ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004

I. ANTECEDENTES.

O día 13 de febreiro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto das orde publicadas no DOG os días 14 e 23 de maio de 2003 e tendo en conta os dictames emitidos polo Consello con data 23 de abril de 2003, obsérvase o seguinte:


Na elaboración do borrador parece que se tivo en conta unha das consideracións feitas no dictame do exercicio pasado respecto de exceptuar da exclusión establecida no apartado 1 b) da base terceira do anexo A, a aqueles traballadores que finalizasen o seu contrato de traballo por causas non imputables ó traballador, como sucede no caso de despido improcedente ou despido por causas obxectivas.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Exposición do Motivos.
A exposición de motivos sinala entre as novidades a destacar a agrupación nun mesmo texto normativo dos programas que teñen por finalidade establecer incentivos para a creación do emprego das persoas con discapacidade, que en anos anteriores se viña regulando en ordes diferentes.

Artigo 1º. Finalidade.
En concordancia co exposto anteriormente, a finalidade destas axudas é promove-la integración laboral das persoas con discapacidade a través de tres programas: Programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e Programa de promoción do emprego autónomo (estes dous últimos, regulábanse no exercicio anterior xunto co programa para a promoción do emprego autónomo).

Artigo 2º. Concepto de persoa con discapacidade e desempregado.
Introdúcese neste artigo de forma expresa o concepto de persoa con discapacidade, que ven definido por un grao de minusvalidez igual ou superior ó 33%.
Artigo 5º.2. Solicitudes e prazo.
Establécese neste artigo a referencia ós prazos de solicitudes polas actuacións subvencionables realizadas dende a data en vigor desta orde (no caso de actuacións realizadas con anterioridade, os prazos especifícanse na disposición transitoria segunda).

Artigo 8º. Criterios de valoración.
Inclúe con carácter xeral para os tres programas que os desempregados pertenzan a colectivos en risco de exclusión social, así como a incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade (non figuraban entre os criterios de valoración na orde que regulaba a contratación indefinida de persoas con discapacidade).

Disposición adicional quinta.
Establece as condicións no caso de transformación de contratos en prácticas, que foran obxecto de subvención ó abeiro dos programas de fomento da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica.

Disposición adicional sexta.
Establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Disposición adicional sétima.
Determínase o financiamento das axudas.

Disposición transitoria primeira.
Establece que as axudas realizadas ó abeiro das ordes correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor desta norma, poderán ser atendidas con cargo ós créditos de 2004, resolvéndose en función da normativa que lles era de aplicación no momento da solicitude.

Disposición transitoria segunda.
Respecto das axudas por actuacións subvencionables efectuadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, establece que se realizaran de acordo ós prazos e requisitos contemplados nas respectivas ordes de 2003 e que poderán ser atendidos con cargo ós créditos que financian esta orde.
Fixa así mesmo un prazo para 2004 para as subvencións do custo salarial prevista na base quinta do anexo B.
Anexo A. Programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria
Terceira. Exclusións e requisitos.
Quedan exceptuados da exclusión os traballadores que terminasen a súa relación laboral nos tres meses previos á contratación, cando a devandita relación laboral finalizase por causa de despido declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do ET.
Cuarta. Axudas.
Incorpóranse neste artigo as modificacións introducidas no Rd 1451/1983 polo Rd/ 170/2004, principalmente no referente á maiores bonificacións no caso de contratación a mulleres con discapacidade.
Contémplase tamén a transformación incentivada de contratos de interinidade para substituír a traballadores con discapacidade, que teñan suspendido o seu contrato de traballo por incapacidade temporal, previstos na disposición adicional novena da Lei 45/2002.
Por outra banda, no apartado 1 d), onde antes dicía medidas de protección persoal, este borrador fala de equipos de protección persoal, engadindo entre as accións subvencionables a eliminación de barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo dos traballadores con discapacidade. Respecto destas axudas establece no apartado 5 que serán de aplicación ás empresas que celebren contratos temporais de fomento de emprego de acordo coa Lei 42/1994, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, sempre que a súa duración sexa igual ou superior a doce meses.
Sexta. Solicitudes e documentación.
Inclúese como documento a alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, no censo de obrigados tributarios. Suprímese o requisito de presentar proxecto ou memoria da empresa que se vai crear, de tratarse de empresas de nova creación.
Anexo B. Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.
Primeira. Obxecto.
Engádese que a xeración de emprego sexa preferentemente estable.
Cuarta. Proxectos de creación e ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.
No apartado 1 c) exclúense do cálculo do investimento en activo fixo os impostos que graven a adquisición, no caso de centros especiais de emprego que se consideren proxectos de recoñecido interese social.
No apartado 2 establécense novos criterios de gradación para determinar a contía das axudas.
Quinta. Mantemento de centros especiais de emprego.
Modificase a redacción do primeiro parágrafo, suprimindo o termo estable, en referencia ós postos de traballo e substituíndo o de minusválidos por persoas con discapacidade.
No apartado b) engádese in fine que no caso de atoparse o traballador en IT o importe da subvención salarial se referirá exclusivamente ós días nos que o pagamento sexa ó cargo, obrigatoriamente, do centro especial de emprego.
No apartado e) engádese in fine que se estará ó disposto no Rd 2273/1985, polo que se regulan os centros especiais de emprego.
Sexta. Solicitudes e documentación.
Introdúcense algúns cambios na documentación a presentar, tanto na documentación común a calquera tipo de axudas, como na documentación específica no caso de asistencia técnica, investimentento en activo fixo e bonificacións á Seguridade Social.
Xustificación e pagamento
Introdúcense tamén cambios na documentación especifica a presentar na fase de pagamento.
Novena. Prazos de presentación das solicitudes.
Modifícanse os prazos, fixándose nalgúns casos prazos concretos, de data a data.
Décima. Anticipos de pagamentos e pagamentos parciais.
Esta base é nova e fixa os requisitos para poder conceder anticipos no caso das subvencións por custo salarial.

