ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES


O día 11 de novembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A evolución do mercado de traballo e a persistencia do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada, dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral. O permanente cambio, froito das evolucións sociais, tecnolóxicas e organizativas, conleva unha dificultade engadida para as persoas que buscan un emprego, facendo necesario, nalgúns casos, procesos de orientación e asesoramento especializados.

Con este obxectivo, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais pon en marcha un sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade dos demandantes de emprego.

Este sistema, obxecto desta orde que se ditamina, contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 12 de febreiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 14 de xaneiro de 2004, observáse o seguinte:

Parece que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido no pasado mes de xaneiro sobre a mesma orde para o exercicio de 2004. O texto do proxecto normativo remitido é prácticamente igual ao publicado no DOG o 12 de febreiro de 2004, coas seguintes modificacións:

Artigo 5º.- Definición e requisitos.

Modifícase o apartado 3 deste artigo, letras c), d) e e) e engádese unha letra g), todos eles sobre aspectos relativos a esixencias de tipo informático que deben cumprir as entidades colaboradoras.


Disposicións adicionais.

Engádese unha nova disposición adicional (a sexta), que establece que a presentación da solicitude suporá a aceptación expresa de todas as obrigas e condicións derivadas das bases recollidas no articulado da Orde.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 22 de novembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime, así como sete consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma en relación coa redacción dada aos artigos 3º, 6º.1, 6º.2, 10º, 11º,1, 12º.1 e 12º.2.

Contén asi mesmo, como anexo, cinco consideracións xerais de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais, así como cinco específicas, de carácter non unánime,  manifestadas polas organizacións sindicais,  sobre a redacción dada aos artigos 2º, 5º, 8º, 10º e 11º.

DITAME 36/04

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de novembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS
Primeira.- Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo faise constar que se lles deu audiencia aos axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera inadecuada esta expresión, propoñendo que se substitúa pola seguinte: “Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais”.

Segunda.- Prórroga ou mantemento do servicio.

Non de deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal que leva a cabo as accións subvencionadas, o que implicaría ou ben un deficiente servicio motivado pola súa suspensión temporal, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder mante-la prestación de servicios.

Por este motivo, debe arbitrarse pola Consellería un procedemento que evite a existencia de períodos de lagoa non cubertos pola Orde e, polo tanto, sen servicio e sen subvención.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS

Primeira.- Artigo 3º. Programa de orientación laboral e busca de emprego.

Obsérvase que no texto deste artigo falta a regulación dos itinerarios da inserción ocupacional que se mencionan no artigo 1º do proxecto normativo.


Segunda.- Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 2, letra g), deste artigo solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego para o período subvencionado.

Este Comité Delegado considera que resulta difícil poder determinar este extremo xa que non se posee a información necesaria para avalialo,  tendo en conta ademáis que a citada porcentaxe obra en poder da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais tal e como parece deducirse da lectura do artigo 8º f),  que o toma como referente para fixar os criterios de adxudicación do Servicio de información, orientación e busca de emprego.




Terceira.- Artigo 6º. Solicitude.

O apartado 2 deste artigo establece a documentación que debe acompañarse á solicitude, numerándoa cunha serie de letras.
Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan, por ser impropias do alfabeto galego.

Cuarta.- Artigo 10º. Obrigas dos centros colaboradores.

Igualmente, as letras j) e k) deste artigo 10º deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser impropias do alfabeto galego.

Obsérvase, sen embargo, que non aparece a letra ñ) cando esta sí existe no citado alfabeto.


Quinta.- Artigo 11º. Selección e contratación de persoal para a realización das accións.

No apartado 1 deste artigo alúdese ao baremo de selección do persoal existente ao respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación, sen que se especifique ou plasme na propia Orde.

Este Comité Delegado considera que, para coñecemento xeral, debe constar na orde o citado baremo.


Sexta.- Artigo 12º. Contía.

Neste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose o total que, en concepto de retribución, subvencionarase por cada técnico ou persoal de apoio.

Sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do coste do traballador, comprendendo non soamente o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente.


Sétima.- Artigo 12º. Contía.

No apartado 2 deste artigo establécese a posibilidade de subvencionar ata un 10 % do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, dietas, etc.

