ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA O INSTITUTO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL E SE REGULA O CONSELLO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

I. ANTECEDENTES.

O día 15 de marzo de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Decreto polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Decreto polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezasete artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

O día 22 de marzo de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:


DICTAME 23/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Decreto polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de marzo de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de marzo de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Antecedentes.
A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as competencias en materia de seguridade e saúde no traballo no ano 1982, cando polo Real decreto 2381/82, do 24 de xullo, foron transferidas as funcións e servizos do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, regulado, pola súa vez, mediante o Real decreto 577/82, do 17 de marzo.

Desde ese momento ata agora, produciuse un cambio substancial no enfoque da prevención de riscos laborais derivado da directiva marco 89/391/CEE, relativa á aplicación das medidas para promover a seguridade e saúde no traballo; da aprobación da Lei 31/95, de prevención de riscos laborais; das esixencias normativas derivadas do seu desenvolvemento regulamentario, así como da obriga de establecer canles de participación dos axentes sociais.

As altas taxas de sinistralidade laboral, tanto en número como na gravidade dos accidentes; o subrexistro das enfermidades producidas pola exposición a riscos laborais; a aparición de novos riscos e enfermidades de tipo laboral, que esixen un esforzo continuo de investigación; a estrutura empresarial galega, dispersa, atomizada, cunha elevada porcentaxe de pequenas empresas con escasa ou nula estrutura organizativa e graves dificultades para realizaren programas de intervención que cheguen de forma eficaz ós traballadores e traballadoras —en moitos casos nin tan sequera contan con delegados de prevención—; a constatación de que os gabinetes provinciais non estaban adaptados na súas estruturas ás novas necesidades, con falla de medios manifesta; e a falta de asunción das competencias en prevención por parte das consellerías de Industria e Sanidade.  

Todo o antedito ten levado a que os sindicatos suxeriramos a necesidade de adaptar os gabinetes provinciais de seguridade e hixiene a estes novos retos da prevención; por iso suscitouse o compromiso da Administración autonómica de crear o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Tiveron que pasar seis anos desde ese compromiso para que a Administración tomara a decisión de abordar a creación deste Instituto, tantas veces demandado polas organizacións sindicais.

Ó longo destes últimos anos os sindicatos máis representativos na nosa Comunidade Autónoma —dentro do marco do Consello Galego de Seguridade e Hixiene—, como en conversas informais, fixemos chegar a esa Consellería as propostas que defendemos como sindicatos, e que sucintamente son:

A necesidade de crear un Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral que, con orzamento propio, se configure como organismo autónomo de carácter técnico e administrativo, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que asumirá todas as competencias que en materia de seguridade e saúde laboral están distribuídas polas diferentes consellerías (Industria, Sanidade e Medio Ambiente), de xeito que se exerzan de forma integrada e co obxectivo de acadar a máxima eficacia. Así mesmo, a integración do persoal que agora depende dos gabinetes provinciais no novo organismo.


Valoración.
O proxecto que se nos presenta non responde ás nosas expectativas, e menos ás necesidades que Galicia ten na materia. O único cambio que vemos é o traslado da dependencia das direccións provinciais da Consellería deses gabinetes provinciais, que pasan a depender directamente da Dirección Xeral de Relacións Laborais. Ademais, créase un órgano, o Consello Xeral, onde se nos dá participación ós axentes sociais, igual como está a acontecer nos outros Institutos constituídos no resto das comunidades autónomas do Estado (achégase documentación complementaria).

As competencias, e mesmo as funcións que agora exercen as consellerías de Sanidade, Industria e Medio Ambiente seguen a depender de cada unha delas, malia o manifestado na última reunión do Consello Galego de Seguridade e Hixiene polo  director xeral de Industria, que afirmaba que non tiña medios para abordalas, e como o xa manifestado noutras ocasións pola representante da Consellería de Sanidade.

