ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO 2004

I.  ANTECEDENTES

O día 29 de outubro de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 31 de marzo de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 11 de novembro de 2002, destácanse as seguintes modificacions:
o Artigo 4º.2. Axudas.
Modifícase a porcentaxe de incremento do importe da subvención no caso de accións formativas dirixidas especificamente a alumnos discapacitados, que pasa a ser do 35% do importe da subvención.
o Artigo 9º.- Pagamento e liquidación das subvencións.
Modifícase o apartado B, relativo ós sistemas de pagamento.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2004” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 5 de novembro de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:

DICTAME 27/03

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2004 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de outubro de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:


Primeira.- As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais manifestan, de forma unánime, a súa preocupación porque o grupo de traballo constituido no seo do Comité Autonómico de Emprego non teña acadado un resultado satisfactorio no establecemento dos criterios e deseño das políticas activas de emprego para o exercicio de 2004.

Segunda.- As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais manifestan, de forma unánime, as seguintes consideracións:
Formación ocupacional
A distribución da formación impartida no período 1999/2001 presenta no aspecto cuantitativo os mesmos defectos mencionados ó falar da orientación. A súa distribución non responde á participación de cada área nos demandantes de emprego.
A planificación da formación ocupacional —agás os cursos con compromiso de contratación— está determinada pola oferta formativa existente na área funcional; oferta formativa —salvo nos cursos con medios propios (o 8,13 %)— dependente de iniciativas alleas á consellería. Non hai mecanismos correctores en función das necesidades da área, nin sequera existen análises das necesidades de formación ou do mercado de traballo de cada área. Pódese dicir que a planificación da formación ocupacional vén determinada pola iniciativa, allea á Consellería, e, en boa medida, con ánimo de lucro.

Dado que se carece de instrumentos de planificación, sería necesario establecer unha correlación entre as especialidades formativas impartidas nunha área, as potencialidades dos diferentes sectores, os contratos rexistrados pola Clasificación Nacional de Ocupacións (CNO) e a Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE), as ofertas non cubertas, os contratos para a formación, etc., para determinar se se está a cubri-las necesidades do mercado de traballo a curto e medio prazo.
A avaliación da formación ocupacional non establece correlacións entre a especialidade formativa recibida e o posto de traballo ocupado. Isto impide analiza-la súa eficacia.
A distribución de alumnos no período mencionado aparece no seguinte gráfico:

Como se pode ver no gráfico, en Viana, A Paradanta, Os Ancares, Caldas, Terra de Soneira, O Condado, O Salnés, O Morrazo, Bergantiños, Barbanza e Terra de Celanova, menos dun 10 % dos parados asistiron a cursos de formación; en cambio en Deza, Lugo, Tabeirós, Ourense, As Mariñas, Valdeorras e Sarria máis do 25 % dos parados asistiron a cursos.
Con respecto á formación pódense face-las seguintes afirmacións:
1.ª) Non existen mecanismos para detecta-las necesidades de formación en cada área funcional. Non hai, polo tanto, métodos de planificación así que non se pode concluír se a formación responde ou non ás necesidades do mercado de traballo.
2.ª) Os criterios de repartición por áreas funcionais non responden ó número de demandantes destas. Dadas as grandes distorsións entre os diferentes parámetros (número de parados, número de especialidades e centros colaboradores, etc.) non se atopa ningún ó que poida responder a programación executada neste período.
3.ª) Nos cursos con compromiso de contratación, non só non se destinaron a acordos de traballo estables e incremento neto de cadros de persoal, senón que houbo compromisos con empresas que neses anos presentaron suspensión de pagamentos. Nalgúns casos non hai relación ningunha entre as horas dedicadas á formación e as de traballo efectivo (compromisos de contratación que investiron menos tempo con contrato de traballo ca na formación). Recentemente, empresas que prescinden dunha alta porcentaxe do seu persoal no período de vacacións, dan cursos con compromiso de contratación.
4.ª) A Consellería non ten articulados instrumentos para satisface-las necesidades de formación que non cobren outras iniciativas, privadas ou non. Hai áreas con necesidades claras de formación que non satisface ninguén e a Consellería non as cobre. Un síntoma claro disto, entre outras causas, é o pulo que en Galicia teñen os contratos para a formación (mentres que no conxunto da contratación, os rexistrados en Galicia non chegan a se-lo 5 % de todo o Estado, os contratos para a formación pasan do 10 %).
5.ª) É necesario poñer en práctica un sistema de análise da eficacia da formación ocupacional.
6.ª) Os obxectivos a plantexar ás provincias e ás areas funcionais deben establecerse en función do número de parados existentes en cada unha.
7.ª) É necesario establecer un procedemento que permita vincula-lo curso recibido coa ocupación na que se inserta.
8.ª) O mecanismo de planificación difire fundamentalmente nas diferentes áreas debido á existencia “doutras ofertas formativas públicas e á existencia de entidades homologadas solicitantes de Formación Ocupacional”. É preciso que se establezan mecanismos correctores de tal xeito que se asegure cubri-las necesidades formativas.
9.ª) É necesario establece-la esixencia ás empresas que impartan cursos con compromiso de contratación da relación de baixas.
10.ª) É necesario establecer un mecanismo que impida que empresas soliciten cursos con compromiso de contratación con reiteración (empresas que parece que ademais da sua actividade tiveran a formación como outra actividade) se non incrementan a plantilla, vinculándoos co incremento da estabilidade no emprego.
11.ª) Necesariamente toda a programación da Formación Ocupacional debe ser informada polo Comité Autonómico de Emprego ou polos Comités Pronvinciais  ademais de polo Consello Galego de Formación Profesional.

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

Destácase lo feito de que no borrador do proxecto normativo que agora se dictamina as únicas accións subvencionables son as dirixidas a desempregados. A CEG descoñece se, posteriormente, vaise publicar outra Orde destas características que subvencione accións formativas dirixidas a traballadores en activo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

Artigo 9º.- No referente ós pagamentos, para que o centro poda soporta-los xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos proveedores, becas de alumnos, etc., terá que constituir garantía a favor da Consellería, ocasionando unha serie de gastos financeiros que terá que soporta-lo centro impartidor. Creemos que, posto que estes gastos teñen unha relación co programa formativo en cuestión, deberían estar cubertos polo orzamento do curso.