ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS E A CONVOCATORIA PARA O ANO 2004 DOS PROGRAMAS DE FOMENTO DO EMPREGO EN EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL E DE PROMOCIÓN E DIVULGACIÓN DO COOPERATIVISMO

I. ANTECEDENTES.

O día 6 de febreiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e a convocatoria para o ano 2004 dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG 14 de maio de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 23 de abril de 2003, así como do texto obsérvase o seguinte:

Á vista deste borrador, parece que se tivo en conta a proposta da CEG no senso de que sexan os propios promotores do proxecto os que elaboren a memoria que se esixe no anexo A para o caso de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo 2º. Concepto de desempregado.
Engádese in fine que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
Disposición adicional quinta.
Engade un derradeiro parágrafo no que se especifica que a comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.
Disposición transitoria.
Establece que as axudas realizadas ó abeiro de ordes de exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor desta orde poderán ser atendidas con cargo ós créditos de 2004.
Igualmente, as accións subvencionables ó abeiro do establecido no anexo A realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, poderán ser atendidas con cargo ós créditos que a financian.

Disposición derradeira primeira.
Engade un derradeiro parágrafo no que se faculta ó director xeral de Promoción do Emprego, no caso de ser necesario, para o establecemento dun baremo de gradación das contías máximas a conceder polas axudas do Anexo A, co obxecto de dar prioridade ás solicitudes presentadas e axusta-las ó crédito dispoñible.

ANEXO A. Programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais.
Segunda. Beneficiarios.
Limítanse as subvencións ás cooperativas ou sociedades laborais que desenvolvan a súa actividade nos sectores da industria, construcción comercio e servicios. Tampouco será de aplicación este programa ás axudas relacionadas con actividades de producción, primeira transformación ou comercialización ó por maior dos productos que figuran no anexo I do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea e ós sectores do carbón e da pesca, nin as axudas relacionadas con actividades de exportación.
Terceira. Tipos de axuda.
A chamada Axuda excepcional é substituída pola denominada Subvención directa para a adquisición de inmovilizado material ou inmaterial.
Cuarta. Axudas para a condición de socio traballador.
O apartado 1 engade ou modifica as seguintes circunstancias: mozos maiores de 25 anos e menores de 30 anos que non teñan unha experiencia laboral acumulada, excluídos os contratos para a formación superior a 180 días; mulleres desempregadas que se incorporen como socias traballadoras tras unha ausencia do mercado de traballo non inferior a 24 meses (a orde anterior incluía ás mulleres desempregadas que non estivesen incluídas en ningún dos supostos sinalados); e desempregados de longa duración maiores de 25 anos que estivesen sen traballo e inscritos na oficina de emprego durante 12 meses dos anteriores 16 meses ( a orde anterior anterior falaba de desempregados cun tempo en desemprego igual ou superior a 12 meses).
Por outra banda, o prazo de presentación das solicitudes establecido no apartado 2 pasa de dous a tres meses contados desde a data de alta na Seguridade Social, e sempre que a alta sexa posterior á data de entrada en vigor desta orde (relacionado co establecido na disposición transitoria segunda).
Quinta. Axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo.
A contía das axudas establecida no apartado 2 varía segundo a pertenza ós diferentes colectivos sinalados na base cuarta.
O prazo de presentación das solicitudes que figura no apartado 3 pasa de dous a tres meses.
Por último, no apartado 4 precísase que a incorporación deberá supoñer un incremento do emprego fixo (a orde anterior falaba simplemente de incremento do emprego) e que a estes efectos, non se terán en conta ós traballadores temporais. Exclúense das axudas ás incorporacións daquelas persoas que ostentasen a condición de socios traballadores nos dous anos anteriores á súa incorporación (a norma anterior non fixaba período algún).  

Sétima. Subvención financeira.
Modifícase o obxecto da subvención financeira, que consistirá en facilita-lo financiamento dos investimentos realizados en inmovilizado material ou inmaterial, que sexan necesarios para a súa posta en funcionamento ou ampliación así como para a incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións, mentres que en ordes anteriores a súa finalidade era facilita-lo emprego nas entidades de economía social. En consecuencia, esta base sétima varía na súa totalidade.
Oitava. Subvención directa para a adquisición de inmovilizado material e inmaterial.
Esta subvención substitúe á chamada Axuda excepcional, que ía destinada á creación de postos de traballo en réxime asociativo. A base oitava modifícase, polo tanto, integramente.
Novena. Solicitudes e documentación.
No apartado c), relativo á memoria técnica do proxecto empresarial ou plan de empresa, suprímese o establecido na orde anterior respecto á que estes estean elaborados ou informados por un experto externo á entidade ou por un técnico de emprego da Consellería.
No apartado d), relativo á declaración das axudas solicitadas ou concedidas, engádese in fine, que deberán indicarse todas as axudas de “minimis” recibidas durante os tres anos anteriores á data de solicitude, así como das que estean pendentes de resolver.
Décimosegunda. Incompatibilidades.
A axuda pola adquisición de socio traballador queda exceptuada da incompatibilidade coas dos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción de emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, da Consellería de Asuntos Sociais. Así mesmo, o importe da devandita axuda en concorrencia coa percepción do pago único da prestación por desemprego, non poderá superar a contía que corresponda á contribución obrigatoria á sociedade en caso das cooperativas, ou á adquisición inicial de accións no caso das sociedades laborais.
Decimocuarta. Beneficiarios do Programa Labora.
Establécese un incremento das axudas nun 10% no caso de beneficiarios do Programa Labora.

