ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 134/2001, DO 7 DE XUÑO E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Ó FUNCIONAMENTO DAS UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO, ASÍ COMO SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

I. ANTECEDENTES
O día 12 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se desenvolve o decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, así como se procede á súa convocatoria e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

En data de 8 de xaneiro de 2003 publícase no DOG a Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se establece a normativa aplicable á concesión das axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento en 2003 e se procede á convocatoria das ditas axudas e subvencións. Esta orde, que pese ó referido no derradeiro parágrafo da súa exposición de motivos non foi sometida á consulta do Consello Galego de Relacións Laborais, ten por obxecto a convocatoria das axudas e subvencións para 2003 e establece como normativa aplicable o contido na Orde do 4 de abril de 2002, pola que se desenvolve o Decreto 134/2001, do 7 de xuño.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da devandita orde publicado no DOG o día 29 de abril de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 27 de febreiro de 2002, non se observa que foran atendidas as consideracións feitas por este comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 4º. Entidades promotoras.
No apartado 1.a) deste artigo suprímese a referencia ós órganos da Comunidade Autónoma de Galicia como posibles promotores das UPD.
Artigo 13º. Documentación.
No derradeiro parágrafo do apartado a) establécese a posibilidade de acreditar a personalidade xurídica das fundacións, asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro mediante a acta fundacional outorgada en documento público ou privado, mentres que na norma anterior unicamente se falaba da escritura pública de constitución.
No apartado e) deste mesmo artigo, especifícase que a declaración das axudas solicitadas debe facela o representante legal da entidade promotora, engadindo in fine que tamén teñen que declararse as solicitadas ou concedidas por “entes públicos nacionais ou internacionais”.
Engádese un apartado h) que establece entre os documentos a presentar un certificado das retribucións que, segundo o convenio colectivo aplicable, corresponderanlle ó persoal; de non existir convenio, presentarase certificación en tal sentido.
Artigo  20º. Subvencións para custos salariais.
No apartado 3 establécese que as cantidades referidas nos apartados anteriores se considerarán subvencións máximas, mentres que a orde anterior falaba de subvencións medias. Neste apartado engádese in fine que ditas cantidades serán obxecto de minoración en función do que resulte do convenio colectivo aplicable.
Disposición adicional terceira.
Esta disposición é nova e nela establécese que os créditos previstos para financiar estas axudas poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou redistribución dos fondos destinados a costea-los programas de fomento do emprego.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se desenvolve o decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, así como se procede á súa convocatoria” consta de: exposición de motivos, cinco capítulos, trinta artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 22 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 9/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se desenvolve o decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, así como se procede á súa convocatoria” da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS PREVIAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais queren manifestar á Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a súa enérxica protesta polo envío no mesmo día de sete proxectos normativos para dictaminar. Tendo en conta que os dictames preceptivos solicitados teñen que emitirse nun prazo de dez días, non é doado cumpri-lo citado prazo cando no mesmo día –como sucedeu o 12 de xaneiro de 2004- ten entrada no Consello escrito da secretaria xeral da Consellería remitindo para dictame sete proxectos normativos da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Artigo 2. Concepto.
Neste punto, considerase oportuna a extensión deste ámbito territorial, abrindo, nun primeiro paso, o abano ós municipios de máis de 50.000 habitantes, para logo descender a ámbitos territoriais inferiores.

Proponse amplia-lo espectro territorial da norma, non limitando o mesmo a ámbitos supramunicipais, incluíndo ós termos municipais de máis de 50.000 habitantes, como un primeiro paso de apertura territorial. Así, no primeiro parágrafo deste artigo 2, debería engadirse “… son módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter municipal ou supramunicipal…”

Artigo 4.  Beneficiarios da subvención: entidades promotoras.
Obsérvase que no apartado 1.a) deste artigo suprimiuse a referencia ós órganos da Comunidade Autónoma como entidades promotoras.
Consideramos que non deben excluirse, sobre todo tendo en conta a permanencia dos órganos do Estado.

Artigo 12. Solicitudes. Prazo de presentación.
O parágrafo 3 establece que as solicitudes de axudas se poderán presentar durante todo o ano 2004, o cal se valora positivamente, dado que fixa-lo prazo aberto con ese fin sempre xoga en beneficio dos posibles interesados.

Sen embargo, consideramos prioritario establecer tamén, como regra xeral, que as valoracións dos proxectos presentados se fagan no seu conxunto, para evitar, no posible, a valoración individual ou un por un dos proxectos, ó mesmo tempo que se vaian presentando ou achegando ás unidades administrativas correspondentes.

Neste caso, a proposta tende a garanti-la libre concorrencia de proxectos, que demanda a necesidade de que se marquen períodos de valoración (por exemplo, trimestrais) por parte da comisión de avaliación para poder estudia-los que se vaian achegando cunha visión de conxunto.

Artigo 16. Criterios de valoración dos proxectos.
Este artigo establece os criterios que se terán en conta para avalia-los proxectos, pero os enunciados que se reflicten son extremadamente subxectivos. Polo exposto, se suxire que ou ben se incorporen datos obxectivos que permitan avalia-los proxectos seguindo indicadores concretos, ou ben que se manteña únicamente o primeiro dos criterios enumerados.

Deste xeito, a proposta de redacción do enunciado quedaría así: “ Na valoración dos proxectos teranse en consideración o número e desempregados existente no ámbito territorial no que se desenvolva o proxecto”.

Artigo 17. Resolución.
O prazo máximo que se establece para resolve-las solicitudes presentadas é de nove meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se acorte a tres meses.

Establece este artigo, no seu apartado 1, que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais.
O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.
Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral. No seu defecto, poderá entenderse que as resolucións dictadas sen o citado informe previo poden ser obxecto de impugnación e dar lugar, no seu caso, á esixencia de responsabilidades.

Artigo 29. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención.
Os representantes sindicais deste Consello consideran preciso, unha vez máis, que a norma estableza as garantías necesarias no senso de informar ós Comités Provinciais de Emprego do posible incumprimento das obrigas por parte da entidade promotora.
No suposto de que o incumprimento comporte o reintegro total das axudas se daría traslado ó Comité Autonómico de Emprego.