ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2004

I.  ANTECEDENTES

O día 4 de novembro de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2004 e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 23 de abril de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 20 de febreiro de 2003, obsérvase o seguinte:



Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2004.

Artigo 3º. Financiamento.- O crédito consignado para esta axuda é de 774.555 euros, igual cantidade que figura na redacción definitiva da orde publicada no DOG de 23 de abril de 2003, mentres que no borrador dictaminado o 20 de febreiro de 2003 era de 744.504 euros.
Parece, pois, con este incremento dun 4%, que se tivo en conta parcialmente a consideración feita polas organizacións sindicais no dictame do exercicio anterior respecto da conxelación dos créditos cos que se financian estas axudas.

Procedemento.
Artigo 18º. Resolución.- O prazo para resolver será de catro meses, texto que coincide coa redacción definitiva da orde publicada no DOG, mentres que no borrador remitido para dictame era de tres meses.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2004” consta de: Exposición de motivos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.


O día 11 de novembro de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DICTAME 28/03


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2004, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de novembro de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:


Un ano máis vemos conxelado o importe destinado a estas subvencións, agás o programa I ó que se lle aplicou xa no exercicio de 2003 un incremento dun 4% despois de non terse modificado desde o exercicio de 1999. Os programas II e III manteñen a mesma contía desde 2000. Non podemos deixar de sorprendernos toda vez que as organizacións sindicais máis representativas en Galicia obtiveron no seu momento o compromiso do governo galego de incrementalas, alomenos, na mesma contía do IPC previsto.

Esta conxelación dos créditos cos que se financian as axudas obxecto da presente Orde fai necesaria a revisión das aplicacións orzamentarias que os contemplan, e por iso se demanda o seu incremento, en correspondencia con esa falta de actualización na cantidade resultante de aplica-los IPC reais deixados de percibir nos seguintes anos:

- Ano 2000: 4%
- Ano 2001: 2,7%
- Ano 2002: 4%
- Ano 2003: 3% (no mes de setembro)



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

Esta representación empresarial manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2004.

Ó non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, se está a conculca-los principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferencias establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.

Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais. Por poñer un exemplo, é o caso da Orde do 26 de setembro do 2000, da Consejería de Industria, Turismo, Trabajo y Comunicaciones da C.A. de Cantabria (BOC de 4 de outubro do 2000), pola que se aproba a convocatoria de axudas económicas a organizacións sindicais i/e empresariais, a que consideramos, salvada-las distancias e diferencias entre Comunidades, debera ser tida en conta por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:


Primeira.- O prazo para a presentación de solicitudes (artº 14) continúa establecéndose en 40 días hábiles. Considérase excesivo este prazo, tendo en conta ademáis o retraso que elo suporía na resolución das axudas, polo que se propón que se manteña o prazo anterior de 1 mes.

Segunda.- O artigo 18º “Resolución” establece que o prazo para a resolución das subvencións será de catro meses (no borrador da mesma orde en 2003 era de tres meses). Este aumento do prazo non parece axeitado, pois retrasará todavía máis o proceso.

Terceira.- O artigo 19º."Forma de pagamento e xustificación” establece, con carácter específico para o programa I, a posibilidade de librar anticipos no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa pola organización beneficiaria da subvención concedida. Plantexamos que esta posibilidade se amplie ós programas II e III.

Cuarta.- No artigo 20º sobre “Comprobación da aplicación das subvencións”, na súa segunda parte establece que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, xuntaranse os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ó gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2004 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2004.

Esta esixencia de aportación documental considerase excesiva cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ó gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o art.15).