ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO E A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004

I.  ANTECEDENTES
O día 4 de febreiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da secretaria xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 23 de maio de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 23 de abril de 2003, obsérvase o seguinte:

Na elaboración do borrador parece que se tivo en conta a consideración feita pola CEG, que valoraba moi negativamente á exclusión das sociedades limitadas da subvención financeira.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 2º. Beneficiarios.
Modifícase o segundo parágrafo do apartado 1 e engádese un apartado 3, referente ós requisitos que teñen que cumprirse no caso de constituíren unha sociedade limitada.
Artigo 4º. Subvención financeira.
Engádese un apartado 3 no que se inclúen como potenciais beneficiarios desta subvención as sociedades limitadas, sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2º apartado 3, fixándose o importe máximo da subvención, que non poderá exceder de 3.000 euros por cada socio que cumpra os requisitos.
Artigo 6º. Beneficiarios do “Programa Labora: Xuventude con Experiencia”.
Neste artigo establécese o incremento das axudas no caso de desempregados beneficiarios do Programa Labora.
Artigo 8º. Solicitudes e prazo.
Neste artigo fálase de axudas polas actuacións subvencionables realizadas desde a data de entrada en vigor desta orde.
Artigo 9º. Documentación.
No apartado a) especifícase que, no caso de sociedade limitada, haberá que presentar DNI e poder suficiente do representante da sociedade e CIF da empresa, mentres que na orde anterior soamente se pedía escritura pública de constitución, que agora figura no apartado d).
Nos apartado b) e d) establécese que si se solicita a subvención financeira antes do inicio da actividade, os documentos establecidos neses apartados deberán achegarse na fase de xustificación do pagamento.
Engádese un apartado c) no que se determina a presentación de documentos que acrediten que se cumpren os requisitos establecidos no artigo 2º.3, referente ás sociedades limitadas.
A memoria (apartado e) haberá de estar asinada polo solicitante.
Artigo 12º. Xustificación e pagamento.
Entre a documentación específica a presentar inclúese documentación relativa a inscrición como demandante de emprego e tempo de permanencia no desemprego.
Artigo 14º. Obrigas dos beneficiarios.
Engádese un apartado e) referente ás obrigas no caso de constituírse sociedade limitada.
Disposición adicional cuarta.
Establece que a comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora farase polo órgano xestor das axudas.
Disposición adicional quinta.
Establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e que o seu pagamento financiarase con cargo ós créditos que se determinen anualmente mediante disposición complementaria.
Disposición adicional sexta.
Establece o financiamento das axudas.
Disposición transitoria primeira.
Establece que as solicitudes realizadas ó abeiro das ordes correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor desta norma, poderán ser atendidas con cargo ós créditos de 2004, resolvéndose en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude.

Disposición transitoria segunda.
Establece que as axudas polas altas realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde solicitaranse de acordo cos prazos e requisitos establecidos na orde do 16 de maio de 2003.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2004”. Consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.


O día 13 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 17/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de febreiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

A Consellería remite xunto co borrador de orde fotocopias dos anexos para a tramitación informatizada das solicitudes. Este comité solicita da Consellería que cando se remitan anexos veñan formateados debidamente, posto que tal como se envían non poden ser obxecto de dictame.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de dictame fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

A CEG valora positivamente a inclusión das sociedades limitadas dentro das axudas á subvención financeira, inclusión que esta organización xa viña demandando en dictames anteriores.

Igualmente, esta organización valora de xeito moi positivo o incremento no tope de capital social en caso de constituírse unha sociedade limitada, que pasa dos 60.100 euros establecidos na orde de 2003 ós 120.200 euros que fixa a presente orde para axustalo ó capital social máximo dunha Sociedade Limitada Nova Empresa.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


1ª. - Artigos 2º e 9º. Beneficiarios e Documentación.
Este comité solicita que na relación establecida nos apartados dos artigos 2º e 9º se substitúan as letras j) e k) polas que correspondan, dado que estas son impropias do alfabeto galego.

2ª.-  Artigo 11º.2. Resolución e recursos.
Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª.- Artigo 2º. 3. Beneficiarios.
Neste apartado establécese que as sociedades limitadas para poder ser beneficiarias das axudas deberán, entre outras condicións, non superar o número de tres socios iniciais, aínda que se introduce unha excepción no caso de que tódolos socios cumpran os requisitos e estean incluídos nos colectivos sinalados no mesmo artigo. Esta organización considera que a excepción establecida é un paso positivo, pero entende que non debería existir limitación algunha no numero máximo de socios.

2ª.- Artigos 4º e 5º. Subvención financeira e Rendas para o inicio da actividade.
Nestes artigos fíxase a contía das axudas. A CEG quere sinalar que as devanditas contías levan anos sen ser actualizadas e solicita que, alomenos, se estableza unha actualización das mesmas conforme ó incremento do IPC.

3ª.- Artigo 6º. Beneficiarios do “Programa Labora: Xuventude con Experiencia”.
Esta organización non considera suficientemente xustificado o incremento das contías das axudas cando se trata de beneficiarios do Programa Labora, dado que os seus beneficiarios se inscriben no citado programa esencialmente para a obtención dun traballo por conta allea e non para a creación dunha actividade por conta propia.
4ª.-  Artigo 9º d). Documentación.Este apartado esixe a presentación da alta no imposto de actividades económicas ou, no seu caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda. Dado que agora mesmo os dous documentos están refundidos nun só, proponse esixir soamente o documento fiscal “036” de declaración de comezo de actividade.
5ª.- Disposición transitoria segunda.
Respecto do establecido nesta disposición, a CEG propón que as altas anteriores á data de entrada en vigor desta orde poidan beneficiarse das axudas nela previstas, sempre e cando as solicitudes se formulen con posterioridade a súa entrada en vigor.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 6º. Beneficiarios do “Programa Labora; Xuventude con Experiencia.
As organizacións sindicais con presencia neste Consello consideran que a única contratación temporal que se debe subvencionar é a daqueles colectivos en risco de exclusión social . En consecuencia, propoñen a supresión deste artigo.