ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2004 OS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECE-LA CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

I. ANTECEDENTES
O día 26 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 23 de xaneiro de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003, obsérvase o seguinte:
Na elaboración do borrador parece que se tivo en conta a consideración feita no dictame do exercicio anterior pola CEG, referente ó establecido no apartado 3 do artigo 4º, no senso de ampliar as axudas ó 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos.

O novo proxecto normativo modifica ou engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 3º. Exclusións.
Engádese un terceiro parágrafo que establece que non poderán acollerse ás subvencións previstas nesta orde as reincorporacións efectivas ó traballo das mulleres que, segundo o establecido no artigo 44 da Lei 62/2003 de Medidas fiscais, administrativas e de orde social, do 30 de decembro, teñan dereito ás bonificacións establecidas na dita lei.
Artigo 4º. Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.
O importe das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos pasa do 80% ó 100%, calculada sobre 12 mensualidades (esto último aplicable tamén ó importe das cotas por continxencias comúns).
Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 in fine establécese que as ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social, agás nos supostos do artigo 44 da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e do orde social ó que se refire a exposición de motivos desta orde.
Artigo 13º. Obrigas dos beneficiarios.
No apartado d) redúcese o tempo de permanencia na empresa, no caso de reincorporación, de dous anos a un ano. No mesmo apartado, precísase que en caso de non cumprirse esto, a empresa deberá proceder a reintegra-la subvención concedida, mentres que na norma anterior falábase do reintegro da parte proporcional.

Disposición adicional quinta.
Permite atender, cos créditos orzamentarios dos programas 241A e 241B que figuran nesta orde, as solicitudes de axudas á contratación pendentes presentadas en convocatorias anteriores sempre que reunisen os requisitos esixidos.

Disposición adicional sexta.
Establece a financiamento das axudas.

Disposición transitoria segunda.
Establece un prazo ata o 30 de abril de 2004 para as solicitudes de axudas por reincorporacións ou contratación realizadas entre o 1 de outubro de 2003 e a data de entrada en vigor desta orde.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar” consta de: tres capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 5 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 11/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de febreiro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

As organizacións sindicais que integran este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais de calidade. Primeiro, hai que atopar medidas para soluciona-los problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ámbalas dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acada-la incorporación do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.
Considérase pois imprescindible contempla-las dúas situacións, que deberían ter acollida no texto da norma: hai que afronta-los problemas previos que xorden para incorporarse ó mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a postura da empresa.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

1ª. Artigo 2º. Beneficiarios.
Este artigo establece como beneficiarios potenciais das axudas ás empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica.
Na redacción do precepto non parecen ter cabida, polo tanto, os traballadores autónomos. Este Comité considera oportuno que podan beneficiarse das axudas aqueles traballadores autónomos que, ou ben traballan para si, sen empregados, ou que contan cun só empregado.
Proponse, en consecuencia, incluír como potenciais beneficiarios da norma ós devanditos traballadores.  

2ª Artigo 4º.1. Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.
Este artigo establece in fine no seu primeiro apartado que tamén poderán ser obxecto de subvencións as reincorporacións ó exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas.
Este Comité considera que deberían estenderse tamén ós socios traballadores das sociedades laborais.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª.- Artigo 3º. Exclusións.
O primeiro parágrafo deste artigo, in fine, exclúe dos beneficios previstos nesta orde ós traballadores contratados para prestar servicios noutras empresas a través de contratos de posta a disposición.
A CEG considera que a exclusión dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, que debe eliminarse do texto da norma.

2ª.- Artigo 5º. Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidade de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.
Neste artigo, no parágrafo primeiro, establécese que serán obxecto de subvención os contratos de interinidade “para substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares...”

Como xa se observou máis arriba respecto da outra liña de axuda, a CEG considera que no caso de que o traballador autónomo se atopase nas mesmas circunstancias, habería que facerlle extensivo o establecido neste apartado.

En consecuencia, a CEG solicita que se clarifique este apartado e que se redacte de xeito que quede clara a inclusión dentro destas axudas do mencionado colectivo.

3ª.- Artigo 13.d) Obrigas dos beneficiarios.
Este precepto, establece a obriga de reintegra-la parte proporcional da subvención concedida no caso de producirse, por calquera causa, a extinción da relación laboral.
Considérase lóxico establecer unha obriga de mantemento de posto fixo para acceder á axuda, pero tal obriga non é incompatible, por exemplo, con determinadas extincións da relación laboral, xa que de producirse esta, a obriga cumpriríase substituíndo ó traballador por outro traballador a efectos de mante-lo emprego estable.