ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE MODIFICA O DECRETO 148/2002, DO 18 DE ABRIL, POLO QUE SE ESTABLECE NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA O PROGRAMA “LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA”

I. ANTECEDENTES

O día 1 de decembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Decreto  polo que se modifica o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Programa “Labora: Xuventude con experiencia” e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Programa Labora: Xuventude con Experiencia, establece no seu artigo 7º.2, a necesariedade de que a contratación dos beneficiarios do programa no marco dos programas de cooperación, se realice a través do contrato temporal de inserción, nos termos establecidos no artigo 15.1.d) do Estatuto dos traballadores.

A entrada en vigor o pasado día 23 de xullo de 2004 da Orde TAS/2435/2004, de 20 de xullo, supón excepcionar a utilización do contrato de inserción en determinados programas públicos de mellora da empregabilidade, entre os que se atopan os programas de cooperación que xestiona a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a través da dirección xeral de Promoción do Emprego.


Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto 148/2002 publicado no DOG o día 30 de abril de 2002, modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 8 de xaneiro de 2003, obsérvase o seguinte:  

Na elaboración do borrador tívose en conta a consideración manifestada pola CEG no ditame emitido o 8 de xaneiro de 2003 en relación coa proposta de modificación do artigo 7º.3 sobre o incentivo á mobilidade xeográfica.

O novo proxecto normativo modifica o artigo 7º do Decreto 148/2002, do 18 de abril, no senso de suprimir o apartado 2 que obrigaba á utilización dos contratos de inserción. Asi mesmo, na disposición adicional establécese que as modificacións contidas no proxecto normativo serán de aplicación ás axudas e subvencións que se concedan con cargo aos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2005.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Decreto  polo que se modifica o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Programa “Labora: Xuventude con experiencia” consta de: Exposición de motivos, un artigo único, unha disposición adicional e dúas derradeiras.



O día 13 de decembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o dictame que se referencia a continuación, que contén unha consideración específica de carácter unánime, en relación coa redacción dada á exposición de motivos.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I).

DICTAME 39/04



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto  polo que se modifica o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o Programa “Labora: Xuventude con experiencia”,  con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2004, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día  13 de decembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA  DE CARÁCTER UNÁNIME:

Exposición de motivos.

No derradeiro parágrafo, antes de facer constar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, debe figurar que foi informado o Comité Autonómico de Emprego.





ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido do Decreto obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego, de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.