ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE CREA E REGULA O FUNCIONAMENTO DA COMISIÓN GALEGA DE FORMACIÓN PROFESIONAL CONTINUA.

I. ANTECEDENTES


O día 14 de decembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de decreto polo que se crea e regula o funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto deste decreto é a creación e regulación da Comisión Galega de Formación Profesional Continua, necesidade posta de manifesto no Acordo Galego de Formación Profesional Continua, asinado o 29 de marzo de 2004, entre os axentes sociais más representativos de Galicia e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.


Este Acordo establece como o seu principio primeiro o de  cubrir as necesidades formativas das empresas e dos traballadores galegos, desde a perspectiva dunha planificación coordinada, ordenada e racional do conxunto das políticas de formación en Galicia, dentro dun marco integrado dos actuais subsistemas de formación profesional.

Pola súa vez, establece como os seus obxectivos os seguintes: mellorar a competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción, incrementar o grao de axuste das accións de formación continua financiadas con fondos públicos ás necesidades de diversos sectores mediante o incremento dos recursos asignados aos sectores con maiores necesidades formativas ou de maior importancia para a economía galega, incrementar a cobertura das accións de formación continua, incrementar a participación na formación continua daqueles colectivos de traballadores e traballadoras con maiores riscos de inestabilidade ou exclusión do emprego, promover os investimentos empresariais en formación continua, promover a dedicación dos traballadores e traballadoras á formación continua, promover un sistema de financiamento motivador da formación continua, e contribuír á difusión da “cultura empresarial” máis avanzada sobre a formación continua.

Para a consecución destes obxectivos,  constitúese a Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea e regula o funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.



O día 22 de decembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime e catro consideracións específicas tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 3º.1, 10º.2 e á disposición adicional máis unha proposta a incluir nun novo artigo.






DITAME 41/04



En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Decreto polo que se crea e regula o funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua”, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de decembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS
Primeira.- No texto do decreto inclúense referencias á Formación Profesional Continua, Fondo Social Europeo e Formación Profesional, na maioría dos casos identificadas con siglas FPC, FSE e FP.

Este Comité considera que as citadas referencias deben figurar todas elas  co nome completo e non con siglas.

Segunda.- No texto do decreto inclúense referencias á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (artº.3º.3 e disposición derradeira primeira).

Este Comité Delegado considera que, posto que se trata dun decreto, a referencia á conselleira debe substituirse por “o/a titular da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS

Primeira.- Artigo 3º. Composición.
O apartado 1 deste artigo establece que a Comisión Galega de Formación Profesional Continua (debe correxirse, xa que figura FC) terá carácter tripartito e estará composta por tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.
Este Comité considera que debe substituirse a referencia á Confederación de Empresarios de Galicia pola de “as organizacións empresariais máis representativas a nivel intersectorial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”.
Igualmente, establece que formarán parte da citada Comisión tres representantes das organizacións sindicais máis representativas en Galicia: Unión Xeral de Traballadores (UGT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que deben suprimirse os nomes das organizacións, tendo en conta que é un decreto, deixando soamente no texto a referencia ás organizacións sindicais máis representativas en Galicia.
Segunda.-  Artigo 10º. Funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua.
Obsérvase un erro no apartado 1, que di “A Comisión Galega de PC” e debe dicir: “A Comisión Galega de Formación Profesional Continua”.
Asi mesmo, no apartado 2 deste artigo, establécese que a Comisión poderá reunirse por solicitude da terceira parte dos seus membros.
Este Comité considera que debe engadirse “con dereito a voto”.
Terceira.-  Disposición adicional.
Esta disposición establece que o presidente da Comisión Galega de Formación Profesional Continua convocará a súa sesión constitutiva no prazo de tres meses desde a publicación deste decreto.
Este Comité considera que debe dicir “desde a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia”.


Cuarta.- Indemnizacións ás organizacións.
Este Comité considera que habería que establecer no orzamento destinado á formación continua unha dotación económica destinada ao pagamento ás organizacións que integran a Comisión Galega de Formación Profesional Continua das indemnizacións que corresponden pola súa asistencia ás reunións que esta celebre.