ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS A EMPRESARIOS SEN ASALARIADOS POLA CONTRATACIÓN DO SEU PRIMEIRO TRABALLADOR FIXO COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 14 de maio de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 23 de abril de 2003, parece que non foron atendidas as propostas realizadas por este comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica ou engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 3º. Colectivos desfavorecidos.
Sinálanse neste artigo os colectivos de desempregados que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder ó mercado de traballo.
Artigo 5º. Exclusións e contratación de familiares. Engádese unha letra d) ó apartado 1 na que se exclúen destas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.
Artigo 8º. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 respecto do prazo engádese in fine “sempre que a contratación sexa posterior á data de entrada en vigor desta orde”.
Artigo 9º. Documentación.
No apartado 2 especificase que a vida laboral a de referirse ós 24 meses anteriores á data da contratación indefinida.
Disposicións transitorias.
Establecen, por unha banda, a posibilidade de que sexan atendidas solicitudes feitas ó abeiro de ordes anteriores, e pola outra, que as axudas pola contratación de traballadores realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, poderán ser atendidas con cargo ós créditos que a financian e haberán de solicitarse respectando os prazos e demais requisitos establecidos na orde do ano precedente .


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004” consta de: tres capítulos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais, dúas disposición transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 5 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 13/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de febreiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS PREVIAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
As organizacións sindicais consideran necesario a avaliación previa polo Comité Autonómico de Emprego das ordes relativas ás políticas de emprego.
Ademais, polos datos dos que se dispón, os resultados obtidos con estas medidas son negativos, dado que o obxectivo principal de reduci-la taxa de precariedade e aumentar o emprego non se acadou, senón todo o contrario, polo que se considera conveniente unha reorientación das políticas activas de emprego.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda.
As organizacións sindicais que forman parte deste Consello queren facer a seguinte consideración de carácter xeral sobre a avaliación das solicitudes:      
“As organizacións sindicais con presencia no Consello propoñen que en todas aquelas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego se faga constar expresamente que, unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas polas comisións de avaliación correspondentes, os comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles. Polo demais, esta consideración está en coherencia coas funcións asignadas a estes órganos no seu decreto de creación”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


1ª.- Artigo 5º.2. Exclusións e contratación a familiares.
Respecto do establecido no apartado 2 este Comité solicita que se concrete no texto da orde en que supostos os familiares poden ter a consideración de asalariados e de qué modo pode acreditarse a devandita condición.


2ª.- Artigo 11º.2. Resolución e recursos.
Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse”, por “entenderase”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª. Artigo 3º. Colectivos desfavorecidos.
Respecto dos cambios establecidos en relación á determinación de colectivos, a CEG considera que a redacción dada nesta orde incorpora unha maior rixidez na contratación e considera, en consecuencia, que sería máis axeitada unha redacción máis xenérica, similar a establecida no artigo 3º.3 da orde que regula as axudas ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES) ou Iniciativas de Emprego Rural (IER).

2ª.- Artigo 5º. Exclusións.
Este artigo incorpora no seu primeiro apartado unha letra d) que exclúe destas axudas ás cooperativas e sociedades laborais. A CEG considera que o establecido neste apartado debería funcionar máis como unha incompatibilidade con outra clase de axudas para a mesma finalidade, que como unha exclusión.

3ª.- Artigo 6º. Axudas.
En relación ás contías establecidas neste artigo, a CEG considera necesario actualiza-las contías máximas das axudas con respecto ás do ano anterior, no IPC do ano 2003, como mínimo.

4ª.- Disposición transitoria segunda.
Respecto do establecido nesta disposición, a CEG considera oportuno clarifica-los prazos en relación as contratacións levadas a cabo con anterioridade á entrada en vigor desta orde, co obxecto de evitar situacións nas que, cumprindo tódolos requisitos, unha empresa non poida beneficiarse das axudas.