ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TÉCNICOS LOCAIS DE EMPREGO NO ÁMBITO DA COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS COAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2004.

I. ANTECEDENTES

O día 17 de xuño de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 30 de xuño de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 5 de maio de 2003, obsérvase o seguinte:  

- Na elaboración do borrador parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas no dictame do exercicio anterior.
- O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

o Exposición do Motivos. No parágrafo cuarto, último punto, da exposición de motivos sinálase que púxose en marcha a web da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia.
o Asi mesmo, no parágrafo sete da exposición de motivos, consta que o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con fondos finalistas da Administración do Estado, por un importe de 2.900.000 euros, mentres que na orde do ano pasado o importe total era de 3.352.910 euros, xa que se financiaban tamén con fondos propios libres da Comunidade Autónoma.
o Artigo 4º. Liñas de axuda e duración da subvención. No apartado 4 establécese a incompatibilidade da subvención do 80% prevista no apartado 1 con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, mentres que no exercicio pasado a subvención era compatible sempre que a cantidade resultante non superase o 100% dos custos salariais totais do técnico local de emprego, incluida a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos.
o Artigo 5º. Solicitudes, documentación e prazo. No apartado 4 deste artigo fíxase o prazo de presentación de solicitudes en 40 días hábiles a partir do seguinte ó da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, mentres que a orde de 2003 establecía como último día hábil do prazo o de 31 de xullo de 2003.
o Artigo 7º. Criterios de valoración das solicitudes. Este artigo é novo e obriga á Comisión de Valoración a ter en conta unha serie de criterios para efectua-la selección das entidades beneficiarias das axudas previstas na orde.
Artigo 8º. Resolución e recursos. Recóllese, como novidade no apartado 2 deste artigo, os elementos que, como mínimo, conterá a resolución que poña fin ó expediente: Duración e data de inicio, contía da subvención que se vai outorgar e referencia ó cofinanciamento polo Fondo Social Europeo da subvención concedida.
Artigo 10º. Selección e contratación dos técnicos locais de emprego. No apartado 6 in fine a orde de 2003 establecía que as contratacións deberían realizarse e notificarse á respectiva delegación provincial antes do 15 de decembro. Neste borrador fíxase como data tope a do 30 de novembro de 2004.
o Artigo 12º. Xustificación e pagamento. O apartado 2 in fine establece como data límite respecto do prazo de remisión da documentación xustificativa, a do 15 de decembro de 2004.
o Artigo 13º. Obrigas das entidades beneficiarias. O apartado sinalado coa letra d) establece a obriga da utilización do logotipo da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia.
o Artigo 16º. Publicidade. Recolle este artigo como novidade a obriga da entidade beneficiaria de colocación dunha placa identificativa no modelo normalizado que se establece no Manual de Identidade Corporativa da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, así como a de utlización das normas gráficas recollidas no devandito Manual, co obxecto de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2004” consta de: Exposición de motivos, dezaséis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 24 de xuño de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 27/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de xuño de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día  24 de xuño de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames consideran que naqueles concellos onde non haxa parados suficientes para acadar un técnico local de emprego, deberá determinarse a necesidade da súa agrupación cos da súa comarca para ter masa crítica suficiente.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA.

Artigo 4º. Liñas de axuda e duración.
No apartado 1 deste artigo equipárase para a contía da subvención o ter tres anos de experiencia profesional con facer algún dos másters ou cursos de especialización que, na actualidade, son promovidos e nalgunha medida, impartidos, desde a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Esta equiparación parece, cando menos, unha invitación á contratación dos alumnos que realicen os citados cursos, dado que se traduce en case 3.000 € para a entidade contratante.
Polo exposto, este Comité propón a equiparación das subvencións previstas na letra b) do apartado 1 do artigo 4 coas previstas na letra a) de igual apartado e artigo, considerando que os másters e demais cursos de especialización poderán terse en conta no momento da selección dos candidatos.

Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, que consideramos excesivo. Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, contados desde que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Asi mesmo, este Comité propón que se elimine a referencia ó silencio administrativo e que se estableza a posibilidade dun recurso diante da Dirección Xeral de Promoción do Emprego ou da conselleira.


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.

