ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 40/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE MODIFICA A ORDE DE 5 DE XUÑO DE 2003 QUE ESTABLECE UN PROGRAMA DE FOMENTO DA INSERCIÓN LABORAL DAS MULLERES VÍCTIMAS DA VIOLENCIA DOMÉSTICA

I. ANTECEDENTES


O día 1 de decembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se modifica a Orde de 5 de xuño de 2003 que establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas da violencia doméstica e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


A Orde de 5 de xuño de 2003, pola que se establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica establece a obriga de que a contratación das beneficiarios do programa no marco dos programas de cooperación, se realice a través do contrato temporal de inserción, nos termos establecidos no artigo 15.1.d) do Estatuto dos traballadores.
A entrada en vigor o pasado día 23 de xullo de 2004 da Orde TAS/2435/2004, de 20 de xullo, supón excepcionar a utilización do contrato de inserción en determinados programas públicos de mellora da empregabilidade, entre os que se atopan os programas de cooperación que xestiona a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a través da dirección xeral de Promoción do Emprego.

Así mesmo, como consecuencia da implantación da orde de protección, que crea un título habilitante para acceder ás distintas medidas de asistencia social previstas para este colectivo, entre as que esta incluído este programa da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, recoñeceuse a devandita orde de protección como único medio necesario para acreditar a existencia dos malos tratos.

Esíxese igualmente achegar coa solicitude o correspondente informe dos servicios sociais, por ser os que, ao atoparse máis cerca destas mulleres, coñecen mellor a súa problemática social.

O obxecto do proxecto normativo que se somete a ditame é, en consecuencia con o que antecede, a adaptación da normativa autonómica e, en concreto, a modificación da Orde de 5 de xuño de 2003, pola que se establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 5 de xuño de 2003 publicado no DOG o día 12 de xuño de 2003 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de maio de 2003, obsérvase o seguinte:  

Non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais no anterior ditame.

O novo proxecto normativo modifica a citada Orde do 5 de xuño de 2003 no senso seguinte:

Suprímese a obriga do acceso ao programa a través do contrato temporal de inserción, esixindo agora un contrato temporal de 12 meses de duración.

Esíxese que as mulleres que desexen incorporarse ao programa deberán estar inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servicio Público de Emprego de Galicia e que acrediten a súa problemática social a través da presentación de copia da orde de protección ditada por órgano xudicial competente.

Esíxese ademáis ás interesadas en incorporarse ao programa achegar coa solicitude copia do DNI e facer constar o concello no que desexarían desenvolver a súa actividade laboral e o nivel de estudios que posúen.

No artigo 4º. 1 engádese que direccionarase a cada interesada cara aos servicios de orientación profesional, unha vez instruido o expediente de incorporación ao programa.

A disposición transitoria do proxecto normativo establece que as solicitudes de incorporación ao programa presentadas antes da súa entrada en vigor sempre que non acadasen a fase de proposta de resolución, poderán resolverse ó abeiro da Orde anterior ou desta Orde, atendendo a situación que máis favoreza á muller que desexa acollerse ao programa.

Obsérvase que non se acompaña co borrador do proxecto normativo o anexo I que contén o modelo de solicitude.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifica a Orde de 5 de xuño de 2003 que establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica” consta de: Exposición de motivos, un artigo único, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.



O día 13 de decembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma, así como unha consideración específica de carácter unánime, en relación coa redacción dada ao artigo 2º do artigo único do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I).

DICTAME 40/04


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de ”Orde pola que se modifica a Orde de 5 de xuño de 2003 que establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas da violencia doméstica”, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de decembro de 2004, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de decembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL  DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:


O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais considera que debería contemplarse unha axuda de carácter xeral para este tipo de situacións e non só complementaria das outras axudas, xa que pode darse o caso de que a muller non cumpra os requisitos para esas outras axudas e, en consecuencia, tampouco podería beneficiarse desta.

Esta axuda de carácter xeral debería dispoñer de criterios de maior flexibilidade nos requisitos esixidos ás mulleres víctimas de violencia doméstica para seren beneficiarias, por exemplo, en lugar da esixencia da inscrición destas como demandantes de emprego, a Administración podería substituir este requisito por un informe de vida laboral que pode obter de oficio a propia Administración.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA  DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:


Artigo único. Redacción dada ao artigo 2º.- Beneficiarias: requisitos.

O apartado 2 deste artigo esixe como requisito que as mulleres que desexen incorporarase ao Programa deberán figurar inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servicio Público de Emprego de Galicia.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames propón a supresión do citado apartado 2, xa que considera que esa esixencia prohíbe o acceso ao Programa daquelas mulleres víctimas de violencia doméstica que se atopen na situación de “axudas familiares”.

En consecuencia co anterior, este Comité propón modificar o apartado 1 deste artigo 2º, substituíndo a expresión “que estean desempregadas”  pola de “que estean inscritas como demandantes de emprego”.





ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego, de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.