Anexo C. Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade
Segunda. Beneficiarios.
Engádese un apartado 3 referente ós requisitos que teñen que cumprirse no caso de constituíren unha sociedade limitada.
Terceira. Tipos de axudas.
Suprímese a axuda para a adquisición da condición de socio.
Cuarta. Subvención financeira.
Engádese un apartado 2 no que se inclúen como potenciais beneficiarios desta subvención as sociedades limitadas, sempre que reúnan os requisitos establecidos na base segunda número 3, fixándose o importe máximo da subvención, que non poderá exceder de 4.500 euros por cada socio que cumpra os requisitos.
Quinta. Rendas para o inicio da actividade.
Rebaixase ó 50% da achega inicial do socio no caso de sociedades limitadas.
Sétima. Beneficiarios do “Programa Labora: Xuventude con Experiencia”
Neste artigo establécese o incremento das axudas no caso de desempregados beneficiarios do Programa Labora.
Oitava. Solicitudes e documentación.
Modifícanse nalgúns aspectos a documentación a presentar.
Novena. Xustificación do pagamento.
Modifícanse igualmente algúns apartados da documentación específica a achegar.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2004” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, trece artigos, sete disposicións adicionais, dúas transitorias, dúas disposicións derradeiras e tres anexos.

O día 20 de febreiro reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:


DICTAME 22/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de febreiro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de febreiro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL  PREVIA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece nos artigos 2º. 5 e 6º.3, respectivamente, como función dos citados organismos a de “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do órgano competente.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Os sindicatos con presencia neste Consello queren facer unha consideración de carácter xeral á regulamentación desta liña de axudas.

O encadramento normativo para acada-la integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que dictaminamos, ven constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ó emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementa-la merma que, teóricamente, sofre o empresario na súa producción e rendabilidade polo feito de contar de traballadores con discapacidade.

Coñecemo-la existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas, a saber: os sen ánimo de lucro e os que sí teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a dictame, posto que as duas modalidades de centros  reciben o mesmo tratamento.

Si volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con traballadores que posúen  minusvalías prácticamente insignificantes que lles permitirían desenvolve-lo seu traballo nunha empresa ordinaria e, que nembargantes, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibi-las axudas destinadas a palia-la aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que en supostos de subrogación nos servicios non se poda produci-la pertinente asunción de traballadores diminuídos pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambalas duas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou alomenos adoptar algún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas xa se están tomando medidas nese senso, como son as de non subvencionar ós centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non calificalos como tales facendo partícipes das axudas soamente ós que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dé cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora e concede-las axudas; facer unha selección estricta de tódolos centros respecto do cumprimento dos requerimentos legais para percibi-las mesmas; mante-la axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, os axentes sociais galegos a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes comités provinciais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

1ª.- Artigo 7º. Resolución e recursos.
O proxecto normativo que se somete a dictame establece no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.
Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

2ª.- Artigo 10º. Obrigas dos beneficiarios.
O apartado a) deste artigo establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación consideramos que debería facela de oficio a propia Administración dado que posúe a información necesaria ó respecto. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa teña no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª. - Artigo 6º. 9. Documentación.
Entre os documentos a presentar xunto coa a solicitude establécese unha declaración comprensiva de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade.
A CEG solicita o establecemento dun prazo concreto de obtención ou solicitude das axudas pola dificultade que entraña a presentación de tódalas axudas obtenidas ou solicitadas sen limitación temporal.
Esta mesma puntualización podería facerse en cada un dos anexos nos que se especifica a documentación a presentar.

2ª.- Disposición transitoria segunda.
A CEG considera que debería simplificarse a regulación referente ós prazos para a solicitude de subvencións establecidas de acordo co principio de simplificación administrativa e co obxecto de dotar dunha maior claridade a redacción da orde.  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

1ª.- Anexo C. Segunda. Beneficiarios.
O apartado 3 desta disposición establece os requisitos esixidos ás sociedades limitadas para seren beneficiarias da axuda prevista na cuarta deste anexo (subvención financeira).
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe suprimirse este apartado, posto que podería ocorrer que as persoas con discapacidade fosen utilizadas para acceder á axuda, transgredíndose deste modo os obxectivos da integración laboral deste colectivo.

2ª.- Anexo C. Sétima. Beneficiarios do “Programa Labora: Xuventude con experiencia”.
Consideramos que non está xustificado o incremento das contías das axudas para beneficiarios deste colectivo pola súa mera inclusión no Programa Labora.