Tampouco se prevé dotar o Instituto dun edificio propio, cuestión que nos parece importante se se pretende que exerza como tal.

En canto ós cargos previstos no Instituto, danse duplicidades de cargos nas persoas que dirixirán o Instituto e mais actualmente a Consellería de Relacións Laborais; así, a Subdirección de Saúde Laboral da Consellería asumirá tamén a Dirección Técnica do novo Instituto, mentres que a Dirección Xeral de Relacións Laborais terá ademais as funcións da Dirección do Instituto.

Pensamos que esta duplicidade non é desexable, xa que calquera das responsabilidades requiren dunha dedicación exclusiva e deixa o Instituto cunha dependencia politica excesiva, cando polas funcións que terá que desenvolver o Instituto nos parece imprescindible que poda funcionar con criterios técnicos exclusivamente, o que dado o organigrama proposto, parece certamente dificil.

A Presidencia, que ocupa a persoa titular da Consellería, ten un exceso de competencias, que todo indica que serán delegadas e, polo tanto, poderían aparecer claramente noutro órgano de dirección.

Deberíase aproveitar o decreto para crear un corpo técnico do Instituto que, negociado cos sindicatos na mesa correspondente, estableza as escalas e os perfís da necesaria relación de postos de traballo – RPT- , onde o Director ou Directora formasen parte da propia RPT do organismo. Todo isto antes do proceso de cobertura das vacantes que agora están ocupadas con persoal interino, nalgúns casos dende hai máis de doce anos.

A creación do corpo técnico faise necesario si temos en conta o previsto na Lei 54/2003, de 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais no que se da unha nova redacción ó apartado 2 do artígo 9 no sentido de que as CC.AA. poderán amplir as competencias dos funcionarios públicos que exercen labores técnicas en materia de prevención de riscos laborais.

Por todo o devandito, propoñemos que o proxecto se retire e se abra un  proceso de negociación cos axentes sociais.


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia valora, en xeral, positivamente a normativa proposta de creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, polos seguintes motivos:

1. A mellora producida pola modificación do marco existente ata o de agora ó establecer dous organismos claramente independientes, un máis técnico (o Instituto) que fortalece as funcións a desenvolver na área de prevención de riscos laborais debido á modificación introducida na Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais, pola Lei 54/2003; e outro organismo de participación institucional e asesor na formulación das políticas de prevención (Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral).

2. Fortalécese a participación institucional dos axentes sociais a través da súa presencia na comisión consultiva do mencionado Instituto.

3. Asi mesmo, a normativa proposta fomenta a colaboración e cooperación coas distintas autoridades e administracións en orde á mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo.

4. Por último destacar a relevancia das funcións de asistencia e asesoramento técnico que o futuro Instituto pode prestar ás empresas, traballadores e ás súas organizacións representativas.


Por estes motivos considérase a normativa proposta un paso adiante na mellora do marco de xestión e institucional da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

1ª.- Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos debe figurar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

2ª.- Artigo 3º. Ámbito de actuación.
No apartado 3 deste precepto establécese que “prestarase especial atención ás actividades de prevención dirixidas ás pemes galegas” e debe dicir “…dirixidas ás pequenas e medianas empresas”.

3ª.- Artigo 4º. Funcións.
A letra k) do apartado 1 deste artigo debe substituirse pola que corresponda, xa que é impropia da lingua galega.
Establécese nesta disposición que é función do Instituto a de “estudiar, informar e propoñer normativas … así como elaborar recomendacións sobre determinados riscos laborais e de traballadores especialmente sensibles, menores e a protección á maternidade”.
Consideramos que a palabra “menores” debe susbstituirse pola de “mozos  menores de idade”.


Este mesmo apartado 1, na letra l), establece como función do Instituto a de “presta-la colaboración pericial e o asesoramento técnico á Inspección de Traballo e Seguridade Social e autoridades xudiciais, nos termos establecidos na lexislación vixente na materia e a aquelas institucións públicas que o demanden”.
Consideramos que na última liña debe dicir  “… materia, así como a aquelas institucións públicas que o demanden”.

