ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS A TRABALLADORES OCUPADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2004.

I. ANTECEDENTES

o día 10 de xuño de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2004,  e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


É unha novidade a regulación separada nunha única orde das subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Anteriormente regulábanse estas xunto coas accións dirixidas a desempregados e dentro das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan FIP, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. A última Orde é a de 21 de marzo de 2003 (publicada no D.O.G. o 31.03.03) e dictaminada polo Consello Galego de Relacións Laborais en data 11 de novembro de 2002 (Dictame 32/02), que agrupaba as accións dirixidas a ocupados en tres subprogramas:

a) Accións formativas referidas unicamente ás especialidades formativas incluídas no Ficheiro de especialidades do Inem.
b) Plans de formación formulados polos conglomerados industriais ou clústers constituídos no ámbito da Comunidade Autónoma; organismos sectoriais e paritarios e outras organizacións empresariais e sindicais representativas no ámbito sectorial ou territorial.
c) Plans de empresas, individualmente consideradas, que presenten accións formativas que poidan considerarse de carácter estratéxico e/ou de carácter experimental.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a dictame, trala sentenza 190/2002, do 17 de outubro, do Tribunal Constitucional, correspóndelle á Administración da Xunta de Galicia a xestión da formación profesional continua dentro do seu ámbito competencial.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2004” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 16 de xuño de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 26/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xuño de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de xuño de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL PREVIA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran e así o piden á Administración que debe publicarse o Acordo Galego de Formación Continua asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais galegos.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan as seguintes propostas de modificación:

1ª.- Artigo 6º. Custos subvencionables.
Este Comité propón que, ademáis dos relacionados no artigo 6º, sexan subvencionables os seguintes gastos:

- Gastos de personal dos centros de preparación, seguimento e control docente da actividade.
- Gastos de seguros de accidentes dos alumnos, que é obrigado concertar e que se mencionan expresamente na orde (artº. 8º.8).
- Gastos de publicidade das entidades, para poder levar a cabo a difusión das actividades que se mencionan expresamente na orde.
- Concretar, no punto terceiro do apartado a), dentro dos gastos correntes tales como materiais e subministracións, que están incluidos os gastos de medios e materiais didácticos (textos, material dun só uso polo alumno) e os materiais funxibles utilizados durante a realización da actividade.
- Gastos de personal directivo e administrativo da entidade xestora.


2ª.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.
O apartado A deste artigo relaciona a documentación que hai que presentar, establecendo, en penúltimo lugar, que as entidades con ánimo de lucro deberán acreditar que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais.

Este Comité considera que esa esixencia debe afectar a tódalas entidades beneficiarias, sen excepción, polo que propón elimina-la referencia a entidades con ánimo de lucro e substituila pola de “entidades impartidoras”.

O apartado B establece como se fará efectivo o aboamento da subvención, regulando a posibilidade de pagamentos parciais e anticipos sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Este Comité  considera que a redacción deste artigo debe modificarse tendo en conta os gastos financeiros que xeran ás entidades impartidoras os sistemas de pagamento establecidos. Os problemas que estes prantexan xa se manifestaron na aplicación da Orde reguladora das subvencións para accións formativas do Plan FIP, que contén idéntica redacción.

3ª.- Artigo 11º. Seguimento e control das accións formativas.
O apartado 1 deste artigo establece que para verificar o cumprimento do disposto na orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, engadindo como novidade (posto que nas ordes anteriores non estaba recollido) que o seguimento e control poderá facelo o persoal que se contrate para o efecto.

Este Comité considera que o sistema de seguimento e control é unha competencia exclusiva da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou das súas delegacións provinciais e non pode levarse a cabo por persoal contratado para o efecto, polo que propón que se suprima esa referencia.

4ª.- Artigo 18º. Instrucción do procedemento.
Este artigo establece que a comisión de valoración informará os expedientes aplicando a valoración establecida pola Administración e os axentes sociais  asinantes do Acordo Galego de Formación Continua, os que –en tanto non se constitúa a Comisión Galega de Formación Continua- analizarán os expedientes e emitirán informe.

Este Comité considera que o devandito informe ten que ser tido en conta polo órgano competente para resolver, polo que propón unha nova redacción do apartado 4 deste artigo 18, que quedaría como segue:

“4.- A comisión de valoración, tendo en conta os criterios recollidos neste artigo, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver, que o fará sempre de acordo co informe emitido polos asinantes do Acordo Galego de Formación Continua”.

5ª.- Artigo 19º. Resolución.
Establece este artigo, no seu apartado 2, como tempo máximo de resolución dos expedientes o de seis meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros dictames precedentes, considérase oportuno acortar ese prazo a tres meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.

Prosegue este precepto dicindo que pasado ese prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Tamén na mesma liña que o manifestado en dictames precedentes, enténdese que a Administración debe contestar sempre de xeito expreso ós administrados e, en todo caso, o silencio administrativo debe ser, como regra xeral, positivo, fundamentalmente cando están en xogo intereses económicos para os administrados.




CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficiarios das axudas poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria.

As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais propoñen a eliminación do citado apartado posto que consideran que non deben estar permitidas as subcontratacións.