ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBTS) COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO , E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 23 de xaneiro de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003,  obsérvase que o novo proxecto normativo modifica ou engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 3º. Tipos de axuda.
No apartado 3 especifícase que os traballadores autónomos teñen que estar inscritos como demandantes de emprego no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
Modifícase o apartado 4 no que desaparece o 1º parágrafo e se especifica que para poder beneficiarse das axudas as Iebts deberán incorporar, no momento de inicia-la súa actividade productiva, como mínimo un titulado universitario desempregado por cada catro traballadores.

Artigo 4º. Axuda á creación directa de emprego estable.
Engade un apartado 5 no que se exclúe da axuda ós traballadores que prestaran servicios na mesma empresa en virtude dun contrato temporal.

Artigo 5º. Subvención por asistencia técnica para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación.
Modifícase a redacción do apartado 3, que establece que a subvención só poderá solicitarse durante o primeiro ano de actividade, tendo como límite máximo por tódalas contratacións a contía de 30.000 euros.
No apartado 4 engádese que os expertos técnicos que sexan desempregados inscritos como demandantes de emprego e sexan contratados con carácter indefinido non poderán ser computados para os efectos do cálculo da axuda financeira e da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Artigo 7º. Axuda financeira.
Modifícase o apartado 2, que establece que esta axuda será, como máximo, o equivalente á reducción de catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito (en 2003 era de seis puntos).
Engádese un apartado 3, que dispón que as solicitudes de subvención financeira deberán presentarse, en todo caso, con anterioridade ó inicio da execución de proxectos de investimento.

Artigo 8º. Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.
No apartado 1 establécese que o importe máximo da axuda determinarase en atención ó número de postos de traballo estables, engadindo “a crear durante o primeiro ano de actividade”. Modifícase a escala establecida a continuación e tamén se establece un máximo de 9.000 euros por cada posto de traballo creado.

Artigo 9º. Axuda para o mantemento do emprego, en función de gastos de alugamento de local.
Na orde anterior incluíanse tamén os gastos por adquisición ou compra de local. As solicitudes presentaranse trimestralmente a medida que o beneficiario vaia realizando o pagamento dos recibos, nos prazos que se indican no apartado 4.

Artigo 10º. Beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia.
Este artigo é novo. Contempla o incremento das axudas nun 10% cando se trate da incorporación de beneficiarios do Programa Labora.

Artigo 12º. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 establécese un prazo aberto para a presentación de solicitudes (antes de que transcorra un ano desde que se iniciou a actividade da empresa), fixándose nos artigos correspondentes, prazos específicos para algúns tipos de axudas, respectándose sempre o prazo xeral.
Trasládase ó apartado 3 deste artigo o disposto na orde de 2003 (artigo 2º.3), que establece a posibilidade de contar co asesoramento dos técnicos especializados en Iebts da Consellería para a presentación das solicitudes.

Artigo 13º. Documentación.
Engádese unha letra b) ó apartado 1, na que se especifica que de tratarse de persoa xurídica, presentarase escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas e cando se trate de empresario individual ou comunidade de bens, alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.
No suposto de que se solicite a subvención financeira con anterioridade ó inicio da actividade, a documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.
No apartado 2 establécese como documentación específica a presentar no caso das axudas a creación do emprego estable, a relación nominal de traballadores contratados polos que se solicita a subvención, indicando se son ou non titulados universitarios, e coa data da incorporación efectiva. Tamén haberá que presentar documentos que acrediten a incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 17º. Xustificación do pagamento.
Neste artigo amplíase a documentación a achegar no caso dalgúns tipos de axudas: apoio á función xerencial, subvención financeira e posta en marcha da actividade (DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, se é o caso, certificación académica da terminación dos estudios ou copia compulsada do título universitario).

Artigo 19º. Obrigas dos beneficiarios.
No apartado 2.b) establécese a obriga das empresas de manter no seu cadro de persoal ó experto técnico contratado, como mínimo, polo tempo subvencionado.

Disposición adicional sexta.
Establece o financiamento das axudas.

Disposición transitoria primeira.
Permite atender, cos créditos orzamentarios do exercicio de 2004, as solicitudes de axudas pendentes presentadas en convocatorias anteriores sempre que reunisen os requisitos esixidos.

Disposición transitoria segunda.
Establece un prazo para solicita-las axudas ata o 30 de abril de 2004 para aquelas Iebts que foron constituídas e iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2003 e a data de entrada en vigor da presente orde.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004” consta de: catro capítulos, vintedous artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 5 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 12/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  5 de febreiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Establécese de forma expresa na Exposición de Motivos o sometemento da axuda ó chamado “réxime de axudas de minimis da Unión Europea”. Nos parece criticable que non se concrete na parte dispositiva da norma, como debería ser en correcta técnica lexislativa, a limitación económica que supón así como a norma europea que da orixe a esa limitación, aínda que no artigo 18º.1 parece que se alude a ela. Debería figurar no seu articulado de xeito claro.

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Artigo 16º. Resolución.

O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse”, por “entenderase”.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª.- Artigo 4º. Axuda á creación directa de emprego estable.
O apartado 5 establece que “non poderá concederse esta axuda cando se trate de traballadores que, con anterioridade, prestaran servicios na mesma empresa en virtude dun contrato laboral de carácter temporal”.
A CEG non está de acordo coa citada exclusión e considera que limita a eficacia desta axuda, xa que hai que ter en conta que en moitos casos as empresas formalizan contratos estables con traballadores cos que tiveron relacións contractuais con anterioridade.

2ª.- Artigo 8º. Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.
O último parágrafo do apartado 2 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.
A CEG considera que deben ser subvencionables tamén os gastos de investimento en activo fixo.