ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE RESOLUCIÓN POLA QUE SE DESENVOLVE A ORDE DO 27 DE NOVEMBRO DE 2003, POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE Ó EXERCICIO DE 2004

I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Resolución pola que se desenvolve a Orde do 27 de novembro de 2003, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da devandita resolución publicado no DOG o día 27 de decembro de 2002 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 11 de novembro de 2002, obsérvase que se tiveron en conta as seguintes consideracións feitas polo Comité delegado:

No apartado 2 do artigo 16º, engádese unha letra h) na que se especifica que as empresas nas que se realicen as prácticas deberán cumpri-la normativa de prevención de riscos laborais (esto xa se contemplou na resolución anterior publicada no DOG).

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 2º. Proxectos formativos con compromiso de contratación.
No apartado 2 deste artigo, no que se especifica a obriga de achegar o programa formativo, establécese pormenorizadamente o esquema a seguir na súa elaboración.
Por outra banda, no devandito apartado, engádese unha letra j) na que se establece como documentación a presentar o importe da subvención económica solicitada, correspondente ós módulos A, B e C de cada curso.

Artigo 3º. Obrigas dos centros colaboradores.
No apartado 1 b) suprímese a obriga de achegar o modelo de ficha do alumno.

Artigo 7º. Gastos imputables ó módulo A.
No segundo parágrafo deste artigo redúcese do 25% ó 20% do módulo A os gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente.

Artigo 8º. Gastos de reparación e mantemento.
Neste artigo parece que hai un erro na redacción, xa que onde antes dicía “non se admitiran”, agora di “admitiranse exclusivamente”.

Artigo 11º. Axudas e bolsas.
No derradeiro parágrafo deste artigo, no que se establecen os medios acreditativos do gasto real de aloxamento, considéranse unicamente o contrato de arrendamento ou a factura de hospedaxe, mentres que na redacción anterior engadíase: “ou calquera outro medio documental acreditativo”.

Artigo 16º. Prácticas en empresas.
No apartado 2 deste artigo engádese unha letra h) que obriga ás empresas nas que se realicen as prácticas a cumpri-la normativa de prevención de riscos laborais e que xa figura na redacción dada á anterior resolución no DOG. Suprímese, non obstante, o establecido respecto á presentación dun plan de prevención para xustifica-lo anterior.
Engádese un apartado 4 no que se establece que as prácticas deberán estar rematadas antes do 30 de novembro de 2004, salvo que a entidade impartidora do curso estea autorizada para finalizalas con posterioridade. Nese caso, deberán rematar, como data tope, cando finalice o curso no que están incluídas.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Resolución pola que se desenvolve a Orde do 27 de novembro de 2003, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 2004” consta de: exposición de motivos e dezaseis artigos.

O día 9 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 15/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Resolución pola que se desenvolve a Orde do 27 de novembro de 2003, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 2004” da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Artigo 2º. Proxectos formativos con compromiso de contratación.
O apartado 2 deste artigo relaciona a documentación que deberán  presentar as entidades solicitantes. Consideramos que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser impropias do alfabeto galego.

Artigo 3º. Obrigas dos centros colaboradores.
A Resolución do 16 de decembro de 2002 (DOG de 27.12.02) recollía no artigo 3, apartado 1.b), penúltima liña, a obriga  do centro colaborador de remiti-lo modelo da ficha do alumno, que deberá ser arquivado pola entidade colaboradora totalmente cuberto e asinado polo alumno.
Esta obriga non é esixida no novo proxecto normativo. Este Comité non entende a súa supresión, polo que propón que se recolla a citada obriga no artigo 3º.1.b) da nova resolución.

Artigo 7º. Gastos imputables ó módulo A.
A Resolución do 16 de decembro de 2002 (DOG de 27.12.02) recollía no artigo 7º, segundo parágrafo, que “os gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente non poderán supera-lo 25% do módulo A”.
Sen embargo, no novo proxecto normativo fálase do 20%. Este Comité é partidario de incrementa-la porcentaxe que figuraba na anterior resolución e, cando menos, mante-lo 25%.

Artigo 8º. Gastos de reparación e mantemento.
O Comité considera que existe un erro na redacción dada a este artigo, ó falar de “exclusivamente … que non sexan propios …”, polo que propón a seguinte: “Admitiranse exclusivamente gastos de reparación e mantemento de maquinaria ou equipamentos que sexan propios da entidade  que imparta o curso ..”.

Artigo 9º. Gastos de alugueres de instalacións e maquinaria.
O apartado 3 deste artigo establece que a imputación de alugueres non poderá supera-lo 35% do módulo B.
Este Comité propón que o citado límite se incremente ata o 50%.

Artigo 11º. Axudas e bolsas.
Este apartado establece no seu parágrafo quinto, a relación de especialidades que, cumprido-los restantes requisitos, darían lugar á axuda de aloxamento e manutención.

Este Comité considera este punto restrictivo e propón redacta-lo devandito parágrafo da maneira que segue: “-Que a especialidade que se vai impartir sexa algunha das seguintes que se relacionan a continuación ou calquera outra que non se imparta nun radio inferior a 75 quilómetros e que figure no informe elaborado polo orientador laboral.”

Artigo 12º. Publicación de anuncios.
O apartado 3 deste artigo establece que “o custo dos anuncios que non se adapten ós requisitos establecidos nesta resolución, ou a calquera outros que se puidesen establecer pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será aboado con cargo ás axudas previstas”.

Este Comité propón que sexa suprimida a frase escrita en cursiva e se concreten no texto do artigo os requisitos que implican que non sexa aboado o custo dos anuncios.

Artigo 13º. Módulos de orientación profesional.
Este precepto fixa o tempo dedicado a información e orientación profesional e sobre técnicas de busca de emprego, establecendo unha duración máxima de 20 horas.

Este Comité quere facer unha chamada á Consellería sobre a necesidade de ter tamén en conta dentro destes módulos información e orientación sobre as empresas de economía social, o autoemprego e a creación de empresas, polo que a duración máxima indicada de 20 horas debería incrementarse no tempo necesario para recoller un módulo sobre estes novos conceptos.

Artigo 16º. Prácticas en empresas.
O apartado 1.h) deste artigo establece que “as empresas nas que se realicen as prácticas deberán cumpri-la normativa de prevención de riscos laborais”.
Dado que tódalas empresas teñen a obriga de cumpri-la citada normativa, este Comité propón unha nova redacción ó citado apartado 1.h) : “Acreditación do cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais en relación coas persoas en período de prácticas”.