ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE REGULA A ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO REXISTRO ADMINISTRATIVO DE CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO.


I.  ANTECEDENTES


O día 8 outubro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de decreto polo que se regula a organización e funcionamento do rexistro administrativo de centros especiais de emprego e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Non existen ditames previos ós que remitirse, xa que se trata da primeira norma desta natureza que proxecta a Xunta de Galicia.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que regula a organización e funcionamento do rexistro administrativo de centros especiais de emprego” consta de: Preámbulo, cinco capítulos, catorce artigos, dúas disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 18 de outubro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo ditame que se referencia a continuación:



DITAME 30/04



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se regula a organización e funcionamento do rexistro administrativo de centros especiais de emprego, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de outubro de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de outubro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN PREVIA DE CARÁCTER UNÁNIME:

No Preámbulo, último parágrafo, está escrito “logo do informe favorable do Consello Galego de Relacións Laborais”. Esta expresión non é correcta, xa que este organismo emite un ditame preceptivo aínda que non vinculante, sendo a expresión correcta “consultado o Consello Galego de Relacións Laborais” ou “logo do ditame do Consello Galego de Relacións Laborais”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME

1ª. Artigo 2.- Concepto de centro especial de emprego.
O último parágrafo do apartado 1 deste artigo contén unha redacción contradictoria, polo que este Comité Delegado propón a seguinte: “ O seu cadro de persoal estará constituído polo maior número de traballadores con discapacidade que permita a natureza do proceso productivo. En todo caso, como mínimo, o 70 por 100 do cadro de persoal estará constituído por traballadores con discapacidade, sen que se computen a estes efectos o persoal dedicado á prestación de servicios de axuste persoal e social”.

2ª. Artigo 6.- Resolución e efectos.
O apartado 1 deste artigo establece un prazo máximo de seis meses para notificar o acordo ou denegación da inscrición no rexistro administrativo como centro especial de emprego.
Proponse substituir ese prazo por outro máis curto, de 45 ou 60 días.

Asi mesmo, este Comité Delegado propón que conste neste apartado que o silencio administrativo é positivo, suxirindo a seguinte redacción: “Transcorrido o prazo citado sen que exista resolución expresa, entenderase acordada a inscrición no rexistro como centro especial de emprego”.

3ª. Disposicións adicionais.
Proponse a inclusión dunha terceira disposición adicional, co seguinte texto: “Anualmente remitirase ao Comité Autonómico de Emprego un listado actualizado dos centros especiais de emprego, con ou sen ánimo de lucro, en activo segundo o rexistro, así como copia das memorias anuais de cada ún deles ás que se refire o artigo 13 deste decreto. Asi mesmo, calquera modificación no censo ou cambio na folla de inscrición no rexistro, notificarase ao Comité Autonómico de Emprego no prazo de sesenta días de terse producido”.