Primeira.- A dotación orzamentaria deste programa vense reducindo notablemente. A súa evolución é como segue:

Como se pode comprobar, neste ano destínase un 37% menos que no ano 2001. Esta reducción dase nunha situación na que o número de parados está crecendo, polo que a inversión por parado é cada vez máis cativa: pásase de 34 € por parado no ano 2001 a soamente 20 € neste ano.
Considérase necesario un incremento dos créditos destinados a esta medida empregando para elo os destinados ás subvencións a empresas, tal e como está previsto no penúltimo parágrafo da exposicións de motivos desta Orde.

Segunda.- A Orde, no seu conxunto, configura ós técnicos locais de emprego (T.L.E.) como promotores de actividades e asesores das pemes no seu ámbito. Neste senso, é necesario relaciona-lo seu cometido coas Fundacións para o desenvolvemento comarcal existentes na actualidade e, dado a reducción de fondos, non duplicalos naqueles concellos onde existan Centros comarcais.

Terceira.- A Orde non establece os criterios de distribución dos créditos en relación cos analizados no Comité Autonómico de Emprego. Entendemos que debe ser en función do paro rexistrado, fundamentalmente, como se deben asignar os recursos.

Cuarta.- A duración prevista das contratacións dos T.L.E. por parte da Consellería de ata máis de seis anos sen que se establezan mecanismos para a consolidación do posto na plantilla do concello ou que a subvención se poda eliminar de facelo, non parece de recibo en quen ten que procura-la estabilidade no emprego. As taxas de precariedade na Administración Local veñen promovidas por ordes como esta.

Quinta.- A Orde, unha vez máis, non contempla mecanismo algún de participación dos axentes sociais previo ás resolucións da Consellería ou dos Delegados provinciais, tal e como está previsto nos artigos 2.5 e 6.3 do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral. Esta falta de informe previo podería dar lugar tanto a solicitudes de amparo en diferentes ámbitos (xudicial e parlamentario) como de anulación das resolucións por defecto de forma, ó non existir o informe previo previsto no mencionado Decreto.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E MAILA CIG.

Artigo 3º. Definición e funcións dos técnicos locais de emprego.
Dada a carencia dun elemento que estructure o conxunto de medidas activas de emprego nos diferentes ámbitos, parecería que a principal función dos T.L.E. debería ser a elaboración, xunto coas diferentes administracións e os axentes sociais, do plan de emprego da zona na que están incardinados.
As catro primeiras funcións establecidas coinciden plenamente coas das Fundacións Comarcais. Asi mesmo, non existen funcións de competencias propias da Dirección Xeral de Formación e Colocación. Tal e como está redactado este artigo parece dar a entender que os T.L.E. son o persoal da Dirección Xeral de Promoción do Emprego nos ámbitos locais, dado que seguen as directrices desta. Parece, pois, que teñen unha dependencia xerárquica da entidade local e outra funcional da Consellería. Considérase que as directrices da Consellería deben ser dirixidas á entidade local para que esta as transmita ó T.L.E.

Artigo 4º. Liñas de axuda e duración.
Nos apartados 2 e 3 deste artigo establécense unhas duracións dos contratos superiores á posta en marcha dunha área de emprego (ata máis  de seis anos). Considérase necesario que se estableza a contratación indefinida  despois do primeiro ano como requisito indispensable para a subvención, tanto continúe o mesmo T.L.E. como se varía a persoa pero, obviamente, manténdose o posto de traballo.

As reduccións previstas no apartado 3 deste artigo poden dar lugar á imposibilidade do mantemento do T.L.E. por parte das administracións locais. Suxírese que se estudie o mantemento da subvención mentres dure o servicio.

Artigo 5º. Solicitudes, documentación e prazo.
Na letra c) do apartado 2 deste artigo solicítase unha memoria tanto socioeconómica da zona como do plan de acción do T.L.E. Os datos socioeconómicos da zona debe telos dispoñibles en todo momento o Observatorio Ocupacional e as actuacións levadas a cabo nos anos anteriores a propia Consellería, polo que non ten sentido nin é acorde co procedemento administrativo, solicitar uns datos que a propia Consellería ten.

Artigo 6º. Procedemento.
Dado que o prazo de presentación de solicitudes é de corenta días, e o de corrección de erros é de dez días, pódese establecer que a Comisión de Valoración analizará tódolos expedientes presentados conxuntamente entre o segundo e o terceiro mes despois de publicada a Orde. Realizará o seu informe e as propostas de resolución –que serán enviadas conxuntamente cos expedientes ós Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral-  para que, antes da resolución do/a Delegado/a Provincial, emita o seu preceptivo informe.