No apartado 3 deste artigo 4º , en lugar de “Cooperar co Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo e a participación técnica na … ”debe dicir  “A cooperación co Instituto … e a participación …”.

4ª.- Artigo 6º. A Presidencia.
No primeiro parágrafo deste artigo debe suprimirse “en cada momento”, xa que queda clara a redacción ó dicir “o titular da consellería que teña atribuídas as competencias ..”.

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que non debe ser función do presidente do Instituto o nomeamento e cesamento dos membros do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, senón do presidente deste último, polo que propoñen que se suprima o apartado sinalado coa letra b) deste artigo 6º e que se regulen especificamente as funcións do presidente do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral no artigo 14º ou seguintes do presente decreto.


5ª.- Artigo 7º. A Dirección.
A letra g) desta disposición establece que é función da dirección o nomeamento e cesamento dos membros da Comisión Consultiva. Debe engadirse “de conformidade co establecido no presente decreto”.

6ª.- Artigo 8º. A Dirección Técnica.
A letra f) deste artigo establece que é función deste órgano “executar e coordina-las actividades que se desenvolvan e dos procedementos establecidos”. Debe dicir  “… e os procedementos establecidos”.

7ª.- Artigo 10º. A Comisión Consultiva.
O apartado 2 deste artigo establece os vocais que integran a Comisión. Este Comité considera que a citada Comisión debe ter unha estructura paritaria e tripartita: Administración, organizacións empresariais e sindicais deben ter un mesmo número de membros, propoñendo que sexan seis membros por cada grupo.

8ª.- Artigo 13º e artigo 17º. Indemnizacións por asistencias.
Este Comité propón que as asistencias e, en xeral, as actividades e tarefas que teñen por causa a participación nas reunións da Comisión Consultiva e/ou no Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e Comités Provinciais, se cubran coas dotacións que para tal efecto se consignen nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma. En todo caso, o importe das indemnizacións debe ser aboado ás organizacións, tal como sucede noutros organismos.

9ª.- Artigo 14º. O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
O apartado 2 deste artigo establece os vocais que integran o Consello, regulando no último parágrafo a asistencia ás sesións de asesores. Este Comité propón que se garantice na norma que podan asistir un número de asesores, como máximo, igual para cada grupo.


10ª.- Artigo 15º. Funcións do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
Este Comité observa que se omitíu no texto do artigo o destacado en cursiva: Apartado 1. h): “Crea-las comisións de traballo que se consideren necesarias..” .
Asi mesmo, propón que figure nun só apartado o disposto nas letras c) e d):
“c) Aproba-lo plan e a memoria anuais do Instituto”.

11ª.- Artigo 16º. Comités Provinciais de Seguridade e Saúde Laboral.
Este Comité fai as seguintes propostas:

- No primeiro parágrafo do apartado 2 debe suprimirse “en cada momento”, xa que queda clara a redacción ó dicir “o titular da Delegación Provincial da consellería que teña atribuídas as competencias ..”.

- Que se engada no texto do artigo o destacado en cursiva: “Apartado 2. b) Pola parte social, seis representantes designados polas organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma, en proporción á súa representatividade..”.

- Que se corrixa no texto do artigo o destacado en cursiva: “Apartado 2.c) Pola parte empresarial, seis representantes designados polas organizacións empresariais máis representativas de carácter intersectorial da Comunidade Autónoma”.

- Que se engada no texto do artigo o destacado en cursiva: “Apartado 3. c) Crea-las comisións de traballo que se consideren necesarias…”.

- Que o establecido no apartado 3.d) figure na letra e) e se engada un novo apartado d) que regule como funcións dos Comités Provinciais as enumeradas no artigo 15. 1. letras c), d), e) e f) referidas ó nivel provincial.

