ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES) OU COMO INICIATIVAS DE EMPREGO RURAL (IER) COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004


I. ANTECEDENTES

O día 26 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 23 de xaneiro de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003, parece que non foron atendidas as propostas realizadas por este comité delegado.
O novo proxecto normativo modifica ou engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 4º. Subvención á creación directa de emprego estable.
Engade un apartado 4 no que se exclúe ós traballadores que prestaran servicios na mesma empresa en virtude dun contrato temporal.

Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 2 a subvención pasa ó equivalente á reducción de catro puntos do xuro fixado, mentres que antes era de seis puntos.

Artigo 8º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
No apartado 2 subvenciónanse os proxectos a partir da creación dun posto de traballo, mentres que na anterior orde era a partir de tres. Tamén se establece un máximo de 6.000 euros por cada posto de traballo creado.

Artigo 10º. Beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia.
Este artigo é novo. Establécese o incremento das axudas nun 10% cando se trate da incorporación de beneficiarios do Programa Labora.

Artigo 12º. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 establécese un prazo aberto para a presentación de solicitudes (antes de que transcorra un ano desde que se iniciou a actividade da empresa), fixándose nos artigos correspondentes, prazos específicos para algúns tipos de axudas, respectándose sempre o prazo xeral.
Trasládase ó apartado 3 deste artigo o disposto na orde de 2003 (artigo 2º.3), que establece a posibilidade de contar co asesoramento dos técnicos de emprego da Consellería para a presentación das solicitudes.

Disposición adicional sexta.
Establece a financiamento das axudas.

Disposición transitoria primeira.
Permite atender, cos créditos orzamentarios do exercicio de 2004, as solicitudes de axudas pendentes presentadas en convocatorias anteriores sempre que reunisen os requisitos esixidos.

Disposición transitoria segunda.
Establece un prazo para solicita-las axudas ata o 30 de abril de 2004 para aquelas iniciativas de emprego que foron constituídas e iniciaron a súa actividade entre o 1 de outubro de 2003 e a data de entrada en vigor da presente orde.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004” consta de: catro capítulos, vintetrés artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.


O día 5 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 14/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  5 de febreiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Establécese de forma expresa na Exposición de Motivos o sometemento da axuda ó chamado “réxime de axudas de minimis da Unión Europea”. Nos parece criticable que non se concrete na parte dispositiva da norma, como debería ser en correcta técnica lexislativa, a limitación económica que supón así como a norma europea que da orixe a esa limitación, aínda que no artigo 18º.1 parece que se alude a ela. Debería figurar no seu articulado de xeito claro.


CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ó seu número de parados (70%) e á evolución do paro rexistrado no período 1999/2003 (15%) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período (15%).
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para, deste xeito, poida habe-la discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.

Segunda.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Artigo 16º. Resolución.
O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse”, por “entenderase”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
1ª.- Artigo 4º. Subvención á creación directa de emprego estable.O apartado 1 establece que a subvención pode chegar ata 4.800 euros, pero non fixa unha contía mínima, como, por exemplo, dispón o artigo 6º da orde que regula as axudas pola contratación do primeiro traballador fixo (o 30% da base mínima do grupo de cotización do traballador). Polo exposto, a CEG considera que, co obxecto de evita-la discrecionalidade, debe establecerse no texto do artigo a contía mínima da subvención.

O apartado 4 establece que “non poderá concederse esta axuda cando se trate de traballadores que, con anterioridade, prestaran servicios na mesma empresa en virtude dun contrato laboral de carácter temporal”.
A CEG non está de acordo coa citada exclusión e considera que limita a eficacia desta axuda, xa que hai que ter en conta que en moitos casos as empresas formalizan contratos estables con traballadores cos que tiveron relacións contractuais con anterioridade.

2ª.- Artigo 8º. Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.
O último parágrafo do apartado 3 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.
A CEG considera que deben ser subvencionables tamén os gastos de investimento en activo fixo.


3ª.- Artigo 13º.2d) (Documentación), artigo 3º.1 (Tipos  de axuda) e artigo 19º.2c) (Obrigas dos beneficiarios).
A subvención que se establece na Orde como axuda ten por finalidade a financiación de inversións en activos fixos (e circulante en menor medida) en base ó número de postos de traballo estables que se crean no proxecto empresarial de que se trate (artigo 7º da propia Orde).

A documentación que debe aporta-lo posible beneficiario para poder solicita-la axuda ven establecida no artigo 13º.2d).

Por outra banda, a documentación necesaria para proceder ó pago ven establecida, á súa vez, no artigo 17º.B.b)

Logo, o artigo 19º.2 c) fixa a obriga para os beneficiarios da subvención financiera a de acreditar mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización da totalidade do plan de inversións previsto na concesión da subvención, aportando ó efecto a memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.

Segundo isto, tralo pago efectivo da subvención, debe presenta-las facturas e xustificantes acreditativos da realización na súa totalidade do plan de inversións previsto inicialmente e memoria anual explicativa ata a terminación do referido plan. Esto pode considerarse unha contradicción.

Pode deducirse do anterior que é posible a realización dun plan de inversións plurianual, pois doutro xeito non ten xustificación a esixencia de presentar unha memoria explicativa con esa periodicidade, pois chegaría cunha soa memoria, se fose doutro xeito.

Interpretando así o anterior, está en contradicción co establecido no artigo 3º.2 da propia Orde que establece que “terán a consideración de accións subvencionables as orixinadas para a posta en marcha da empresa e ata que transcorra o primeiro ano da actividade empresarial…”

Segundo isto, só serían subvencionables as inversións en activos fixos efectuados no primeiro ano da actividade, polo que carecería de sentido establece-la posibilidade de plans de inversións a máis longo prazo, así como a existencia de máis dunha memoria de carácter anual.

Cunha memoria bastaría, aínda que se presentase ó ano de iniciada a actividade xunto coa xustificación das inversións realizadas na súa totalidade que deberían estar feitas a esa data (pois doutro xeito, se incumpriría o disposto no artigo 3º.1).