ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/04

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DO PLAN FIP DIRIXIDAS A DESEMPREGADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2005

I. ANTECEDENTES

O día 23 de novembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP), dirixidas a desempregados, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación do Plan FIP, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do  colectivo que atenden como dos sectores produtivos aos que se dirixen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do 27 de novembro de 2003, publicada no DOG o 5 de decembro e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 5 de novembro de 2003, obsérvase o seguinte:

Parece que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido o exercicio pasado.

Respecto ao texto da orde, o novo proxecto normativo modifica, suprime e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Exposición de motivos.
En canto ao financiamento das axudas previstas na orde, non varían os créditos a elas destinados, aínda que se fai constar que das cantidades que se relacionan, o 70% achégao o Fondo Social Europeo e o 30% a Administración Autonómica.


Artigo 1º.- Obxecto e ámbito de aplicación.
Establécese expresamente neste artigo que as accións subvencionadas están dirixidas a desempregados.

Artigo 3º.- Beneficiarios.
No apartado 2, subprograma Ic, engádese como beneficiarios das subvencións as agrupacións de empresas e as corporacións de dereito público.

Artigo 5º.- Custos subvencionables.
No apartado a) deste artigo, no parágrafo que regula os gastos de desprazamento dos beneficiarios da formación, engándese que hai que ter en conta que ningún alumno poderá cobrar por este concepto máis de 130 euros ao mes.

Artigo 6º.- Contía das axudas e subvencións.
Modifícase o apartado 1 deste artigo, establecéndose que, como norma xeral, aplicaranse por afinidade os módulos económicos do Plan FIP e, excepcionalmente, cando xustificadamente se argumente que a cantidade resultante non é suficiente para impartir unha determinada especialidade coas debidas condicións de calidade docente, aplicaranse os módulos económicos máximos que se fixan na letra b) do citado apartado 1.

Artigo 12º.- Selección de alumnos.
Modifícase o apartado 1 deste artigo, ao establecer que a selección realizarase mediante sondaxe pola oficina de emprego correspondente entre os demandantes inscritos nela.

Soamente, no caso de que por este sistema non se consigan os alumnos suficientes para a acción formativa, a entidade adxudicataria poderá realizar unha convocatoria pública (único sistema de selección establecido na orde do exercicio pasado).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 1 de decembro de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén oito consideracións específicas de carácter unánime, sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 2º I-a), 2º I-c), 5º a), 6º.1, 7º.3, 9º.B.1, 12º.1 e 18º.2.
Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 38/04


En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005”, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2004, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS

Primeira.- Artigo 2º. I-a). Accións subvencionables.
Neste parágrafo, relativo ao subprograma I-a (proxectos formativos con compromiso de contratación), establécese no último punto que a contratación en calquera dos casos deberá producirse antes do 28 de febreiro de 2005.
Pola súa parte, o artigo 16º.1 do proxecto normativo establece que, para o subprograma I-a, o prazo rematará o 15 de novembro de 2005.
O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que non ten sentido o disposto sobre o prazo no artigo 2º.I-a, tendo en conta o establecido no citado artigo 16º.1, polo que supón que hai un erro e o que debe dicir o artigo 2º.I-a e que a contratación deberá producirse antes do 28 de febreiro de 2006.
Segunda.-  Artigo 2º. I-c). Accións subvencionables.
Neste parágrafo, relativo ao subprograma I-c (accións de carácter experimental), dase preferencia ás accións vencelladas aos novos xacementos de emprego, citando entre paréntese “calidade, ambiente e novas tecnoloxías da comunicación e da información”.
Este Comité considera que a relación desas accións non debe ser taxativa, polo que suxire que se engada ao principio da paréntese a expresión “entre outros”.
Terceira.- Artigo 5º a). Custos subvencionables.
O Comité considera que este apartado adoece dunha falta de definición de gastos necesarios, como, por exemplo, os gastos de publicidade para a organización e difusión da acción formativa, as retribucións dos formadores internos e externos, os gastos do seguro de accidentes dos participantes, etc., polo que propón que se inclúan neste apartado todos os gastos que se relacionan no artigo 17º da Orde de 11 de novembro de 2004 (DOG do 15.11.04), da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa, de ámbito autonómico, para a formación de traballadores ocupados.
Cuarta.- Artigo 6º. 1. Contía das axudas e subvencións.
Este Comité considera que debe invertirse a orde dos apartados a) e b), propoñendo que a regra xeral sexa a aplicación dos módulos económicos que figuran no apartado b) deste artigo, desagregando no nivel de formación presencial 8 euros (para nivel básico) e 12 euros (para nivel medio-superior), tal como se recolle no artigo 16º da citada Orde de 11 de novembro de 2004 (contratos-programa).
En consecuencia, este Comité propón que excepcionalmente, se apliquen os módulos económicos do Plan FIP para os casos en que estes sexan superiores aos establecidos no apartado anterior.
Quinta.- Artigo 7º. 3. Obrigas das entidades colaboradoras.
Establécese no apartado a) deste artigo 7º.3 a obriga de enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación as fichas SIFO de inicio en soporte informático.
Este Comité considera que debería mellorarse o procedemento SIFO, especialmente, para aquelas entidades que executan moitas accións formativas, tendo en conta que o sistema ten problemas de operatividade.
Sexta.- Artigo 9º.B. 1. Pagamento e liquidación das subvencións.
No apartado B), punto 1, deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c). Este Comité manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Igualmente, este apartado 1, a) establece que o anticipo poderá chegar ata o 50% do total do orzamento de gastos de cada acción formativa, cando na Orde citada anteriormente sobre os contratos programa, do 11 de novembro de 2004, establécese que o anticipo poderá chegar ata o 50% do total do orzamento de gastos do contrato-programa, polo que este Comité propón que se anticipe o 50% de todas as accións formativas.
Asi mesmo, respecto ao establecido na letra d) deste apartado 1, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituir garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos proveedores, becas de alumnos, etc., así como os gastos financeiros que se lle ocasionan, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha relación coa acción formativa a impartir.

Sétima.- Artigo 12º. 1. Selección de alumnos.
O apartado 1 deste artigo dispón que a selección realizarase mediante sondaxe pola oficina de emprego correspondente entre os demandantes inscritos nela.
Este Comité considera que a selección deberá realizarse sempre polo Servicio Público de Emprego de Galicia, polo que no citado apartado 1 debe constar o procedemento de selección que se recolle no artigo primeiro da Resolución dos cursos do Plan FIP de 27 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, publicada no DOG o 11 de febreiro de 2004 e que se transcribe a continuación:

“Selección de alumnos.

Os alumnos que asistan ós cursos de formación profesional ocupacional, seleccionados a través de calquera dos sistemas descritos neste apartado, deberán ser desempregados inscritos como tales en calquera das oficinas do Servicio Público de Emprego en data anterior á súa incorporación ó curso. Terán preferencia absoluta para a participación nos cursos os parados de longa duración. Para estes efectos enténdese por parados de longa duración os desempregados menores de 25 anos que leven inscritos máis de 6 meses como demandantes de emprego, e os maiores de 25 anos que leven máis de 12 meses inscritos como demandantes de emprego.