12ª.- Disposición adicional única.
Obsérvase a existencia dun erro na última liña do texto da disposición, propoñéndose a redacción que se destaca en cursiva: “…. sen que isto signifique ampliación do cadro de persoal ou do crédito orzamentario”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1ª.- Artigo 7º. A Dirección.
Nesta disposición, letra h), se sinala que o director do Instituto poderá realizar calesquera outras funcións que, no ámbito das súas competencias, lle podan encomendar outros órganos do Instituto ou o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Neste caso, o máis adecuado para unha correcta regulación de ámbolos dous organismos é que as competencias delegables o podan ser no presidente ou no vicepresidente do propio Consello e non no director do Instituto ó tratarse dun órgano distinto.

2ª.- Artigo 11º. Funcións e funcionamento da Comisión Consultiva.
O apartado 2 deste artigo establece que a Comisión poderase reunir en sesión extraordinaria a proposta do presidente ou, polo menos, unha terceira parte dos seus membros. A CEG considera que deberíase esixir un consenso de, polo menos, dous tercios da representación da Comisión.

3ª.- Artigo 14º. O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
O apartado 2 deste artigo, último parágrafo, regula a asistencia de asesores. A CEG considera, como xa se apuntou anteriormente, que débese garantir un número igual de asesores para cada grupo, e aínda máis, propón que se fixe no texto do artigo o número máximo de asesores que se permite.

Asi mesmo, respecto ás sesións extraordinarias do Consello (apartado 4), a CEG propón que se celebren por proposta do presidente ou, polo menos, por consenso de dous tercios dos seus membros.

Respecto ó establecido no último parágrafo deste artigo 14º, sobre o quórum esixido para a adopción de acordos do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, a CEG valora moi positivamente que se manteña o consenso como regra xeral ó igual que na regulación contida no artigo 9º.1 da Orde do 16 de xuño de 1997; non obstante, propoñemos que se extenda dita regra tamén ó réxime de adopción de acordos da Comisión Consultiva do Instituto.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

1ª.-  Artigo 10º. A Comisión Consultiva.
A estructura da Comisión debe ser paritaria e tripartita, seis membros para cada grupo, debendo especificarse, no apartado 2.b) que os vocais da parte social “serán designados polas organizacións sindicais máis representativas presentes no Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, proporcionalmente á súa representatividade”.

2ª.-  Artigo 14º. O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, co obxecto de evitar que sexa imposible adoptar acordos, dictames, informes e recomendacións no caso de que non exista unanimidade, propoñen a modificación do último parágrafo deste artigo 14º, que quedaría redactado como segue: “Os acordos, dictames, informes e recomendacións adoptaranse por asentimento, manifestada a unanimidade dos membros do Consello ou, a instancia da presidencia ou de calquera dos tres grupos, cando se xustifique pola súa especial incidencia e repercusión nas condicións de traballo, polo voto favorable da metade máis un dos presentes. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente”. Débese suprimi-la frase “ou de quen o substitúa”, posto que é obvio que esta persoa actúa en calidade de presidente.

Asi mesmo, neste artigo 14º, apartado 2, onde se establecen os Vocais, propoñemos que, tanto no parágrafo que fala dos axentes sociais como no seguinte (axentes económicos), se suprima a expresión “de carácter intersectorial” e se engada ó final de cada un dos dous parágrafos “en proporción á súa representatividade”.

Artigo 16º. Comités Provinciais de Seguridade e Saúde Laboral.
O apartado 4 deste artigo establece que os Comités Provinciais reuniranse, con carácter ordinario como mínimo unha vez cada dous meses. As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que débense reunir, como mínimo, unha vez ó mes.

Asi mesmo, neste apartado 4, no punto final, debe suprimirse “ou de quen o substitúa”, posto que é obvio que esta persoa actúa en calidade de presidente.