PREVIAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais queren manifestar á Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a súa enérxica protesta polo envío no mesmo día de sete proxectos normativos para dictaminar. Tendo en conta que os dictames preceptivos solicitados teñen que emitirse nun prazo de dez días, non é doado cumpri-lo citado prazo cando no mesmo día –como sucedeu o 12 de xaneiro de 2004- ten entrada no Consello escrito da secretaria xeral da Consellería remitindo para dictame sete proxectos normativos da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. A CEG propón que as axudas establecidas nesta orde se amplíen á Orde que regula as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro; de non ser así, solicita que a través da orde que se está a dictaminar se promova a colaboración das entidades locais coas asociacións do seu entorno.

Segunda. O proxecto normativo sometido a dictame non establece prazo de execución das accións que se subvencionan. A CEG considera que este debe figurar expresamente, tendo en conta que o artigo 10º.2 dispón que a documentación xustificativa debe ser remitida antes do 1 de abril de 2005.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:
Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda.  Consideramos que o obxecto e finalidade desta orde debe ser o financiamento da realización por parte das entidades locais de plans de emprego que conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio, no que se interrelacionen as diferentes medidas dando resposta ós diferentes colectivos.
A Consellería por medio de Comités de Emprego por área funcional ou por medio dunha Orde específica establecerá as liñas metodolóxicas e o contido, e suministrará a información necesaria para a súa elaboración. Como aplicación do criterio de capacidade de integración das políticas, un instrumento normativo, unha orde da Consellería, que  débese incluír, cando menos:
a) Contidos mínimos dos Plans de Emprego:
§ Ámbitos de actuación sectorial, de determinados colectivos ou territorial, establecendo un mínimo de poboación ó que se poden dirixir cando sexan sectoriais ou territoriais.
§ Obxectivos tanto cuantitativos coma cualitativos.
§ Metodoloxías.
§ Itinerarios das persoas paradas e medidas que se han empregar.
§ Medios materiais e humanos.
§ Procedemento de avaliación e seguimento.
§ Entidades asinantes, nas que necesariamente debe haber representantes dos axentes sociais, e compromisos destas.

b) Prioridades na programación das diferentes medidas:
§ Prioridades segundo a poboación parada que pretendan atender.
§ Prioridades segundo o ámbito xeográfico (municipal, supramunicipal, etc.).
§ Prioridades segundo os asinantes dos plans.
§ Prioridades segundo a integración de medidas de orientación, formación, programas en alternancia e de adquisición de experiencia, colocación.

c) Procedemento de aprobación:
§ Os plans de emprego serán, antes da súa aprobación, informados polas comisións provinciais de emprego e seguimento da contratación.
§ A aprobación dun plan de emprego implica a aprobación do conxunto de medidas nel abranguidas coa consignación orzamentaria correspondente e producirá efectos de solicitude de cada unha delas.

d) Iniciativa da Consellería de Asuntos Sociais:
§ A Consellería deberá de oficio actuar como promotor dun plan de emprego nas áreas funcionais e/ou nos sectores que, carecendo de dinamismo propio, presenten unha situación de desemprego no seu conxunto ou de colectivos específicos, superior á media de Galicia.
§ Unha vez tomada a decisión da súa necesidade polo Comité Provincial, establecerase unha comisión integrada pola Consellería, os axentes sociais presentes no Comité Provincial que corresponda e as administracións locais que se sumen á iniciativa, que deberá redacta-lo plan de emprego correspondente dentro do prazo fixado na súa aprobación.

e) Apoio técnico§ A Consellería establecerá mecanismos para as entidades promotoras de Plans de Emprego que así o requiran e obterán axuda técnica no deseño e elaboración do plan.
§ A axuda técnica efectuarase ben con persoal da propia Consellería ben con técnicos das organizacións sindicais e patronais que asinen un convenio para tal efecto.

Terceira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Consideramos que a finalidade principal desta orde debe se- la de subvenciona-la realización de plans de emprego que conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio.

Artigo 3. Liñas de axuda.
Proponse recoller no apartado 1 a subvención de plans de emprego e no apartado 2 a subvención de estudios, informes e campañas.

Artigo 4. Contía e límites.
Apartado 1. A contía total da subvención ascenderá ó 90% do custo total do plan de emprego.
Apartado 2. A contía da subvención para a realización de informes, estudios e campañas poderá ascender ó 50%.


Artigo 7. Criterios de valoración.
Proponse a modificación deste artigo, coa seguinte redacción:

“1. De entre as solicitudes presentadas, farase a selección ó obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dándolles preferencia ós plans de emprego nos que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio, ou cando estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

2. Asi mesmo, poderán tamén ser tidos en conta aqueles proxectos que:
a) Se proxecten sobre territorios cun maior índice de desemprego.
b) Teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno”.

Artigo 8. Resolución e recursos.
O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se acorte a tres meses. Consideramos prioritario que os proxectos sexan resoltos en réxime de concorrencia competitiva polo que deben valorarse conxuntamente e ser resoltos nos tres meses contados a partir do día seguinte ó do peche de presentación de solicitudes.

Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
O artigo 2º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función do Comité Autonómico a emisión de informe cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do director xeral, emita informe o Comité Autonómico de Emprego. No seu defecto, poderá entenderse que as resolucións dictadas sen o citado informe previo poden ser obxecto de impugnación e dar lugar, no seu caso, á esixencia de responsabilidades.