A súa selección farase do seguinte xeito:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, os centros colaboradores beneficiarios solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado para o efecto, unha lista de desempregados que se adecuen ó perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do alumno ó curso especificados no certificado de profesionalidade ou ben no programa de curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional ou, nos proxectos formativos con compromiso de contratación, no programa aprobado pola Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, de se-lo caso.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre os demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, ós demandantes preseleccionados para que asistan á proba de selección que deberá realiza-  -lo centro colaborador. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. O centro colaborador non debe predetermina-lo colectivo ó que vai dirixido o curso: limitarase a identifica--los requisitos de acceso do alumnado.

c) Remitida a lista á entidade solicitante, esta procederá á selección dos alumnos preseleccionados mediante a realización das probas que estime pertinentes, de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto. Na realización desta proba poderá estar presente un representante da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

A acta de selección, cuberta en tódolos epígrafes do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego, e non poderá iniciarse o curso ata que esta dea o visto e prace á selección realizada.

d) Os demandantes propostos pola oficina de emprego só poderán ser rexeitados para a realización do curso cando concorran causas que así o determinen e sexan fidedignamente xustificadas pola entidade colaboradora e neste sentido se aprecie pola oficina de emprego propoñente. Se se detecta o inicio dun curso sen que a selección dos alumnos fose autorizada pola oficina de emprego, este poderá ser cancelado.

e) No caso de que transcorran 15 días desde a petición de candidatos por parte do centro colaborador e a oficina de emprego non remitise demandantes, ou os enviados fosen insuficientes, deberase realiza-la correspondente convocatoria pública mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe da provincia; os requisitos destes anuncios recóllense no artigo 12 desta resolución. Desta selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos”.

Oitava.- Artigo 18º. 2. Resolución.
Establece este artigo, no seu apartado 2, como prazo de resolución dos expedientes o de nove meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros ditames precedentes, considérase oportuno acortar ese prazo a 3 meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.

Prosegue este precepto dicindo que pasado ese prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude. Tamén na mesma liña que o manifestado en ditames precedentes, este Comité considera máis adecuada a expresión “os interesados entenderán desestimada a súa solicitude”.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego, de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS

Primeira.- Artigo 6º. 3. Contía das axudas e subvencións.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficiarios de todos os programas regulados nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria.

As organizacións sindicais deste Comité propoñen a supresión deste apartado porque consideran que non debe estar permitida a subcontratación.

Segunda.- Artigo 17º. Instrución do procedemento.

As organizacións sindicais deste Comité,  en coherencia co reivindicado noutras ocasións polas organizacións sindicais que integran o Consello, consideran que, antes de ditarse a resolución dos expedientes para a concesión das axudas, debe recabarse informe previo e preceptivo aos Comités provinciais de emprego e de seguemento da contratación ou ao Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Polo exposto, propoñen engadir un novo parágrafo ao apartado 2 deste artigo, que regula a Comisión de Valoración, que quedaría como segue:  “2. Previamente ao informe dos expedientes pola Comisión de Valoración, recabarase informe preceptivo dos Comités provinciais de emprego e de seguemento da contratación ou do Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos”.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 3º. 2. Beneficiarios.

No apartado 2 deste artigo, establécese que poderán ser beneficiarios das subvencións para o subprograma Ic, as corporacións de dereito público.
A Confederación de Empresarios de Galicia non ve xustificada a extensión como beneficiarios ás corporacións de dereito público, dado que estas subvencións deberían canalizarse exclusivamente a través de axentes sociais e empresas, verdadeiros protagonistas da creación de emprego.

Segunda.-  Artigo 6º. Contía das axudas e subvencións.
A CEG considera necesario que se recolla no proxecto normativo, neste artigo 7º, un novo apartado co establecido na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de 30 de xullo de 2004, sobre o mesmo tema, que, no apartado quinto, dous, das súas disposicións xerais, establece: “De conformidad con lo establecido en el artículo 11.2 de la Ley 38/2003, de 17 de noviembre, General de Subvenciones, los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.
Terceira.- Artigo 7º. Obrigas das entidades colaboradoras.
O apartado 7 deste artigo establece como obriga das entidades beneficiarias das axudas a de contratar un seguro de accidentes para os alumnos.
A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se permita ás entidades que contan cunha póliza de responsabilidade civil extender esta para as coberturas esixidas neste apartado 7, así como que se permita contratar un seguro para varias accións formativas en lugar dun seguro por acción formativa.