ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCAN PARA O ANO 2004 INCENTIVOS ÁS FAMILIAS PARA A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de maio de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2004 incentivos ás familias para a conciliación da vida laboral e familiar e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Non existen dictames previos ós que remitirse, xa que se trata da primeira norma desta natureza que proxecta a Xunta de Galicia.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2004 incentivos ás familias para a conciliación da vida laboral e familiar” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 24 de maio de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte dictame:

DICTAME 25/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2004 incentivos ás familias para a conciliación da vida laboral e familiar, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de maio de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de maio de 2004, acordou pronunciarse de forma NON UNÁNIME en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER XERAL DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT – GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG.
1. No último Comité Autonómico de Emprego celebrado o día 6 de maio, estaba na orde do día esta Orde. Ante as dúbidas que ela suscitou, o Director Xeral de Promoción do Emprego, D. Manuel González Torres comprometeuse a enviar ós axentes sociais outra documentación, o modelo de contrato a utilizar, e despois se volvería a tratar do tema. Non houbo ningunha documentación nova e aparece a Orde no Consello Galego de Relacións Laborais para o seu dictame. No Comité Autonómico non houbo, por parte dos sindicatos presentes, ningunha manifestación favorable a estes incentivos senón ó contrario. Consideramos, unha vez mais, que a Consellería está a xogar coa representación institucional dos axentes sociais no Servicio Público de Emprego e incumprir os compromisos que ela mesma adquire.
2. A Orde chamada “INCENTIVOS ÁS FAMILIAS PARA A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR” cando foi presentada no Comité Autonómico de Emprego, a Consellería establecía dúas finalidades:
a. “A diferencia de xénero no exercicio de dereitos e a asunción de obrigas entre homes e mulleres non pode determina-las relacións internas na organización da vida familiar. Isto fai necesario, por un lado configurar un sistema que teña en conta as novas  relacións xurdidas e un novo modo de cooperación e compromiso entre ámbolos dous sexos, que permita un reparto equilibrado de responsabilidades na vida profesional e na privada”.
b. “Crear ocupación de calidade e estable mediante o desenvolvemento da actividade económica que ofreza os servicios requiridos pola sociedade actual. Trátase de crear emprego no ámbito dos novos xacementos de emprego “servicios a domicilio”. Quizá sexa este segundo obxectivo o que máis problemas presenta á hora de configurar un incentivo para promove-la profesionalización e regularización da actividade, xa que é un sector con peculiaridades e características específicas en materia laboral . A falta de concienciación sobre a súa realidade profesional é o principal obstáculo para a súa profesionalización, posto que para que unha actividade se converta en profesión, esixe necesidade e demanda social, contido económico e conciencia da súa realidade social”
Consideramos que o reparto equilibrado de responsabilidades na vida profesional e na vida privada non se realiza por medio da contratación de persoas que asuman as responsabilidades privadas. Cabería plantearse cómo se concilia a vida laboral e familiar dos/as empregados/as de fogar, con outros/as?
Se o que a Consellería de Asuntos Sociais pensa de “mellorar a oferta dos novos xacementos de emprego de servizos de coidado de nenos e outras persoas dependentes” consiste en fomenta-la contratación de empregados/as de fogar, mellor que non fale de novos xacementos de emprego. Os empregados/as de fogar é unha antiga ocupación literariamente moi documentada. Non pode, polo tanto, ser considerada un novo xacemento de emprego de servizos a domicilio.

3. O procedemento que establece a Orde de incentivos ás familias consiste en crear “un programa de incentivos á contratación de empregados de fogar a través da concesión dunha axuda económica individual e directa ás unidades familiares con fillos menores de seis anos, ou maiores dependentes. As rendas brutas non poderán superar a contía, en cómputo anual, de 32.400 euros, no caso de unidades familiares monoparentais, non poderán superar a contía en cómputo anual de 26.400 euros”. O sistema que establece para estas axudas é unha porcentaxe sobre a equivalente ao importe do 50% da cota á Seguridade Social con cargo ao empregador no réxime de empregados/as do fogar
En relación a estas afirmacións é preciso matizar
a) O sistema que establece para estas axudas é unha porcentaxe sobre a equivalente ao importe do 50% da cota á Seguridade Social con cargo ao empregador no réxime de empregados/as do fogar. Os sindicatos temos manifestado que é necesario que desapareza o Réxime Especial de Empregados/as de Fogar e que se integren estes no Réxime Xeral.
b) A contratación de empregados/as de fogar debe, pois, estar ó alcance ás rendas mais baixas. Polo tanto a Orde establece que o umbral de renda máximo para poder acada-los beneficios desta Orde non pode superar mais de 32.000 euros/ano ou, no caso de familias monoparentais, 26.400 €. Estes umbrales de renda deberían permitir que foran ás familias mais desfavorecidas os que accedan  ós beneficios. Esto debería ser así de non ser porque a Consellería de Asuntos Sociais parece descoñecer cáles son os niveis salariais medios de Galicia. Segundo a Encuesta Anual de Coste Laboral Anual do 2002 o custo medio por traballador e ano no concepto de soldos e salarios para Galicia é de 14.921,04 €/ano (o custo medio do Estado é de 17.118,36). Así permítese que aquelas familias que soamente teñan uns ingresos dúas veces o salario medio anual podan acceder a estas axudas.
c) Tratase dunha Orde que soamente pretende dar solución ás familias que teñen recursos por riba da media e, polo tanto, dalgún xeito xa teñen acceso á solución. É unha Orde inxusta na medida en que destina recursos públicos para atende-las necesidades dos que mais teñen deixando sen solución ós demais.
d) O baremo de renda é a unidade familiar, non se ten en conta o número de fillos ou persoas dependentes, deberíase empregar a renda per cápita, só se utiliza a renda por unidade familiar, e non por número de membros que conformen dita unidade familiar.
e) Se discrimina as persoas contratadas a tempo parcial que queiran completa-los seus ingresos traballando para outra familia, xa que se o fai excluiríase desta axuda.
f) Unha vez máis a Comunidade Autónoma está aplicando duplicidade de axudas para un mesmo fin, actualmente xa hai unha medida fiscal para empregados do fogar dun máximo de 180€ e agora aparece esta axuda para o mesmo fin. Os que non están obrigados a facer a declaración da renda están excluídos da axuda fiscal, pero os que fagan a declaración terán dúas axudas, xa que non se establece ningún mecanismo de incompatibilidade.

