ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA COMO MEDIDA DE MELLORA DA EMPREGABILIDADE DE COLECTIVOS DESFAVORECIDOS, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

I. ANTECEDENTES.

O día 4 de febreiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora da empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da Ordes publicadas nos DOG os días 14 e 23 de maio de 2003 e tendo en conta os dictames emitidos polo Consello con data do 23 de abril de 2003, parece que non foron atendidas as propostas deste comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Modificación xeral.
En anteriores exercicios, a orde de colectivos desfavorecidos regulaba tanto as axudas á contratación temporal como indefinida destes colectivos. Segundo a exposición de motivos desta orde que se vai dictaminar, considérase necesario regular estes incentivos en dúas ordes diferentes. En consecuencia, esta orde contempla unicamente os incentivos á contratación temporal, e os estructura dentro de tres programas: Programa de fomento da contratación temporal dos traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social (que se correspondería coa orde de contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, no que se refire ás contratacións temporais); Programas de fomento dos contratos en prácticas de mozos titulados e para a innovación tecnolóxica (que se correspondería coa orde que regulaba os programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica); e programa de fomento da contratación temporal dos desempregados incorporados ó Programa Labora, que é novidade no seu conxunto.
Como consecuencia das devanditas modificacións a nova norma articulase nun corpo central, común ós diferentes programas e en tres anexos nos que se establecen as características espécificas de cada un dos programas que se contemplan.


Artigo 4º. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 in fine, engádese que o prazo de dous meses previsto funcionará sempre que a contratación sexa posterior á data de entrada en vigor da orde.
Artigo 9º. Incompatibilidades e concorrencia.
Figura un apartado 3 no que se establece que os incentivos á contratación en prácticas e a contratación de desempregados do Programa Labora compleméntanse e serán compatibles cos incentivos á súa transformación en indefinidos nos termos que se prevexan nas ordes dos programas de fomento da contratación indefinida.
Disposición adicional sexta.
Nesta disposición se recollen as aplicacións orzamentarias con cargo ás que se financiarán as axudas.
Disposición transitoria primeira.
Establece que as axudas á contratación temporal de traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social e a contratación en prácticas, realizadas ó abeiro das ordes correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor desta norma, poderán ser atendidas con cargo ós créditos de 2004, resolvéndose en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude.
Disposición transitoria segunda.
Establece que as axudas polas contratacións realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta norma solicitaranse de acordo cos prazos e requisitos establecidos nas ordes do 19 de maio de 2003 (desempregados de exclusión social) e a do 7 de maio de 2003 (contratacións en prácticas).

Anexo A. Décima.
Establece que as empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal os traballadores contratados ó abeiro deste programa, polo período mínimo de duración do contrato obxecto de subvención.
Anexo B. Sétima.
Na letra c) deste artigo establécese a exclusión dos traballadores que finalizasen o seu contrato indefinido nun prazo de tres meses previo á formalización do contrato, “sempre que os contratos se formalicen coa mesma empresa”.
Anexo B. Décima.
Establece que as empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal os traballadores contratados ó abeiro deste programa, polo período mínimo de duración do contrato obxecto de subvención.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as base reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora da empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, once artigos, seis disposicións adicionais, dúas transitorias, dúas disposicións derradeiras e tres anexos que regulan os diferentes programas.

O día 13 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:


DICTAME 18/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora da empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o  4 de febreiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.
Segunda.- Tódalas axudas de incentivos á contratación deben vincularse á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.
Terceira.- Débese establecer unha norma que deixe fóra das subvencións de calquera Consellería a aquelas empresas que non teñan unha taxa de estabilidade similar á media galega, agás que teñan elaborado un plan de estabilidade consensuado cos representantes legais dos traballadores para acadala.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- A Consellería remite xunto co borrador de orde fotocopias dos anexos para a tramitación informatizada das solicitudes. Este comité solicita da Consellería que cando se remitan anexos veñan formateados debidamente, posto que tal como se envían non poden ser obxecto de dictame.

Segunda.- O proxecto normativo que se somete a dictame establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude” (artigo 6º.2).
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente a inclusión nesta orde de incentivos á contratación de beneficiarios do Programa Labora, xa que esto pode dar maior eficacia ás actuacións destinadas a este colectivo en materia de contratación e fomento da maior empregabilidade deste colectivo.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, de acordo coa posición mantida no Comité Autonómico de Emprego (CAE) e no Grupo de Traballo creado durante o segundo semestre do 2003 facemo-las seguintes consideracións:
Primeira.- Coa taxa de precariedade existente e sendo esta unha das principais lacras a erradicar do noso mercado de traballo, consideramos que a subvención da contratación temporal por parte da Xunta debe limitarse exclusivamente ós colectivos en risco de exclusión social.
Segunda.- En relación coa contratación en prácticas apreciase, ¡como non!, unha falta de respeto da Consellería de Asuntos Sociais ás súas posicións mantidas tanto no CAE como no grupo de traballo. Así na páxina 17 do documento da Consellería de Asuntos Sociais presentado na sesión do CAE do 19 de decembro do 2003, tal e como víñase recollendo nos documentos anteriores e no grupo de traballo dise: “2.3. Contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica A novidade principal é que se limita ás contratacións de mozos con titulacións cun menor índice de colocación.”
Esta posición explicábase coincidindo co mantido nas nosas propostas nº  106 que dicía: “Debe eliminarse totalmente este programa, ou, cando menos, establecer qué titulacións serían contratables previa definición, por parte do Observatorio, do 25% das titulacións que teñen meirandes dificultades de acceder ó mercado de traballo”.
Dado que non se mantén a limitación de titulacións acordada no CAE, debe suprimirse este apartado.
Terceira.- En relación co “Programa de fomento da contratación temporal dos desempregados incorporados ó Programa Labora” entendemos que financia-la precariedade dos xovenes, nun momento en que a taxa de temporalidade dos menores de 30 anos é do 60 % parece unha bulra.  Debe suprimirse este apartado.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Disposición transitoria segunda.
Respecto do establecido nesta disposición, a CEG propón que as altas anteriores á data de entrada en vigor desta orde poidan beneficiarse das axudas nela previstas, sempre e cando as solicitudes se formulen con posterioridade a súa entrada en vigor.
Anexo A. Sexta.- Axudas.No último parágrafo desta disposición establécese que os incentivos reduciranse proporcionalmente ó tempo efectivo de traballo cando o contrato se celebre a tempo parcial.
A CEG propón que a referencia ó tempo de traballo sexa substituida por xornada de traballo, quedando polo tanto a redacción do seguinte xeito:”os incentivos reduciranse proporcionalmente á xornada de traballo …”.
Anexo C. Quinta.- Requisitos.
Establece esta disposición que serán subvencionables os contratos temporais a xornada completa, cunha duración inicial mínima de 12 meses.
A CEG considera que a duración mínima que debe esixirse debe se-la mesma que para a contratación do colectivo en risco de exclusión social, é dicir, 6 meses, propoñendo que se teña en conta a duración do contrato para conceder máis ou menos incentivo.
Sexta.- Axudas.
O apartado 3 desta disposición establece un incremento do incentivo cando o traballador contratado en prácticas posúa o título universitario de doutor.
A CEG considera que este incremento é interesante para as axudas reguladas no anexo B, pero a súa inclusión neste anexo non está xustificada. Propoñen que se equiparen as axudas ós titulados universitarios coas axudas ós doutores.