ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2782/2004, DO 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de novembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua, regulada no Real Decreto 1046/2003, do 1 de agosto, ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador. Entre as iniciativas de formación continua que recolle o citado Real Decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

Pola súa banda, a Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 30 de xullo de 2004 establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación. En desenvolvemento da citada orde, son obxecto de subvención nesta convocatoria as accións de estudo e investigación de carácter xeral e sectorial destinadas a analizar os factores que estruturan a demanda de formación continua, as accións destinadas á elaboración e experimentación de produtos, técnicas e ferramentas de carácter innovador para mellorar os sistemas pedagóxicos, organizativos e de avaliación da formación profesional continua dos diferentes sectores de actividade económica e aquelas de promoción e difusión destinadas a xerar redes de coñecemento da formación continua.

O Acordo Galego de Formación Continua asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais ten como un dos seus obxectivos principais a mellora da competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción.

É a primeira vez que o Consello recibe un proxecto de Orde con este obxectivo, polo que non existen ditames previos aos que remitirse.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte artigos, oito disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 9 de novembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:



DITAME 33/04




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de novembro de 2004, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:










CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):
Primeira.- Artigo 4º. Accións financiables.
Neste artigo establécense as accións que se consideran financiables ao abeiro do proxecto normativo.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que deberían priorizarse accións que teñan unha coherencia coa implantación doutras accións de formación, por exemplo, que podan ter aplicación efectiva a través da orde de subvencións para contratos programa.

Segunda.- Artigo 10º.  Determinación da subvención.
No apartado 3. A) deste artigo considéranse custos financiables os custos directos das accións complementarias que se citan, sinalándose no punto 6 os custos directamente ocasionados pola execución das accións complementarias que non se recollan no resto dos apartados, tales como publicidade, difusión, comunicación, entre outros, cando estas actividades estean recollidas na correspondente convocatoria.

Este Comité Delegado propón que sexa suprimido este último punto que se subliña anteriormente, dado que crea confusión. É preciso deixar claro que os custos sinalados neste punto 6 se consideran financiables.

Asi mesmo, obsérvase un erro no punto 5 deste mesmo apartado 3.A), xa que aparece escrita en castelán a última liña.




Terceira.- Artigo 12º. Pagamento das subvencións.

No apartado 1 deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).

Este Comité Delegado manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Asi mesmo, propón que, até que non estea aprobado ese Decreto, a garantía que se esixe na letra d) deste apartado 1, sexa financiada pola Administración Autonómica.

Este Comité Delegado considera igualmente que debe aclararse máis o que se establece na letra d) deste apartado 1, respecto da constitución da garantía, propoñendo a seguinte redacción: “... sempre que se constitúa garantía polo beneficiario nos termos do artigo 11 da Lei Xeral de Subvencións”.