EN CONCLUSIÓN:
Cosideramos que a Orde “INCENTIVOS ÁS FAMILIAS PARA A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR” non debe ser publicada por ser inxusta e clasista, utilizar un procedemento  que consideramos debe desaparecer (o réxime de empregados/as de fogar) e non servir para o fin que di perseguir: o reparto equilibrado de responsabilidades na vida profesional e na privada.
Os escasos orzamentos destinados a este programa (300.000 €) deberían ter mellor fin. Nese sentido no documento que hai un ano presentamos ante a Consellería de Asuntos Sociais os sindicatos plantexabamos dúas medidas que non teñen sido consideradas:
2.5 MEDIDAS PARA A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR OU PERSOAL
· Ademais de mante-las políticas de custo cero no caso de maternidade, hai que establecer unha liña de axudas que supoña a cobertura das cotizacións á Seguridade Social e ó desemprego durante o período de excedencias por coidado de fillos ou de persoas dependentes.
· Establecer unha prestación do 75 % do salario mínimo interprofesional durante o período de excedencias por coidado de fillos ou de persoas dependentes. No caso de maternidade/paternidade, a prestación iniciaríase xusto a continuación da baixa por este motivo. Para o caso da excedencia por coidado de fillos, durante o primeiro ano a prestación acadará o 100 % do SMI.


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER XERAL DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Tendo en conta que a medida enmárcase dentro das directrices do Plan Nacional de Acción para o Emprego e da Estratexia Europea de Emprego, as que consideran necesario establecer programas dirixidos a mellorar a oferta de servizos de coidado dos nenos e outras persoas dependentes, a CEG considera este programa como unha medida mixta de conciliación da vida familiar e laboral, así como de asistencia social e de promoción do emprego, que non debe facernos esquezer outras accións que deben poñerse en marcha para consegui-los fins pretendidos (servizos de gardería, asistenciais, …).

Non obstante o sinalado en anteriores dictames, deben terse en conta unha serie de limitacións que se establecen no mesmo deseño do programa que limitan a súa operatividade e que manifestamos para a súa reconsideración por parte da Consellería de Asuntos Sociais. Estas son:


1.- A necesidade de considerar a posibilidade de que o empregado do fogar poida traballar para varios empregadores incidiría nunha maior flexibilidade do programa pola posibilidade de que o custo da contratación poida compartirse por varias persoas, ainda que elo supoña subvencionar ó empregado de fogar “autónomo”. Asi mesmo, debería establecerse a posibilidade da subvención cando os ditos servizos sexan contratados a unha entidade prestadora dos mesmos, salvagardando as necesarias garantías (ILE’s, entidades prestadoras de servizos sociais). Neste senso, debería valorarse a necesaria coordinación con outros programas da propia Consellería de Asuntos Sociais (Iniciativas de Emprego, por exemplo).


2.- A consideración anterior conleva, por consecuencia, a necesidade de flexibilizar a xornada do empregado de fogar, adaptándoa ás necesidades das familias, pois pode haber casos nos que as catro horas diarias superen esas necesidades.

3.- Por outra parte, a CEG entende que a fixación de entrada da relación laboral de carácter indefinido supón tamén unha rixidez no programa; debe valorarse a contratación temporal (servizos determinados de duración incerta).

4.- Asi mesmo, tendo en conta que no programa defínese ás persoas dependentes a cargo como aquellas que se atopen en situación de severa e gran dependencia, que necesiten a axuda de terceiras persoas para a realización das actividades da vida diaria, entendemos que deberían establecerse como beneficiarios a unidades familiares con persoas dependentes ata o terceiro grao de parentesco (o segundo grao limita moito).

5.- Debe terse en conta a coordinación con outros programas de tipo asistencial como o bono-cheque asistencial.

6.- Por último, debe eliminarse a imposibilidade de contratación nos supostos de persoas contratadas nos tres meses anteriores, recollida no artigo 3º.b) do proxecto de orde.