ANEXO B
Primeira. Programa I: Impulso de proxectos empresariais cooperativos.
3. Modalidade e contía das axudas.

Engádese un novo apartado de gastos subvencionables para a elaboración de proxectos técnicos legalmente preceptivos, que na orde anterior incluíanse no Programa II, xunto cos de estudios de prevención de riscos laborais, que nesta orde non figuran.
Quinta. Programa V: Promoción do cooperativismo mediante o fomento do acceso á condición de socio traballador.
2. Beneficiarios.

Suprímese o requisito de levar máis de dous anos como asalariados da cooperativa para acceder á condición de socio traballador.

Sexta. Programa VI. Apoio ás cooperativas prestadoras de servicios sociais e de integración social.
Este programa constitúe unha novidade desta orde. Establece o apoio específico ás cooperativas prestadoras de servicios sociais e de integración social, que inclúe axudas para a mellora da prestación dos servicios ou para a incorporación de profesionais cualificados, todo elo coa finalidade de facilita-lo desenvolvemento desta clase de cooperativas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a súa convocatoria para o ano 2004 dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, trece artigos, oito disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, dúas disposicións derradeiras e dous anexos (A e B).

O día 17 de febreiro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:


DICTAME 20/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras e a súa convocatoria para o ano 2004 dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de febreiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de febreiro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E  SINDICAIS:

O proxecto normativo que se somete a dictame establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude” (artigo 8º.2).
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. O anexo B desta orde regula as accións dirixidas á promoción e divulgación do cooperativismo.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as axudas reguladas nos seis programas deste anexo deben extenderse ás sociedades laborais e non limitarse tan só ás cooperativas.

Segunda. Consideramos que coa mención final que se fai no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais ás mulleres desempregadas inscritas como colectivo beneficiario, poderíanse obviar tódalas restantes que se realizan a estas: mulleres que se reincorporan á actividade laboral tras ausencia prolongada, mulleres que se contratan en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, mulleres víctimas de violencia doméstica... Simplemente co último colectivo, é dicir, “mulleres desempregadas”, xa se inclúen tódolos demais que a este tipo de beneficiarios se refiren.

Terceira. Outra cuestión a sinalar, no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, é que segundo o proxecto de orde, redúcense respecto de anos anteriores ó 2003 as modalidades de axudas para asistencia técnica a unha sola delas: a de contratación de directores e xerentes. ¿E si a nova empresa o que necesita é un bo estudio de organización ou comercialización, e non un xerente?.  ¿Refórzase desta maneira o apoio integral a este tipo de empresas, que segundo se di é o espírito inspirador da nova normativa?. Propoñemos incrementa-las modalidades de axudas neste apartado, polo menos ata a situación que se contemplaba en normativas de exercicios anteriores ó 2003.

Cuarta. Na regulación da subvención financeira (disposición sétima do anexo A), elimínase de novo (xa se regulaba así no 2003) a opción de financiar (ata un 25% do importe do préstamo) o activo circulante. En canto a esta modificación, temos que apuntar que en todo o proxecto empresarial non só se deben contemplar inversións en activos fixos, senón que se ten que preve-la necesidade de dispoñer dun adecuado capital circulante ou fondo de manobra (parte do activo circulante financiado con recursos a longo prazo), que garanta unha reserva de liquidez. Por exemplo, nunha empresa comercial sería necesario financiar a longo prazo parte das existencias en especial cando a súa liquidez non sexa inferior a 1 ano. Consideramos, polo tanto, que esta modificación pode supoñer que as empresas non dispoñan dos medios líquidos suficientes para desenvolve-la súa actividade, sen que esta se teña que ver imposibilitada, limitada ou excesivamente condicionada pola falta de liquidez.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece nos artigos 2º. 5 e 6º.3, respectivamente, como función dos citados organismos a de “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do órgano competente.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

1ª.- Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios.
O apartado a) deste artigo establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación consideramos que debería facela de oficio a propia Administración dado que posúe a información necesaria ó respecto. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa teña no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

