ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2005

I. ANTECEDENTES

O día 27 de outubro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do director xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2005 e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde se fai constar que o marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais, que no campo laboral convoca anualmente a Administración autonómica, está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, no seu artigo 4º, que establece que as subvencións serán destinadas ao desenvolvemento de actividades polas centrais sindicais.

Desde os anos 1991 e 1993 ampliouse esta liña de subvencións, extendéndose primeiramente á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social e, posteriormente, a plans de formación de cadros e delegados sindicais, así como ao fomento de gabinetes sindicais de formación.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 12 de xaneiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 11 de novembro de 2003, constátase que o texto do proxecto non varía respecto á Orde do exercicio de 2004, observándose o seguinte:

a) Os créditos consignados para os tres programas de axudas son de igual importe que na Orde do exercicio de 2004, o que significa que non se tivo en conta a consideración feita polas organizacións sindicais no ditame do exercicio anterior respecto da conxelación dos créditos cos que se financian estas axudas.

b) O prazo para resolver continúa sendo de catro meses. Non se considerou a proposta das organizacións sindicais para reducir o prazo polo menos a tres meses, tal como estaba establecido na Orde do exercicio de 2003.

c) O libramento de anticipos continúa establecido soamente para as axudas do programa I, porén terse solicitado polas organizacións sindicais a súa ampliación aos programas II e III.

d) No artigo 20º seguen a esixirse os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ao gabinete. As organizacións sindicais no dictame da Orde de 2004 consideraron que esta esixencia é excesiva posto que xa se pide no artigo 16º a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate.

e) Non se tivo en conta a consideración manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia, respecto á posibilidade de que se permita concorrer á convocatoria ás asociacións empresariais.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.


O día 4 de novembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:





DITAME 32/04




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2005,  da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de outubro de 2004, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de novembro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


Non se presentan consideracións que resulten aprobadas por unanimidade do Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, polo que se incorporan como anexos as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).





ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Un ano máis vemos conxelado o importe destinado a estas subvencións, agás o programa I ó que se lle aplicou xa no exercicio de 2003 un incremento dun 4% despois de non terse modificado desde o exercicio de 1999. Os programas II e III manteñen a mesma contía desde 2000. Non podemos deixar de sorprendernos toda vez que as organizacións sindicais máis representativas en Galicia obtiveron no seu momento o compromiso do governo galego de incrementalas, alomenos, na mesma contía do IPC previsto.

Esta conxelación dos créditos cos que se financian as axudas obxecto da presente Orde fai necesaria a revisión das aplicacións orzamentarias que os contemplan, e por iso se demanda o seu incremento, en correspondencia con esa falta de actualización na cantidade resultante de aplica-los IPC reais deixados de percibir nos seguintes anos:

- Ano 2000: 4%
- Ano 2001: 2,7%
- Ano 2002: 4%
- Ano 2003: 2,6%
- Ano 2004: (no mes de setembro) 3,2%


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- O artigo 18º “Resolución” establece que o prazo para a resolución das subvencións será de catro meses (no borrador da mesma orde en 2003 era de tres meses). Este aumento do prazo non parece axeitado, pois retrasará todavía máis o proceso.

Segunda.- O artigo 19º.”Forma de pagamento e xustificación” establece, con carácter específico para o programa I, a posibilidade de librar anticipos no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa pola organización beneficiaria da subvención concedida. Plantexamos que esta posibilidade se amplie ós programas II e III.

Terceira.- No artigo 20º sobre “Comprobación da aplicación das subvencións”, na súa segunda parte establece que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2006 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ó gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2005 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2005.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de aportación documental, cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ó gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o art.15).

ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

Esta representación empresarial manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2004.

Ó non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, se está a conculca-los principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferencias establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.

Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais. Por poñer un exemplo, é o caso da Orde do 26 de setembro do 2000, da Consejería de Industria, Turismo, Trabajo y Comunicaciones da C.A. de Cantabria (BOC de 4 de outubro do 2000), pola que se aproba a convocatoria de axudas económicas a organizacións sindicais i/e empresariais, a que consideramos, salvada-las distancias e diferencias entre Comunidades, debera ser tida en conta por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.