ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVEN OS PROGRAMAS DE PROMOCIÓN E DIVULGACIÓN DO COOPERATIVISMO E A ECONOMÍA SOCIAL

I. ANTECEDENTES.

O día 4 de novembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 2 de abril de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 17 de febreiro de 2004, obsérvase o seguinte:

Á vista deste borrador, parece que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais no antedito ditame,  como, entre outras, a extensión das axudas ás sociedades laborais, a posibilidade de subvencionar unha asistencia técnica consistente na elaboración de estudios de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes económicos, ata un máximo de 2.000 euros por proxecto e a supresión do incremento da contía das axudas no caso de desempregados incorporados ao Programa Labora.

O novo proxecto normativo modifica, suprime e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

· Incorpóranse, como xa se dixo, as asociacións de sociedades laborais como beneficiarias do programa III (Fomento e consolidación do asociacionismo).
· Mantense o programa VI de apoio específico ás cooperativas prestadoras de servizos sociais e de integración social, que inclue axudas para a mellora da prestación dos servizos ou para a incorporación de profesionais cualificados.
· Específicase no artigo 1º que a promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social subvéncionase a través dos seguintes programas:

-Programa I: Impulso de proxectos empresariais cooperativas
-Programa II: Financiamento dos gastos derivados da constitución de cooperativas e da modificación ou adaptación dos seus estatutos sociais.
-Programa III: Fomento e consolidación do asociacionismo.
-Programa IV: Actividades de promoción do cooperativismo e adaptación ás novas tecnoloxías.
-Programa V: Fomento do acceso á condición de socio traballador.
-Programa VI: Apoio as coooperativas prestadoras de servizos sociais e de integración social.
· Específicase no artigo 3º que o crédito inicial para o conxunto de programas é de 557.138 euros.
· A competencia para coñecer e resolver as socilitudes corresponde soamente á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (antes o podían facer tamén os delegados provinciais e o director xeral de Promoción do Emprego).
· Establécese, no artigo 5º.3 que o prazo para a presentación de solicitudes dos distintos programas rematará o 30 de xuño de 2005.
· Nos artigos 6º e 7º sinálase a documentación xenérica e específica que deberá acompañarse ás solicitudes.
· No artigo 8º establécese que as solicitudes remitiranse á Dirección Xeral de Relacións Laborais (antes podían remitirse tamén ás Delegacións Provinciais e á Dirección Xeral de Promoción do Emprego).
· Engádese unha nova disposición adicional (a segunda) na que establécese que non se comunicará a resolución de concesión aos beneficiarios ata que resulten aprobados os créditos que figuran no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galega para o ano 2005.
· Suprímese do proxecto normativo o programa de  fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establecido na orde do exercicio pasado.
· Suprímense as disposicións adicionais primeira, terceira, cuarta, quinta, sexta e sétima e as dúas disposicións transitorias. Modifícase a disposición derradeira primeira.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaséis artigos, tres disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e un  anexo que recolle as bases reguladoras dos seis programas de axudas.


O día 15 de novembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo seguinte ditame, que contén unha consideración xeral unánime, así como cinco consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma en relación coa redacción dada aos artigos 6º.1, 7º, 10º.2 e 13º a) e á disposición adicional terceira no proxecto normativo. Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral non unánime da Confederación de Empresarios de Galicia e dúas consideracións específicas non unánimes sobre a redacción dada á exposición de motivos e ao artigo 5º.1, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.


DITAME 34/04


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de novembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, General de Subvenciones, que di: “los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E  SINDICAIS


Primeira.- Artigo 6º.1. Documentación xenérica.

Na última liña da documentación que se relaciona, esíxese unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións efectuadas ou concedidas, así como das axudas percibidas durante os tres anos anteriores sometidas ás condicións da normativa de minimis.

Este Comité Delegado considera que debe concretarse no proxecto normativo cales son as condicións da normativa de minimis.

Segunda.- Artigo 7º. Documentación específica.

No Programa I esíxese a presentación dunha factura individualizada correspondente a cada concepto subvencionable, mentres que no Programa V basta con unha certificación do acordo da cooperativa.

Este Comité Delegado propón que debe seguirse un criterio análogo en todos os programas de axudas, polo que suxire que en lugar da factura individualizada se esixa unha factura proforma ou un orzamento de cada concepto subvencionable, co compromiso de constitución da entidade cooperativa.  


Terceira. Artigo 10º.2. Resolución e recursos.

O proxecto normativo que se somete a ditame establece neste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Cuarta.- Artigo 13º a). Obrigas dos beneficiarios.

O apartado a) deste artigo establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación, polo que se refire ás obrigas autonómicas, consideramos podería facela a propia Administración coa mera autorización do beneficiario. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa teña no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.


Quinta.- Disposición adicional terceira.
No último parágrafo desta disposición establécese que “Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta Consellería reserva para si a facultade de incrementar a contía das axudas previstas nesta orde, efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Este Comité Delegado considera  que nestes casos non procede o incremento da contía das axudas, suxirindo que se permita soamente reabrir o prazo, quedando o texto da disposición adicional como segue: “Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta Consellería reserva para si a facultade de reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.


ANEXO
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

O proxecto normativo incorpora nesta convocatoria ás sociedades laborais como beneficiarias do programa III “Fomento e consolidación do asociacionismo”.

A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente esta inclusión, sen embargo considera que as sociedades laborais deben beneficiarse de todos os programas, polo que propón que podan acceder a todas as  axudas establecidas neste proxecto normativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Exposición de motivos.No parágrafo sexto da exposición de motivos do proxecto normativo establécense que as bases reguladoras destes programas axústanse ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe constar nese parágrafo unha referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, “Ley General de Subvenciones”.

Segunda.- Artigo 5º. Solicitudes, prazo e documentación.
O apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes dos distintos programas deberán formalizarse por separado para cada un deles.
A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se poida presentar unha única solicitude para o conxunto dos distintos programas que se soliciten.