ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DE PROGRAMAS EXPERIMENTAIS EN MATERIA DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de novembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (“Orden TAS/2643/2003, de 18 de septiembre”), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia á orde que se está a ditaminar.

Tendo en conta o disposto no proxecto normativo, iniciouse en 2004 unha nova vía de colaboración coa finalidade de aumentar as posibilidades de inserción laboral dos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia, marcando obxectivos cuantificados e responsabilizando dos mesmos a entidades sen fin de lucro mediante a concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas experimentais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do 29 de marzo de 2004, publicada no DOG o 6 de abril e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 30 de xaneiro de 2004, obsérvase o seguinte:

Parece que se tivo en conta o ditame emitido polo Consello sobre a mesma orde do exercicio pasado, cando menos nas consideracións formuladas con carácter unánime polas organizacións sindicais e empresariais respecto dos artigos 2º, 5º, 9º, 10º, 11º e 13º sobre o borrador remitido para ditame da Orde do 29 de marzo de 2004 e que xa foron recollidas no texto definitivo da orde publicado no DOG o 6 de abril de 2004, agás a consideración relativa ao prazo de execución dos plans experimentais que foi recollida no borrador deste proxecto normativo.

Os artigos iniciais cambian un poco na súa formulación. Por exemplo, os destinatarios das accións relacionánse no artigo 3º (na orde do exercicio pasado referenciábanse no artigo 1º.2). Sen embargo, agora esíxese que, con carácter xeral, alomenos o 60% de beneficiarios das accións deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego (antes esixíase o 40%), quedando excluidos deste requisito aqueles programas experimentais nos que os seus participantes sexan na súa totalidade desempregados previamente admitidos ao Programa de Renda Activa de Inserción ou beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia.

Atendendo unha consideración feita por este Comité Delegado ao ditaminar a orde do exercicio pasado, incorpórase un segundo parágrafo ao artigo 4º.2, que establece: “Igualmente, considerarase que a inserción laboral conseguíuse cando, durante a vixencia do plan, e durante un período dun ano como mínimo, se acredite a constitución en traballadores autónomos ou por conta propia, das persoas desempregadas participantes en dito plan”.

Igualmente, atendendo unha consideración feita por este Comité Delegado ao ditaminar a orde do exercicio pasado, no artigo 4º.3 establécese que o prazo de execución dos plans experimentais fíxase, como máximo, en 12 meses (a orde do exercicio pasado o fixaba ata o 31 de decembro de 2004), o que fai necesario que a orde de axudas pase a ter carácter plurianual.

No artigo 5º relacionánse as entidades beneficiarias, incorporándose as corporacións locais e excluíndose ás persoas físicas, tal como suxeríu este Comité Delegado no ditame do exercicio pasado.

O artigo 6º establece as contías das subvencións (1.200 € como máximo por persoa atendida e 3.500 € por persoa atendida e insertada no mercado de traballo). Non se incrementan as contías respecto ao exercicio pasado.

O artigo 10º establece os aspectos dos programas que serán obxecto de valoración, incorporándose no apartado 1 que valorarase tamén o número dos colectivos desempregados a atender (na orde do exercicio pasado valorábanse soamente as características destes colectivos).

Finalmente, o artigo 13º establece a forma de pagamento, que resulta modificada en relación á orde do exercicio pasado debido ao carácter plurianual do proxecto normativo que se ditamina.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.




O día 22 de novembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime, así como sete consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma en relación coa redacción dada aos artigos 3º1, 3º.2, 6º.1, 10º.3, 11º.3, 13º.1 e 13º.2.

Contén asi mesmo, como anexo, tres consideracións xerais de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais.

DITAME 37/04



En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego”, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de novembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS

Primeira.- Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo faise constar que se lles deu audiencia aos axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera inadecuada esta expresión, propoñendo que se substitúa pola seguinte: “Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais”.

Segunda.- Numeración dos apartados.

Obsérvase que ao numerar os apartados dos artigos repítese o número do artigo, agás no artigo 10º do proxecto normativo.

