ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASE REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA O FOMENTO DA ESTABILIDADE NO EMPREGO, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2004

I. ANTECEDENTES

O día 10 de febreiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da secretaria xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as base reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Ordes publicadas nos DOG os días 14 e 23 de maio de 2003 e o día 8 de agosto de 2003 e tendo en conta os respectivos dictames emitidos polo Consello con data do 23 de abril e 15 de xullo de 2003, parece que non foron atendidas as propostas deste comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
Modificación xeral.
A orde que se vai a dictaminar reune nun único texto as axudas á contratación indefinida que en exercicios anteriores se regulaban en diferentes ordes, estructurándoas en tres programas: Programa de fomento da contratación indefinida de colectivos desempregados con maiores dificultades de inserción laboral (antes regulado na orde de contratación por conta allea de colectivos desfavorecidos, no que se refire ás contratacións indefinidas); Programa de fomento da estabilidade (antes regulado na orde de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral); e Programa de fomento da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D (que en exercicios anteriores regulábase nunha mesma orde cos programas de fomento dos contratos en prácticas).
Como consecuencia das devanditas modificacións a nova norma articúlase nun corpo central, común ós diferentes programas, e en tres anexos nos que se establecen as características específicas de cada un dos programas que se contemplan.
Disposición adicional sexta.
Nesta disposición establécense diferentes cuestións relativas ó programa de fomento da estabilidade regulado no anexo B: periodo de referencia, criterios para determina-lo incremento da taxa de estabilidade no caso de empresas que presentaran os plans de estabilidade ó abeiro de ordes anteriores, prazos para o ano 2004, etc.
Disposición transitoria primeira.
Establece que as axudas realizadas ó abeiro das ordes correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor desta norma, poderán ser atendidas con cargo ós créditos de 2004, resolvéndose en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude.
Disposición transitoria segunda.
Respecto das contratacións de colectivos desfavorecidos e das vinculadas a I+D efectuadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, establece que se realizarán de acordo ós prazos e requisitos contemplados nas respectivas ordes de 2003 e que poderán ser atendidas con cargo ós créditos que financian esta orde.
Anexo A. Programa de fomento da contratación indefinida de colectivos de desempregados con maiores dificultades de inserción laboral.
Segunda. Réxime de axudas.
Especifícase que as axudas reguladas neste anexo adecuánse ó dereito comunitario, agás as axudas á transformación de contratos temporais de duración determinada realizadas con desempregados incorporados ó  Programa Labora que quedan sometidas ó réxime de axudas de mínimis.
Terceira. Colectivos desfavorecidos.
Modifica, en parte, as características dos colectivos desfavorecidos.

Cuarta. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
No segundo parágrafo do apartado 2 establécese que no caso de contratos de duración determinada celebrados con beneficiarios do Programa Labora, poderase incentiva-la súa transformación, con independencia da data de inicio do contrato temporal.
Quinta. Requisitos.
No apartado a), segundo parágrafo, establécese unha excepción á taxa de estabilidade no caso de contratacións con desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.
Sexta. Incentivos á contratación inicial.
Modifícase a contía das axudas en función dos colectivos cos que se contrate.
Sétima. Incentivos á transformación.
As axudas incrementaranse cando as transformacións se realicen con desempregados incorporados ó Programa Labora no momento da contratación inicial.
Novena. Prazo.
O prazo de dous meses previsto unicamente funcionará no caso de que as contratacións ou transformacións sexan posteriores á entrada en vigor desta orde (respecto dos outros supostos, os prazos prévense na disposición transitoria segunda).
Anexo B. Programa de fomento da estabilidade.
Segunda. Réxime de axudas.
Especifícase que as axudas adecuánse ó dereito comunitario por autorización da Comisión Europea.
Terceira. Ámbito de aplicación.
Suprímese, neste artigo e nos seguintes, a referencia ós plans empresariais.
O apartado b) dispón que os contratos a transformar teñen que terse celebrados con anterioridade á data que se determine na orde de convocatoria e financiamento (na orde anterior dicía antes do 1 de xaneiro de 2003), establecendo algunhas excepcións.
Quinta e sexta. Requisitos e incentivos.
Modificanse os requisitos e, en consencuencia, o apartado de incentivos.
Anexo C. Programa de fomento da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.
Segunda. Réxime das axudas.
Determínase o sometimento dos incentivos ó réxime de axudas de minimis.
Cuarta. Axudas.
Os incentivos á contratación inicial de desempregados incorporados ó Programa Labora redúcese de 1.800 euros a 600 euros.
Novena. Prazo.
O prazo de dous meses previsto unicamente funcionará no caso de que as contratacións ou transformacións sexan posteriores á entrada en vigor desta orde (respecto dos outros supostos, os prazos prévense na disposición transitoria segunda).