Artigo 7º. Criterios de valoración das solicitudes.
Proponse substituir os criterios establecidos na Orde polos seguintes:
a) Existencia de Fundacións para o desenvolvemento comarcal, dado que estas desenvolven funcións similares ás establecidas na Orde para os T.L.E.

b) Número de parados no ámbito xeográfico para o que se solicita a súa evolución.
c) Participación dos Axentes sociais e vinculación dos plans de accións -ós que se refire o artigo 5º.2.c) desta orde- con pactos locais ou territoriais de emprego.
d) Coordinación do T.L.E. e xustificación do seu perfil nun plano supramunicipal, de ser o caso.
e) Valoración das actuacións levadas a cabo polos mesmos T.L.E. en anos anteriores. Esta valoración terase en conta soamente cara á denegación da subvención.

As solicitudes de entidades locais nas que existan Fundacións comarcais serán tidas en conta se, unha vez atendidas o resto de solicitudes, existe dispoñibilidade orzamentaria.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneiza-las Ordes que emite a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laboriais en materia de contratación de técnicos de emprego (enténdase axentes de emprego, técnicos locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...) co fin de simplificar administrativamente todo o entramado normativo existente na materia.

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito en que, por exemplo, na Orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distinta da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, establécense criterios diferentes respecto desta que estamos a dictaminar, no apartado de asignación de contías e de selección dos técnicos.

Así, ás entidades locais se lles permite a posibilidade de prorroga-la subvención pola contratación do técnico durante un quinto e sucesivos anos; sen embargo, para o resto das administracións, organismos e entidades sen ánimo de lucro tan só se admite a prórroga ata os catro anos.

Por outra banda, no que respecta ós requisitos para a selección dos técnicos, hai unha diferencia importante: Para ser axente de emprego os candidatos teñen que ser desempregados, mentres que para ser técnico local de emprego non é obrigatorio este requisito xa que, no caso de que os candidatos remitidos polo Servicio Público de Emprego non sexan idóneos, a entidade local pode acudir a outros procesos de selección, o que concede unha certa “flexibilidade” ás entidades locais no momento de contrata-lo seu persoal.

Segunda.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ten que xustificar a reducción de crédito para o financiamento das axudas establecidas nesta Orde.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 7º. Criterios de valoración das solicitudes.
A CEG propón que se engadan ós criterios establecidos neste artigo os seguintes:
i) Existencia de Fundacións para o desenvolvemento comarcal, dado que estas desenvolven funcións similares ás establecidas na Orde para os T.L.E.
l) Número de parados no ámbito xeográfico para o que se solicita a súa evolución.
m) Coordinación do T.L.E. e xustificación do seu perfil nun plano supramunicipal, de ser o caso.

Artigo 10º. Selección e contratación dos técnicos locais de emprego.
Respecto ó establecido no apartado 3 deste artigo, esta Confederación empresarial considera que debe primarse a experiencia profesional con carácter prioritario diante da titulación, no momento da selección e da contratación, respecto do listado de requisitos que establece este artigo no seu parágrafo terceiro. Ademais disto, menciónanse titulacións que non permiten levar a cabo un correcto asesoramento técnico.
En todo caso, o lóxico sería priorizar aquelas titulacións, así como masters e posgraos, que teñan relación co ámbito da xestión empresarial (empresariais, económicas, ...)

Establécese no apartado 5 deste artigo que no caso en que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato no prazo máximo de 15 días, na forma que establece o apartado 4 deste mesmo artigo.

Esta disposición presenta unha pregunta inmediata: ¿ábrese un novo proceso de selección ou ben, téñense en conta outras persoas da lista dos preseleccionados?

A proposta que se suxire para resolver esta dúbida, é que se acuda, en todo caso á lista de preseleccionados, non deixando deste xeito a libre albedrío da entidade local a presentación de candidatos sen máis.

Artigo 11º. Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.
O apartado 1 dispón que as entidades beneficiarias propiciarán a adaptación dos técnicos locais de emprego ós seus postos de traballo, facilitándolle-la metodoloxía e o material de apoio, así como o equipamento e recursos necesarios para o mellor desenvolvemento das súas funcións.
A CEG propón que debe precisarse nesta disposición os equipos informáticos precisos, indicando as súas características técnicas, a súa capacidade, prestacións, etc.

O apartado 2 deste artigo establece que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais “poderá” comproba-la idoneidade dos mencionados procesos de adaptación para garanti-la actualización permanente dos técnicos locais de emprego.

Proponse que ese control sexa obrigatorio en todo caso.