Este Comité Delegado considera que resulta moi escasa a citada contía, xa que os gastos xerados pola infraestructura necesaria para manter estas actividades de orientación (local, equipos informáticos, mobiliario, dietas, etc.) son moi superiores ó tope subvencionable.

ANEXO
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG
Primeira.- As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


Segunda.- O proxecto normativo obxecto de ditame incide, unha vez máis, no que temos denunciado as organizacións sindicais: a privatización do Servicio Público de Emprego de Galicia por parte da Xunta de Galicia. Neste caso, cos fondos públicos, preténdese financiar persoal para facer as tarefas que ten encomendadas a rede de Oficinas de Emprego (OEXs).

Aínda máis, entidades públicas ou privadas, constituídas baixo calquera forma xurídica, poderán emendarlle a plana aos técnicos de emprego das OEXs.

Terceira.- A distribución das accións de orientación debe ser exclusivamente tendo en conta o número de parados, entendendo que a variable poboación non debe intervir en ningún momento.

Cuarta.- Na disposición adicional primeira do proxecto normativo obxecto de ditame, sobre o financiamento destas accións, continúa figurando a aplicación orzamentaria 16.03.241B.471 (transferencias correntes a empresas privadas), do mesmo modo que no balance do ano 2003, entregado aos membros do Comité Autonómico de Emprego, seguen aparecendo accións de orientación realizadas por entidades con ánimo de lucro.

Quinta.- O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece no apartado 5 do artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, o seguinte: “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais presentes neste Comité Delegado para a emisión de ditames fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG


Primeira.- Artigo 2º. Programa de Información Profesional.

Proponse a supresión deste artigo e, en consecuencia, toda mención no texto da orde aos aspectos que  desenvolven este programa.


Segunda.- Artigo 5º. Definición e requisitos.

Artigo 5º.1.- Proponse a supresión deste apartado ou, no seu defecto, que se estableza que as accións soamente poden realizarse por aquelas entidades que sexan colaboradoras en accións de orientación.

Artigo 5º.4.- Proponse a supresión deste apartado.

Artigo 5º.7.- Proponse engadir este novo apartado, no que se estableza que os orientadores deberán realizar as súas tarefas en locais de titularidade da entidade que solicita a subvención, co obxecto de evitar a cesión ilegal de traballadores por parte destas entidades á Xunta de Galicia.

Terceira.- Artigo 8º. Criterios de adxudicación.

Proponse establecer como criterios para a adxudicación das subvencións  soamente os que figuran nas letras a) -excluíndo a referencia ao número de habitantes-, b) e c), coa seguinte redacción:

a) Cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego segundo a área funcional e/ou concello no que se ubique a entidade, en relación co número de demandantes de emprego de cada zona.

b) Experiencia acreditada da entidade solicitante no desenvolvementro das accións que solicite realizar e, no caso de que esta posúa no momento da solicitude a condición de centro colaborador do Servicio Galego de Colocación, valoración do traballo desenvolvido.

Cuarta.- Artigo 10º. Obrigas dos centros colaboradores.
No primeiro parágrafo do apartado sinalado coa letra c) establécese a obriga de remitir, á oficina de emprego que lle corresponda a cada demandante, o expediente completo do usuario nun prazo máximo de 3 meses. Así mesmo, esíxese o mesmo prazo para remitir as modificacións nos datos do demandante, no seu caso.
Considérase que este prazo é excesivo e proponse que o prazo máximo sexa de 1 mes.
No último parágrafo deste apartado c) establécese, para o caso concreto que se menciona, a obriga de remitir o expediente dos usuarios atendidos aos servicios centrais do Servicio Galego de Colocación.
Proponse a supresión deste último parágrafo, dado que se entende que os expedientes dos usuarios do Servicio Galego de Colocación deben remitirse sempre ás oficinas de emprego.

Quinta.- Artigo 11º. Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

Artigo 11º.1.- En relación co procedemento descrito neste apartado, proponse que o persoal sexa seleccionado mediante oferta de emprego e conxuntamente pola entidade colaboradora e a Consellería, tal e como se facía anteriormente.

Artigo 11º.5.- Proponse engadir este novo apartado no que se permita, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros asociados coas mismas instalacións, persoal e demais medios que foron aprobados no exercicio anterior.