2ª.- Anexo A. Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais. Base Cuarta. 1º. Axudas para a adquisición da condición de socio traballador.
Este artigo dí que se poderán conceder subvencións na contía máxima que fixa, para a adquisición da condición de “socio traballador” dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral, a aqueles que “no
momento de adquiriren dita condición” estean desempregados inscritos como demandantes de emprego no  Servicio público de Emprego.
A redacción deste parágrafo, aparte de non definir claramente o momento no que se adquire a condición de socio traballador ( si é cando se outorga escritura, cando se inscribe a constitución da cooperativa…) pode dar lugar a confusión, pois se pode interpreta-lo seu contido de xeito diferente.

Por esta razón, se propón a clarificación do que se quere dicir exactamente e cando se adquire a condición de socio traballador.

3ª.- Disposición adicional cuarta.
Esta disposición establece que, coa finalidade de fomenta-la cultura emprendedora, o autoemprego e as diversas fórmulas de economía social, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá realizar, con medios propios ou alleos, actividades de formación, investigación, divulgación e difusión.

Este Comité Delegado considera que tal como está redactada a disposición non queda claro o motivo da súa inclusión nesta orde, polo que propón que se suprima ou, no seu defecto, se xustifique e desenvolva correctamente.

4ª.- Disposición adicional sexta.
Establece esta disposición que os incentivos para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais poderán verse incrementados nas
contías que se establezan na normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais que regule este programa.

Este Comité Delegado solicita que se estableza unha actualización dos incentivos previstos na orde conforme ó incremento do IPC.

5ª.- Disposición transitoria segunda.
Esta disposición establece que as actuacións subvencionables ó abeiro do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais do anexo A realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, solicitaranse respectando os prazos, requisitos e demáis condicións establecidos na orde do 5 de maio de 2003, e poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financian esta orde.

Este Comité Delegado propón que as referidas actuacións subvencionables poidan beneficiarse das axudas previstas nesta orde, sempre e cando as solicitudes se formulen con posterioridade a súa entrada en vigor, aínda que as actuacións se teñan realizado con anterioridade.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª.- Exposición de motivos.
No parágrafo oitavo da exposición de motivos fálase de emprego “non precario”. A Confederación de Empresarios de Galicia considera que non está xustificada a utilización da referida expresión, polo que propón a súa supresión.

2ª.-  Artigo 6º. Solicitudes, prazo e documentación.
O apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes dos distintos programas deberán formalizarse por separado para cada un deles.
A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se poida presentar unha única solicitude para os distintos programas que se soliciten.

3ª.- Anexo A. Segunda. Beneficiarios.
No parágrafo terceiro desta disposición exceptúanse da aplicación das axudas determinadas actividades que se relacionan na mesma.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que as exclusións establecidas nesta disposición deberían eliminarse da mesma, regulando no precepto de incompatibilidades a imposibilidade de obtención de dúas axudas polo mesmo concepto, pero permitindo optar ós beneficiarios pola axuda que máis lles interese en atención ó plan de investimentos que teñan establecido.
4ª.- Anexo A. Quinta. Axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo.
O apartado 4 desta disposición modifícase respecto da redacción dada na orde do 7 de maio de 2003, establecéndose agora que a incorporación deberá supoñer un incremento de emprego fixo e que non se terán en conta a efectos deste incremento os traballadores temporais.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe manterse a redacción dada a esta disposición pola orde do 7 de maio de 2003.

5ª.- Anexo A. Sétima. Subvención financeira.
No apartado 2, última liña, desta disposición exceptúanse de ser obxecto de subvención os investimentos en activos móbiles no sector de transporte.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que esta exclusión debería eliminarse da norma polas mesmas razóns expostas na consideración 3ª.

6ª.- Anexo A. Sétima. Subvención financeira.
A redacción do apartado 3 non está clara. Debe contemplarse expresamente que poderán realizarse investimentos mediante a compra de equipos de segunda man sempre que se cumpran os requisitos que logo se citan.

7ª.- Anexo A. Novena. Solicitudes e documentación.
O apartado 1.b) esixe a presentación de alta no IAE ou, de se-lo caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.
Dado que agora mesmo os dous documentos están refundidos nun só, proponse esixir soamente o documento fiscal “036” de declaración de comezo de actividade.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Anexo A. Disposición decimocuarta.-  Beneficiarios do programa “Labora: Xuventude con experiencia”.
Esta disposición establece o incremento da contía das axudas no caso de desempregados incorporados ó Programa Labora.
Consideramos que non está xustificada a inclusión nesta orde do establecemento dun incremento  da contía das axudas cando se trate de beneficiarios deste colectivo.