ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/04

DICTAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE Ó EXERCICIO DO ANO 2005

I.  ANTECEDENTES

O día 8 de novembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio do ano 2005 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 3 de decembro de 2003 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de novembro de 2003, obsérvanse as seguintes modificacions:


o Exposición de motivos.
No penúltimo parágrafo establécese o financiamento das axudas previstas no proxecto normativo, cuxos créditos resultan modificados en relación coa orde do exercicio pasado (por un total de 37.188.163 euros), sendo para este exercicio de 37.998.064 euros.

o Artigo 5º. Pagamento.
Suprímese o último punto do apartado 1.a) deste artigo, que establecía no borrador da orde do exercicio pasado a posibilidade de solicitar ata un 30% máis como anticipo unha vez xustificado o 50%. Na orde publicada o 3 de decembro de 2003 no DOG xa se tiña suprimido.
Asi mesmo, no apartado 3 deste artigo establécese que poderanse aboar anticipos de ata o 50% da subvención concedida (no borrador da orde do exercicio pasado establecíase de ata o 80%, aínda que foi suprimido no texto publicado no DOG).

o Artigo 6º. Dereitos e deberes do alumnos.
No apartado 3 deste artigo engádese que “Serán consideradas faltas xustificadas as que teña o alumno que sexa contratado, cun máximo de cinco ao mes. A súa xustificación farase cunha copia do contrato de traballo”.




o Artigo 11º. Beneficiarios dos cursos.
Engádese neste artigo que “Non obstante, se durante o desenvolvemento dun curso algún alumno é contratado, poderá continuar asistindo á acción formativa, logo de autorización do órgano competente en cada caso, sempre que haxa total compatibilidade horaria entre o horario lectivo e o laboral”.

o Artigo 13º. Especialidades formativas.
Engádese un apartado d) que esixe ás entidades que promovan proxectos experimentais ou innovadores achegar “planos e unha descrición dos inmobles e instalacións: aulas e talleres onde se  vai realizar a acción formativa, concretando as respectivas superficies en metros cadrados, así como a relación de equipos e material que se vai empregar”.

o Artigo 14º. Módulos transversais.
A redacción deste artigo é nova, establecendo no seu apartado 1:  “En todos os cursos programados ao abeiro desta orde, agás nos proxectos formativos con compromiso de contratación, incluirase, con carácter obrigatorio tanto para as entidades impartidoras como para os alumnos, o módulo Formación para a igualdade, que ten unha duración de cinco horas lectivas.
Na orde do exercicio pasado se facía referencia a un módulo de sensibilización ambiental.




o Artigo 15º. Prácticas en empresas.
Modíficase a redacción deste artigo con respecto á orde do exercicio pasado. Son novos os apartados 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7 e suprímense os apartados 5 e 6 da orde do exercicio pasado. Establécese agora, nos seus apartados 1 e 2, que “1. A parte práctica do curso, de acordo co seu programa, poderá realizarse nas instalacións do centro de formación ou en empresas coas que se chegue a acordo, asinando os correspondentes convenios ou manifestando expresamente por escrito o responsable da entidade onde terán lugar as prácticas a súa autorización para a súa realización. Esta parte práctica poderá realizarse en calquera especialidade que se imparta e terán carácter voluntario para os centros colaboradores e obrigatorio para os alumnos se o centro opta pola súa realización.
2. Os gastos que se deriven da súa realización deberán imputarse ao orzamento do curso no que estean incluídas”.

o Artigo 17º. Prazo.
No apartado 1 deste artigo establécese un prazo para a presentación de solicitudes de corenta días naturais (antes eran hábiles).

o Artigo 25º. Contratos de traballo.
O apartado 1 deste artigo deste artigo resulta modificado, establecéndose agora que:




“A contratación realizarase dentro do ano de impartición do curso, agás nos cursos que rematen no último trimestre do ano, que terán de prazo para a presentación dos contratos aos que se comprometeron no momento da solicitude ata o 31 de xaneiro do ano seguinte. Por causas excepcionais, logo de petición motivada da entidade, este prazo poderá ser ampliado polo director xeral de Formación e Colocación.
As empresas terán como prazo límite para a presentación dos contratos aos que se comprometeron no momento da presentación do proxecto formativo ata o 28 de febreiro de 2005; unha vez transcorrido este prazo sen que a empresa presentase os contratos, darase por non cumprido o compromiso”.

o Disposicións adicionais.
Modifícase a disposición adicional primeira e engádese unha nova (a segunda), que establece “Non se autorizarán cambios de titularidade de centros no tempo que transcorra entre o inicio dun curso e o seu remate”.




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio do ano 2005” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vintenove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 15 de novembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:


DICTAME 35/04



En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio do ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de novembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto á seguinte  consideración de carácter unánime:

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS DO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

Artigo 5º. Pagamento.

Establécese neste artigo, no seu apartado 3, que poderanse aboar anticipos de ata o 50% da subvención concedida sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
Sen embargo, na Orde do 11 de novembro de 2004, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, publicada no DOG do 15 de novembro de 2004, no seu artigo 19º.4 “Sistemas de pagamento”, non se esixe a constitución desta garantía.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que para as organizacións sindicais e empresariais se manteña a posibilidade de obter anticipos sen a constitución da garantía, como se permite nos contratos programa, tendo en conta que as citadas organizacións están asumindo un alto grao de colaboración coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais na realización de actividades de formación continua e ocupacional e que ademáis reducíronse as posibilidades de anticipo ao eliminar o 30% que existía en anos anteriores.

Subsidiariamente e para o caso de que non se acepte esta proposta, o Comité Delegado suxire que, tendo en conta que a constitución de garantía a favor da Consellería ocasiona unha serie de gastos financeiros que terá que soporta-lo centro impartidor e que para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos proveedores, becas de alumnos, etc. estes deberían estar cubertos polo orzamento do curso, posto que estes gastos teñen unha relación co programa formativo en cuestión.