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as base reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para 2004” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, once artigos, oito disposicións adicionais, dúas transitorias, dúas disposicións derradeiras e tres anexos que regulan os diferentes programas.

O día 20 de febreiro reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:


DICTAME 21/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de febreiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de febreiro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece nos artigos 2º. 5 e 6º.3, respectivamente, como función dos citados organismos a de “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do órgano competente.

Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

Segunda. As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

· As medidas, en calquera caso, estarán destinadas ós colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
· Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
· Conexión de tódalas axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Este Comité Delegado considera conveniente destaca-las dificultades de comprensión e seguimento que entraña a lectura da propia orde, o que esixe un gran esforzo de concentración, polo que se propón a simplificación do seu contido.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

No parágrafo quinto da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a dictame establécese que unha das finalidades desta orde é que contribúa á diminución da rotación no mercado de traballo.
A CEG entende que a rotación en sí mesma non debe ser considerada como un índice de carácter negativo xa que é inherente ó funcionamento do mercado en determinados sectores. Só no caso de que a rotación sexa utilizada como instrumento de precariedade débese interpretar cunha connotación negativa.
Polo exposto, a CEG considera que a devandita expresión débese eliminar do texto da orde.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

1ª.- Artigo 6º. Resolución e recursos.
O proxecto normativo que se somete a dictame establece no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

2ª.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.
Este Comité Delegado suxire que no apartado 4 deste artigo se especifiquen os límites establecidos pola Unión Europea, xa que axudaría a simplifica-lo labor do solicitante.

3ª.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.
O apartado a) deste artigo establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación consideramos que debería facela de oficio a propia Administración dado que posúe a información necesaria ó respecto. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa teña no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

Esta mesma puntualización faise para cada ún dos anexos cando se regula a xustificación do pagamento.

4ª. – Anexo A. Terceira. Colectivos desfavorecidos.
Este comité solicita que na relación establecida no apartado 1 deste artigo se substitúan as letras j) e k) polas que correspondan, dado que estas son impropias do alfabeto galego.

5ª.-  Anexo A. Décimo primeira. Xustificación do pagamento.O apartado 1. b)  esixe a presentación da alta no imposto de actividades económicas ou, no seu caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda. Dado que agora mesmo os dous documentos están refundidos nun só, proponse esixir soamente o documento fiscal “036” de declaración de comezo de actividade.
Esta mesma puntualización faise respecto da disposición novena, 1.c) do anexo B que regula a xustificación do pagamento.

