ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2005 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.


I.  ANTECEDENTES

O día 5 de xullo de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2005 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto publicado no DOG o día 30 de xullo de 2003  e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 9 de xullo de 2003, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polo comité ó proxecto de decreto de 2003.
- O novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ó dictaminado en 2003, agás o establecido na exposición de motivos sobre a substitución, por coincidir en domingo, das festas do 1 de maio e do 25 de decembro polas do 19 de marzo e do 17 de maio, respectivamente.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2004 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 7 de xullo de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:




DICTAME 29/04



En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2005 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de xullo de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xullo de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións DE CARÁCTER NON UNÁNIME:




CONSIDERACIÓN XERAL DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).
Sería aconsellable que a Xunta de Galicia utilice a facultade regulamentada no artigo 37 do estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar ós lúns  as festas que teñan lugar entre semana, excluindo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables. A finalidade desta substitución é evita-la perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.
















CONSIDERACIÓNS XERAIS MANIFESTADAS POLA UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.


Primeiro. As organizacións sindicais que conforman este Consello fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Governo galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ó Governo do Estado para levar a cabo as modificacións legais oportunas có fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de maniobra para poder fixa-las súas festas, respetando, en todo caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse esta modificación legal que se suxire, sería plausible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas  de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega podería fixar máis festas de carácter cívico ou laico.

Segundo. Proponse a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio, por un termo máis acorde cos orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos Traballadores”.

Terceiro. En concordancia có reflectido na Exposición de Motivos da norma, cando establece que a rixe o “criterio de manter unha certa estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.”, suxírese que a denominación de certas festas se axeite a esa tradición, historia e cultura, mudando a súa designación, para achega-la máis preto da linguaxe actual da sociedade galega. A titulo de exemplo, o 6 de xaneiro sería o Día de Reis, e o 25 de decembro sería o Nadal.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME FEITA POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.


Primeira. Seguindo coa liña argumental de anos precedentes, estas duas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionaliza-lo día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”, en lembranza dos trascendentais sucesos acaecidos no Ferrol nesa data do ano 1972.

Segunda. Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, tal como figura no proxecto de Decreto, de “Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia” pola de “Día da Patria Galega”.