ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS MEDIANTE CONTRATOS PROGRAMA, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, PARA A FORMACIÓN DE TRABALLADORES OCUPADOS

I. ANTECEDENTES

O día 20 de outubro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa, de ámbito autonómico, para a formación de traballadores ocupados e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua, regulada no Real decreto 1046/2003, do 1 de agosto, ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Entre as iniciativas de formación continua que recolle o citado real decreto, figuran os contratos programa para a formación de traballadores. Os plans de formación continua, obxecto de financiamento mediante a subscrición destes contratos programa, teñen por obxecto tanto a mellora das competencias e cualificacións como a actualización e especialización profesional dos traballadores ocupados, sen que para isto sexa necesaria a intermediación das empresas nas que prestan os seus servizos.

Pola súa banda, a Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 30 de xullo de 2004 establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas mediante a subscrición de contratos programa para a formación de traballadores. En desenvolvemento da citada orde, á que se deberán axustar obrigatoriamente as ordes autonómicas de convocatoria de formación continua, son obxecto de subvención nesta convocatoria distintos tipos de contratos programas para a execución de plans de formación continua intersectorais, plans de formación específicos da economía social e plans de formación dirixidos a traballadores autónomos.

O Acordo Galego de Formación Continua asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais ten como un dos seus obxectivos principais a mellora da competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción.

É a primeira vez que o Consello recibe un proxecto de Orde con este obxectivo, polo que non existen ditames previos aos que remitirse.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa, de ámbito autonómico, para a formación de traballadores ocupados” consta de: Exposición de motivos, oito capítulos, vinteoito artigos artigos, seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 28 de outubro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:








DITAME 31/04




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa, de ámbito autonómico, para a formación de traballadores ocupados, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de outubro de 2004, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de outubro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


Non se presentan consideracións que resulten aprobadas por unanimidade do Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, polo que se incorporan como anexo as consideracións manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.







ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):

Primeira.- Artigo 7º. Entidades solicitantes: requisitos e acreditación.

A CEG considera necesario que se recolla no proxecto normativo, neste artigo 7º, o establecido na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de 30 de xullo de 2004, sobre o mesmo tema, que, no apartado quinto, dous, das súas disposicións xerais, establece: “De conformidad con lo establecido en el artículo 11.2 de la Ley 38/2003, de 17 de noviembre, General de Subvenciones, los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.

Asi mesmo, neste artigo 7º, letra c), a CEG propón que se substitúa a expresión “...con experiencia acreditada na xestión e desenvolvemento de accións formativas por si mesmas ou a través das súas organizacións asociadas e estean legalmente constituídas con anterioridade á data de publicación desta convocatoria” pola mesma expresión que figura no citado artigo, no seu apartado a) “máis representativas”, quedando o apartado c) coa seguinte redacción:

“Artigo 7º c.- As asociacións de traballadores autónomos con carácter intersectorial máis representativas no ámbito autonómico”.



Segunda.- Artigo 20º. Pagamento e liquidación das subvencións.

No apartado A deste artigo “Documentación que hai que presentar”, no primeiro parágrafo, esíxese ás entidades impartidoras que remitan á Dirección Xeral de Formación e Colocación a xustificación de custos dentro dos quince días seguintes ao remate da acción formativa sendo a data tope o 30 de xuño do ano 2005.

A CEG considera que o prazo de quince días e moi curto,  propoñendo que se amplie a un mes. Igualmente, considera que debe valorarse a ampliación da data tope do 30 de xuño, dado que só hai dispoñibles catro ou cinco meses para executar a acción formativa.

No apartado B), punto 1, deste mesmo artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c). A CEG manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Asi mesmo, propón que, até que non estea aprobado ese Decreto, a garantía que se esixe na letra d) deste apartado 1, sexa financiada pola Administración Autonómica.



Terceira.- Artigo 21º. Obrigas das entidades impartidoras.

Neste artigo, no seu apartado 5 b), esíxese ás entidades impartidoras que remitan un documento que acredite que o traballador está en activo na data de incorporación ao curso. A CEG propón que se instaure algún tipo de procedemento administrativo que permita controlar a situación de alta real dos traballadores, suxirindo que a Administración comprobe, consultando a vida laboral do traballador, que o alta é real, para poder así advertir á entidade beneficiaria no caso de que o traballador se atope en situación de baixa e esta poda proceder á súa substitución no primeiro cuarto do curso.