ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DE PROGRAMAS EXPERIMENTAIS EN MATERIA DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (“Orden TAS/2643/2003, de 18 de septiembre”), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia á orde que se está a dictaminar.

Tendo en conta o disposto no proxecto normativo, iníciase agora unha nova vía de colaboración coa finalidade de aumenta-las posibilidades de inserción laboral dos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia, marcando obxectivos cuantificados e responsabilizando dos mesmos a entidades sen fin de lucro mediante a concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas experimentais.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego” consta de: Exposición de motivos, dezaséis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 30 de xaneiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 10/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego”, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xaneiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais presentes neste Comité Delegado para a emisión de dictames fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Artigo 2. Descrición e tipos de programas.
No apartado 4 deste artigo establécese que, con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral conseguíuse cando, durante a vixencia do plan, o desempregado sexa contratado como traballador por conta allea por unha duración non inferior a 6 meses.

Este Comité propón que, en concordancia co establecido no artigo 5 “in fine” desta orde, se considere tamén a inserción por conta propia.

Neste mesmo apartado 4, na última liña, establécese que o prazo de execución dos plans experimentais será ata o 31 de decembro de 2004.  

Este Comité propón que o prazo de execución sexa de 12 meses contados desde a data de resolución de concesión da subvención.

Artigo 3. Contía das subvencións.
O apartado 1 deste artigo establece as contías a percibir, sendo a cantidade máxima de 1.200 euros por persoa atendida e 3.500 euros por persoa atendida e insertada no mercado de traballo.

Este Comité non entende a forte disminución das contías en relación coas fixadas no artigo 6 da Orde Ministerial TAS/2643/2003, de 18 de setembro, reguladora destes programas a nivel estatal, que establece os máximos de 1.800 euros por persoa atendida e 5.400 euros por persoa atendida e insertada.

Neste mesmo apartado 1, no segundo parágrafo, contémplase a reducción da subvención. Este Comité considera que a redacción deste parágrafo, tal e como está, pode constituir un elemento desmotivante para as entidades colaboradoras, polo que se propón que se engada o seguinte: “En todo caso, garantizarase que as entidades beneficiarias non incurran en perdas por gastos imputables e efectivamente executados”.

Artigo 5. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera inapropiado incluir neste artigo, como entidades beneficiarias, ás persoas físicas.

Artigo 8. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 3 deste artigo establece como criterio de valoración o maior esforzo inversor da entidade solicitante na financiación total do proxecto.

Este Comité considera que non ten sentido que se favoreza como criterio de valoración o maior esforzo inversor da entidade solicitante, tendo en conta que se trata de entidades sen ánimo de lucro colaborando nun programa público de interese social.

Artigo 9. Procedemento e concesión de subvencións.
O prazo máximo que se establece no apartado 3 para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que este Comité propón que se resolvan nos tres meses seguintes ó da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Non está claro na redacción deste apartado cando comeza a contarse o prazo de resolución, se desde o día da entrada da solicitude no rexistro ou desde o día seguinte ó da entrada.

Artigo 10. Xustificación.
O apartado 1, letra a), establece que deberá aportarse copia autenticada de varios documentos.
Este Comité propón que se substitúa o termo “autenticada” por “compulsada”.

Artigo 11. Forma de pagamento.
O apartado 1.a), na última liña, cita ás entidades locais. Este Comité entende que é un erro, xa que as entidades locais non están incluidas entre as entidades beneficiarias da norma.

Neste mesmo apartado 1.a) esíxese un ficheiro informatizado excel cos NIF dos demandantes de emprego. Este Comité non considera oportuna a inclusión no texto do artigo dunha marca comercial rexistrada como é Excel,  polo que propón a súa supresión.

O apartado 2 deste artigo dispón que poderán acordarse pagamentos parciais sempre que non superen o 75% da subvención concedida. Este Comité propón que a porcentaxe sexa do 80%, como se regula nalgúns programas de subvencións des Consellería, como, por exemplo, o do Plan FIP.

Por último, no apartado 3, establécese que “Poderanse aboar anticipos de ata o 50% …..”. Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón substitui-la frase que antecede entre comiñas pola seguinte: “Poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1.a) deste artigo, de ata o 100% ….”.

Artigo 13. Liquidación final.
No apartado 1.a) alúdese de novo ó ficheiro informático excel. Proponse a supresión desta marca comercial por non considerarse oportuno referenciala.