ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/03

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O FUNCIONAMENTO DOS CENTROS ASOCIADOS Ó SERVICIO GALEGO DE COLOCACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES E A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS DAS ACCIÓNS A REALIZAR POLOS CENTROS ASOCIADOS.

I.  ANTECEDENTES

O día 18 de decembro de 2003 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 14 de marzo de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data 20 de febreiro de 2003, obsérvanse o seguinte:

O borrador presenta dúas modificacións respecto á orde do ejercicio de 2003:
· Artigo 16º.- Forma de pagamento: O prazo para que o centro asociado exprese a súa disconformidade coa relación provisional do pagamento que lles remite a Dirección Xeral de Formación e Colocación amplíase a 20 días (antes eran 15).
· Disposición adicional segunda.- Increméntase a consignación orzamentaria das accións reguladas nesta orde en relación ó ejercicio pasado.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados” consta de: Exposición de motivos, vintetrés artigos, cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 30 de decembro de 2003 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 29/03

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de decembro de 2003, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de decembro de 2003, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


1. CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME:
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente Dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2004. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

2. CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:
A Orde que se está a dictaminar tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais o día 18 de decembro estando fixada a reunión do Comité Autonómico de Emprego que tiña que informa-los diferentes programas para ó día 19. Este feito parece unha burla á participación dos axentes sociais no Servicio Público de Emprego.
Aínda que non fora mais que por garda-las formas, dado que xa sabemos cál é o talante que se respira na Consellería de Asuntos Sociais en relación coa nosa participación, esta Orde debería ser enviada non antes  do día 20.
A Xunta de Galicia estableceu no ano 1997 un sistema polo que se abrían á privatización certas funcións  do Servicio Público de Emprego, denominado Servicio Galego de Colocación no que incorporou no ano 1998 a rede de Oficinas de Emprego que lle foron transferidas. Un dos aspectos que privatizou foi  a xestión das ofertas de emprego, agás os sóndeos. O mesmo tempo, sen incrementa-lo persoal, engadiu novos cometidos ás Oficinas de Emprego, pensando, tal vez, que a parte privatizada supliría con creces o papel das Oficinas. Neste proceso investíu unha boa cantidade de recursos económicos transferíndoos ós centros asociados en pago das ofertas tramitadas.
Este plantexamento, sen que houbera control por parte da administración e dos axentes sociais provocou unha serie de fraudes, ata agora sen analizar na súa totalidade, consistente en mecaniza-los anuncios da prensa como se foran ofertas, etc. Un dato relevante é que as entidades con ánimo de lucro pasaran de xestionar 14.653 ofertas no ano 1999 a  xestionar 43.465 no ano 2000, e despois das denuncias feitas, no ano 2001 se quedaran en 29.083  ofertas. Pola contra, as Oficinas de Emprego xestionaron, en relación coa media dos anos 96 e 97, unhas 150.000 ofertas de emprego menos.
O resultado da privatización das ofertas foi que se antes da transferencia o INEM de Galicia xestionaba ó redor do 5 % do total das ofertas rexistradas no Estado, co novo sistema pasouse a xestionar, de media para o período 98 – 02 un 3’1 %. De mante-la tónica anterior, deberíanse ter xestionado unhas 630.895 ofertas, en vez das 394.689  ofertas xestionadas. Así pois, o novo sistema privatizado, ademais de caro e fraudulento, é aínda mais inoperante co que existía ata a transferencia. Por iso, plantexamos o seu cambio polo anterior e que soamente as Oficinas da Xunta xestionen as ofertas.
En relación co conxunto da Orde, consideramos que soamente deben ser Centros Asociados ó SGC as entidades sen ánimo de lucro e que as súas accións deberán estar relacionadas coas Medidas Activas de Emprego polas que foran recoñecidos, en concreto por Orientación Laboral e Formación Ocupacional.
As cuestións relativas á intermediación laboral deben ser competencia exclusiva das Oficinas de Emprego. Neste sentido procedería a supresión dos importes das partidas especificadas nesta Orde e a súa inclusión no Capítulo Dous, incrementando a dotación de persoal da Rede de Oficinas de Emprego.
Polo tanto, suxírese o incremento do capítulo II en 741.000 € co fin de dota-la rede pública de Oficinas de Emprego de técnicos de emprego.

3. CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Artigo 4.- Captación e tratamento de ofertas.
Engadir antes do parágrafo quinto, que di “A introducción na rede informática do Servicio Galego de Colocación do documento de oferta”, o seguinte parágrafo: >“Comunicación á Oficina de Emprego correspondente ó ambeto onde esté o Centro Asociado do contido da oferta indicando os datos da empresa, os postos de traballo ofertados e as principais características requiridas ós candidatos”.b>
Engadir antes do parágrafo sétimo, que di “O seguimento e peche do resultado da oferta” o segundo parágrafo do artigo 5º: Comproba-la dispoñibilidade das precandidaturas que resulten do emparellamento realizado a través do Servicio Galego de Colocación entre o perfil do/s posto/s de traballo ofertado/s e a base de datos de demandantes e informa-lo ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades”.
Artigo 5.-  Accións complementarias.
Proponse suprimilo, dado que o seu contido se propón incluílo no artigo 4.
Artigo 6º.- Usuarios dos Centros Asociados.
Darlle unha nova redacción a todo o artigo, dado que a introducción e mantemento dos currículos dos demandantes de emprego está relacionada co programa de orientación. Neste senso proponse a seguinte redacción:
Poden ser usuarios dos centros asociados ó Servicio Galego de Colocación as entidades públicas ou privadas que teñan a necesidade de cubrir un ou máis postos de traballo”.

Artigo 8.- Solicitude.
Respecto do establecido neste artigo, considérase que non debería ser necesario que os centros asociados teñan que presentar ano tras ano a mesma documentación. Parece máis lóxico que, se as circunstancias non varían, unicamente houbera que presentar unha solicitude de renovación sen aportar nada máis, tal como establecen as normas de procedemento admnistrativo.

Artigo 10.- Criterios de adxudicación.

No antepenúltimo parágrafo, deixar como criterios de adjudicación unicamente a captación de ofertas de traballo e a calidade na súa xestión.

Artigo 11.- Tramitación e resolución.

No apartado 2 deste artigo establécese que “o director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará resolución motivada e seralles notificada ós interesados”. Proponse o seguinte:
a) Engadir que a resolución dictarase no prazo de tres meses contados desde o día da presentación da solicitude no correspondente rexistro.
b) Suprimi-lo apartado 4 deste artigo 11.

Artigo 12.- Obrigas dos centros asociados.
- Letra f) Darlle a seguinte redacción: Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realiza-lo proceso de selección, mentres non este pechada a oferta e despois, enviala dentro dos quince días seguintes ó seu peche á Oficina de Emprego que lle corresponda”.
- Letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser impropias do alfabeto galego.
Artigo 13.- Polas accións de captación de oferta.
Debe incorporarse un primeiro parágrafo que diga: A efectos de percibir unha compensación económica, soamente serán tidas en conta aquelas ofertas que foran cubertas cos candidatos propostos polo SGC”.
Non se entende a diferenciación que se fai entre unhas entidades (con accións de orientación e/ou tratamento das demandas de emprego) e as demais. Entendemos que os orientadores que se financian a estas entidades non deben poder adicar parte do seu tempo ós procesos de selección dado que é a propia Consellería quen debe establece-la súa axenda de traballo con suficiente carga como para que non se podan dedicar a outras tarefas (intermediación).


Artigo 14.- Polas accións complementarias ó tratamento de ofertas de traballo.
Proponse a supresión deste artigo por entender que a Oferta inclúe tódolos pasos, dende a súa captación ata o peche, pasando, obviamente, pola comprobación da dispoñibilidade dos demandantes adscritos.
Artigo 23.- Participación institucional.
Engadir o final do parágrafo: “A participación dos axentes sociais para os efectos do Servicio Galego de Colocación efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego” e dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.
      Débese correxir o termo “institucional” no título do artigo.