Este Comité Delegado propón que a sistemática de numeración dos apartados dos artigos sexa igual en todo o proxecto normativo, considerando máis axustada a recollida no artigo 10º.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS


Primeira.- Artigo 3º. Destinatarios.

O apartado 1 deste artigo relaciona os colectivos prioritarios destinatarios das accións ás que se refire o proxecto normativo.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe figurar como prioritario o colectivo de desempregados de longa duración (máis de 12 meses de desemprego), polo que propón que se engada unha letra F) que o faga constar.

Segunda.- Artigo 3º. Destinatarios.

O apartado 2 deste artigo establece que, con carácter xeral, alomenos o 60% dos beneficiarios das accións que configuren estos Planos Experimentais de Emprego deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego.

Este Comité Delegado propón que a porcentaxe sexa do 40% en lugar do 60%, dado que a taxa de cobertura de prestación por desemprego é do 48,4%.

Asi mesmo, en relación co proposto na primeira consideración, propón que se engada un parágrafo neste apartado 2, que dispoña o seguinte: “Os beneficiarios das accións pertencentes ao colectivo de desempregados de longa duración (máis de doce meses de desemprego) deberán supoñer unha porcentaxe similar, cando menos, á porcentaxe existente na localidade onde as accións se desenvolven”.

Terceira.- Artigo 6º. Contía das subvencións.

O apartado 1 deste artigo establece as contías a percibir, sendo a cantidade máxima de 1.200 euros por persoa atendida e 3.500 euros por persoa atendida e insertada no mercado de traballo.

Este Comité Delegado non entende a forte disminución das contías en relación coas fixadas no artigo 6 da Orde Ministerial TAS/2643/2003, de 18 de setembro, reguladora destes programas a nivel estatal, que establece os máximos de 1.800 euros por persoa atendida e 5.400 euros por persoa atendida e insertada.

Neste mesmo apartado 1, no segundo parágrafo, contémplase a reducción da subvención. Este Comité considera que a redacción deste parágrafo, tal e como está, pode constituir un elemento desmotivante para as entidades colaboradoras, polo que se propón que se engada o seguinte: “En todo caso, garantizarase que as entidades beneficiarias non incurran en perdas por gastos imputables e efectivamente executados”.




Cuarta.- Artigo 10ª. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 3 deste artigo establece como criterio de valoración o maior esforzo inversor da entidade solicitante na financiación total do proxecto.

Este Comité considera que non ten sentido que se favoreza como criterio de valoración o maior esforzo inversor da entidade solicitante, tendo en conta que se trata de entidades sen ánimo de lucro colaborando nun programa público de interese social.

Quinta.- Artigo 11º. Procedemento e concesión de subvencións.
O prazo máximo que se establece no apartado 3 para resolve-las solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que este Comité propón que se resolvan nos tres meses seguintes ó da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Sexta.- Artigo 13º. Forma de pagamento.

No apartado 1 deste artigo establécese que procederase ao aboamento  do 50% do total da subvención a partir do momento en que a entidade subvencionada presente a documentación que se relaciona.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1 deste artigo, de ata o 100%.



Por último, o apartado 2 deste artigo dispón que poderán acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que en todo caso nunca poderán superar o presuposto asignado para cada anualidade, e nunca serán superiores ao 75% do total da subvención concedida para os anos 2005 e 2006.

Este Comité Delegado propón que a porcentaxe sexa do 80%, como se regula nalgúns programas de subvencións desa Consellería, como, por exemplo, o do Plan FIP.

ANEXO
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS

Primeira.- As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego, de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.- As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados.
A Consellería segue a manter un criterio non cuantificado para que, deste xeito, se produza a discrecionalidade que se ten denunciado no documento presentado polas organizacións sindicais “Avaliación e propostas en materia do S.P.E.G. e Políticas Activas” no apartado 2.2.2.b.
Terceira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 5. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais presentes neste Comité Delegado para a emisión de ditames fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.