6ª.-  Anexo B. Sétima. Prazo.
O establecido nesta disposición “o prazo virá determinado pola orde anual de convocatoria” está en contradicción co disposto no apartado 2 do artigo 4º do proxecto normativo, que establece que “o prazo para a presentación de solicitudes de axuda ven establecido nos diferentes programas recollidos nos diferentes anexos desta orde”.
Polo exposto, este Comité propón que se estableza o prazo expresamente.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª. – Disposición adicional cuarta.
A CEG considera que a duración mínima que debe esixirse debe se-la mesma que para a contratación do colectivo en risco de exclusión social, é dicir, 6 meses, propoñendo que se teña en conta a duración do contrato para conceder máis ou menos incentivo.
2ª. – Disposición adicional sexta.
O apartado 3 desta disposición esixe que os contratos temporais obxecto de transformación deberán estar en vigor o 1 de xaneiro de 2004.
A CEG propón que a transformación dos contratos se aplique a calquera contrato temporal independientemente da data en vigor do mesmo.
Asi mesmo, o apartado 4 desta disposición sexta establece o prazo para a presentación de solicitudes.
A CEG propón que o prazo permaneza aberto durante todo o ano ou que se habilite un prazo específico para as transformacións de contratos que se realicen entre as datas das ordes do exercicio anterior e as deste ano.
4ª. – Disposición transitoria segunda.
A CEG considera recomendable facer coincidir o período de entrada en vigor desta orde co ano natural ou contemplar un prazo no sentido exposto na consideración anterior para o período situado entre a orde o ano anterior e a presente orde.
5ª.- Anexo A. Cuarta. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
O apartado 2 desta disposición establece as modalidades de contratación que poderán ser obxecto dos incentivos previstos no anexo.
A CEG propón a aplicación dos incentivos ás transformacións en indefinidos de calquera tipo de contrato e non só para os contemplados no devandito apartado.
O apartado 4 desta disposición cuarta  establece que nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.
A CEG propón que sexa posible reduci-la xornada do novo contrato indefinido e que se module o incentivo en función da duración da mesma.
6ª.- Anexo A. Quinta. Requisitos.
O apartado a) desta disposición esixe que a taxa de estabilidade sexa igual ou superior ó 65%.
A CEG considera que non é aceptable esixir o 65% xa que se trata dunha media rexional, propoñendo que se realice unha análise sectorial para determinar unha taxa por sectores e que non se utilice unha media xeral para todos eles.
7ª.- Anexo B. Terceira. Ámbito de aplicación.
O apartado 1.b), primeiro parágrafo, desta disposición fai unha referencia expresa á data que se determine na orde de convocatoria e financiamento. Non se entende esta remisión xa que tal orde é a que se somete a dictame.
Neste mesmo apartado 1.b) establécese que a xornada do novo contrato indefinido deberá ser igual á do contrato que se transforma. A CEG propón que sexa posible reduci-la xornada do novo contrato indefinido e que se module o incentivo en función da duración da mesma.
8ª.- Anexo B. Quinta. Requisitos.
O apartado 1.a) desta disposición esixe un incremento mínimo de 7 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia respecto da media acadada no período de referencia.
A CEG considera que debe figurar expresamente cal é o período de referencia que se cita. Ademáis, propón que se valore a tendencia da empresa e que non se estableza un incremento mínimo de 7 puntos, posto que eso implicaría igualar a sectores con comportamentos moi diferentes.
9ª.- Anexo B. Sexta. Incentivos.
O apartado 2 desta disposición establece que a contía da subvención será proporcional ó tempo efectivo de traballo.
A CEG propón que a referencia ó tempo de traballo sexa substituida por xornada de traballo, quedando polo tanto a redacción do seguinte xeito: “a contía da subvención será proporcional á xornada de traballo pactada”.
Esta mesma puntualización faise respecto da disposición cuarta, apartado 4, do anexo C que regula as axudas.

10ª.- Anexo C. Primeira. Obxecto.
Esta disposición establece no seu apartado 2.d) que poderán ser obxecto de subvención os contratos indefinidos iniciais que se realicen con mozos e mozas desempregados sempre que se incorporen a empresas de menos de 50 traballadores para a realización de tarefas relacionadas coa introducción de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

A CEG considera que debe ampliarse o límite a 100 traballadores, tendo en conta a estructura do tecido empresarial da nosa Comunidade Autónoma.