ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS DO PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES QUE PERCIBIRAN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004.

I.  ANTECEDENTES

O día 4 de febreiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á seguridade social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a súa convocatoria para o ano 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicado no DOG o día 14 de maio de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 23 de abril de 2003, parece que non foron atendidas as propostas deste comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
Entre a documentación a presentar, sinálase no apartado 2 a) os boletíns de cotización correspondentes ás mensualidades polas que se solicita o aboamento de cotas, mentres que na norma anterior eran os correspondentes ó trimestre natural. No apartado 2 b) engádese a presentación da copia da resolución pola que se aproba o aboamento da prestación por desemprego nun único pagamento. Por último, inclúese un apartado c) que na norma anterior figuraba como apartado 1 da disposición adicional segunda.
Neste mesmo artigo in fine fálase de prazo de presentación das solicitudes, mentres que a norma anterior referíase ó prazo de presentación dos correspondentes boletíns de cotización.
Artigo 5º. Resolución.
No apartado 4, onde antes dicía simplemente que transcorrido o prazo de resolución sen que se dicte resolución expresa entenderíase desestimada, a redacción modificase un pouco, concretando as normas reguladoras do procedemento administrativo.

Artigo 6º. Incompatibilidades e concorrencia.
Engade un apartado 2 no que se establece que o importe das axudas non poderá ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións, de tal contía que supere o custo da cotización á Seguridade Social satisfeita polo beneficiario.
Artigo 7º. Obrigas dos beneficiarios.
Este artigo contén o establecido no apartado 3 disposición adicional segunda da orde anterior e introduce a obriga de comunicar ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a obtención da subvención, dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente doutras axudas para a mesma finalidade.
Artigo 8º. Modificación da resolución concesoria.
Antes figuraba como disposición adicional segunda, apartado 2.
Artigo 9º. Revogación.
Antes figuraba como disposición adicional segunda, apartado 4.
Disposición adicional cuarta.
Esta disposición in fine establece que os créditos para financiar as axudas poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.
Disposición transitoria.
Establece que as solicitudes realizadas ó abeiro de ordes correspondentes a exercicios anteriores, que quedaran pendentes no momento de entrada en vigor desta norma poderán ser atendidas con cargo ós créditos destinados a dito fin para o ano 2004.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as base reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á seguridade social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, nove artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 13 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:


DICTAME 19/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á seguridade social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a súa convocatoria, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de febreiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

1ª.- Artigo 5º.4. Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

2ª.- Disposición adicional terceira. Esta disposición sinala que as delegacións provinciais da Consellería competente poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento do establecido na orde.
Enténdese esta aseveración da norma rotunda en exceso, pois a Lei 30/92, do 26 de novembro, no seu artigo 35º f) establece que os cidadáns non teñen a obriga de achegar aqueles documentos de interese para o procedemento se os mesmos se atopan xa en poder da Administración actuante e, cando se trate de documentos orixinais, tralo correspondente cotexo dos mesmos, deberán devolverse ó seu dono.
En consecuencia, propoñer adecua-lo contido desta norma ás disposicións recollidas na Lei 30/92, do 26 de novembro.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Neste artigo fíxanse os requisitos para ter dereito as axudas establecidas nesta norma. O apartado c) deste artigo esixe terse constituido como traballador autónomo sempre que se trate dunha persoa con minusvalía igual ou superior ó 33 por 100.
A CEG quere propoñer que se teña en conta a modificación establecida na Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, segundo a cal os traballadores que vaian establecerse como autónomos poderán capitaliza-lo 20% da súa prestación por desemprego para afronta-los gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social. En consecuencia, o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluir como beneficiario a cualquier traballador autónomo que desexe capitaliza-lo 20% da súa prestación por desemprego.