ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 344/1999, DO 23 DE DECEMBRO, E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Ó PROGRAMA DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, ASÍ COMO SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

I. ANTECEDENTES

O día 12 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se desenvolve o decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios, así como se procede á súa convocatoria e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

En data de 8 de xaneiro de 2003 publícase no DOG a Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se establece a normativa aplicable á concesión das axudas e subvencións ó funcionamento de escolas obradoiro e casas de oficios en 2003 e se procede á convocatoria das ditas axudas e subvencións. Esta orde, que pese ó referido no derradeiro parágrafo da súa exposición de motivos non foi sometida á consulta do Consello Galego de Relacións Laborais, ten por obxecto a convocatoria das axudas e subvencións para 2003 e establece como normativa aplicable o contido na Orde do 4 de abril de 2002, pola que se desenvolve o Decreto 344/1999, do 23 de decembro.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da devandita orde publicado no DOG o día 19 de abril de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 27 de febreiro de 2002, non se observa que foran atendidas as consideracións feitas por este comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 3º. Entidades promotoras.
No apartado a) deste artigo suprímese a referencia ós órganos da Comunidade Autónoma de Galicia como posibles promotores dos proxectos de obradoiros de emprego.

Artigo 6º. Etapa formativa. Bolsas.
No apartado 1 deste artigo especifícase que a formación dos alumnos adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo a desempeñar, ós contidos mínimos establecidos para os certificados de profesionalidade.

Artigo 13º. Procedemento de selección dos alumnos-traballadores.
Neste artigo o apartado 3 recolle, con máis concreción que a norma anterior, os colectivos con prioridade para ser beneficiarios do programa: beneficiarios do Plan Labora, beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica; as persoas con discapacidade sempre que podan realiza-los traballos e colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Artigo 19º. Documentación.
No derradeiro parágrafo do apartado a) establécese a posibilidade de acreditar a personalidade xurídica das fundacións, asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro mediante a acta fundacional outorgada en documento público ou privado, mentres que na norma anterior unicamente se falaba da escritura pública de constitución.
No apartado g) do mesmo artigo 13º especifícase que a declaración das axudas solicitadas debe facela o representante legal da entidade promotora, engadindo in fine que tamén teñen que declararse as solicitadas ou concedidas por “entes públicos nacionais ou internacionais”.

Artigo 23º. Criterios de valoración dos proxectos.
Entre os criterios establecidos pola norma especificábase, no terceiro parágrafo do apartado 1, o de perspectivas de emprego do colectivo participante, engadíndose na nova redacción “especialmente en orde á creación de maior número de postos de traballo estables”.
Engádese como novo criterio (parágrafo 11 do apartado 1) o ámbito de actuación superior ó municipal e que implique, no seu deseño, financiamento e execución, a outras entidades locais do contorno.
Por último, engádese un apartado 2, no que se especifica que terán prioridade os proxectos nos que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais da zona ou xurdan en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo  37º. g). Obrigas.
Neste apartado engádese a obriga de identificar convenientemente, ós efectos de difusión pública, a sede do proxecto, así como a de colocar placa identificativa nas realizacións de carácter permanente.

Disposición adicional terceira.
Esta disposición é nova e nela establécese que os créditos previstos para financiar estas axudas poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou redistribución dos fondos destinados a costea-los programas de fomento do emprego.

Disposición adicional sétima.
Está disposición é nova e nela se establece que por resolución do director xeral de Promoción do Emprego poderanse fixar os criterios necesarios para que se cumpran os obxectivos establecidos polo Servicio Público De Emprego de Galicia en canto ós colectivos prioritarios.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se desenvolve o decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios, así como se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, sesi capítulos, corenta artigos, sete disposicións adicionais dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:

DICTAME 7/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se desenvolve o decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó programa de escolas obradoiro e casas de oficios, así como se procede á súa convocatoria” da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS PREVIAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais queren manifestar á Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a súa enérxica protesta polo envío no mesmo día de sete proxectos normativos para dictaminar. Tendo en conta que os dictames preceptivos solicitados teñen que emitirse nun prazo de dez días, non é doado cumpri-lo citado prazo cando no mesmo día –como sucedeu o 12 de xaneiro de 2004- ten entrada no Consello escrito da secretaria xeral da Consellería remitindo para dictame sete proxectos normativos da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.


CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda. Dado que este programa é de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, os colectivos beneficiarios das accións deben ser exclusivamente demandantes de emprego que non teñan formación algunha de tipo profesional (FP, Universidade) e que teñan menos de 2 anos de experiencia laboral na mesma ocupación, agás que se trate de peóns ou aprendices.
Terceira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA.

Artigo 24. Resolución.
A Orde establece un prazo de resolución de nove meses. Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, polo que propón reducilo a catro meses, e o mesmo referente ó prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.
Sen modificar o prazo de presentación das solicitudes, que como se dispón na Orden, estará aberto durante todo o ano 2004, este Comité considera máis axeitado que os proxectos se valoren conxuntamente con carácter trimestral.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Artigo 3.  Beneficiarios da subvención: entidades promotoras.
Obsérvase que no apartado 1.a) deste artigo suprimiuse a referencia ós órganos da Comunidade Autónoma como entidades promotoras.
Consideramos que non deben excluirse, sobre todo tendo en conta a permanencia dos órganos do Estado.

Artigos 12, 13, 14 e 15. Selección e contratación.
Os axentes sociais con presencia neste Consello consideran imprescindible que no texto da Orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ó Comité Autonómico de Emprego.

A norma establece que a selección de participantes se levará a cabo por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería e da entidade promotora.
As organizacións sindicais presentes no Consello consideran que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas  onde se pretenden emprender as accións.
Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que será o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola- obradoiro ou casa de oficios quen formará parte do grupo mixto, en representación da Consellería.
Respecto ó procedemento de selección dos alumnos traballadores, as organizacións sindicais con presencia neste Consello consideramos que as accións a emprender deben estar sempre condicionadas ó Plan de Emprego, que debe esixirse en tódolos casos; por conseguinte, parecería máis indicado que os perfiles que determine o grupo mixto para a selección dos candidatos teñan como referencia o devandito Plan de Emprego e se axusten ó posto de traballo para o que se vai formar ó alumno –traballador.

O artigo 14 establece que a selección do director, docentes e persoal de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.
Consideramos que a utilización da convocatoria pública só debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen candidatos ou estes non resultaran idóneos, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen candidatos ou estes non foran considerados idóneos, faríase a convocatoria pública”.

Artigo 23. Criterios de valoración dos proxectos.
Este precepto establece, entre os criterios de valoración, a calidade do plan formativo e a súa adecuación entre as especialidades propostas e as ocupacións máis ofertadas no mercado de traballo.
Consideramos prioritario que a valoración do plan formativo proposto se faga en relación á obtención do certificado de profesionalidade, polo que a redacción deste apartado debe ser do seguinte xeito:  “calidade do plan formativo cara a obtención dos certificados de profesionalidade”.

Artigo 24. Resolución.
Establece este artigo, no seu apartado 1, que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais.
O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.
Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral. No seu defecto, poderá entenderse que as resolucións dictadas sen o citado informe previo poden ser obxecto de impugnación e dar lugar, no seu caso, á esixencia de responsabilidades.
Artigo 39. Incumprimento de obrigas.
Os representantes sindicais deste Consello consideran preciso, unha vez máis, que a norma estableza as garantías necesarias no senso de informar ós Comités Provinciais de Emprego do posible incumprimento das obrigas por parte da entidade promotora. No suposto de que o incumprimento comporte o reintegro total das axudas se daría traslado ó Comité Autonómico de Emprego.

Artigo 40. Asistencia, seguimento e avaliación.
Unha vez máis, e co obxecto de dotar a norma das maiores garantías de cumprimento, consideramos imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ós Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.