ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 344/1999, DO 23 DE DECEMBRO, E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS AO PROGRAMA DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, ASÍ COMO SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2005

I. ANTECEDENTES


O día 30 de decembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se desenvolve o decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ao programa de escolas obradoiro e casas de oficios, así como se procede á súa convocatoria para 2005 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Con data 23 de marzo de 2004  publícase no DOG a Orde do 5 de marzo de 2004 pola que se establece a normativa aplicable á concesión das axudas e subvencións ao funcionamento de escolas obradoiro e casas de oficios en 2004. O proxecto normativo que se somete a ditame ten por obxecto a convocatoria das axudas e subvencións para 2005, segundo as liñas básicas do programa, establecidas polo Decreto 344/1999, do 23 de decembro.

Dito programa é un instrumento cara a incrementar o emprego da mocidade, ofrecendo aos mozos e mozas menores de 25 anos a oportunidade de adquirir unha formación práctica e profesional no oficio ou especialidade cursada durante a súa estadía no proxecto de que se trate, xunto coa oportunidade da súa inserción socio-laboral no mercado de traballo, ao mesmo tempo que contribúe á recuperación do patrimonio histórico, artístico ou natural dos concellos galegos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do exercicio pasado publicado no DOG o día 23 de marzo de 2004, non se observan variacións no texto do proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolve o decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ao programa de escolas obradoiro e casas de oficios, así como se procede á súa convocatoria para 2005” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, corenta artigos, oito disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.



O día 3 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén nove consideracións específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada aos artigos 5º.1, 8º, 13º, 14º, 23º, 24º, 34º, 39º e 40º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, catro consideracións xerais sobre a valoración da norma e unha específica, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).


                DICTAME 1/05





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se desenvolve o decreto 344/1999, do 23 de decembro, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ao programa de escolas obradoiro e casas de oficios, así como se procede á súa convocatoria para 2005” da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de decembro de 2004, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:


Primeira. Artigo 5.- Finalidade das actuacións.

O apartado 2 deste artigo establece que a programación das escolas obradoiro e casas de oficios integrarase, “na medida do posible”, en plans integrais de emprego.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que é necesario fortalecer a idea de que estas accións redunden nunha ocupación efectiva no sector produtivo mediante a súa coordinación con outras medidas de políticas activas de emprego, que favorezan a inserción laboral e a mellora de empregabilidade dos alumnos-traballadores.


Segunda. Artigo 8.- Iniciación informática.

Establece este artigo a obriga da impartición dun módulo de iniciación informática.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que tamén debe establecerse na orde que en todas as escolas obradoiro e casas de oficios serán impartidos un módulo de formación en materia de prevención de riscos laborais e outro en materia de medio ambiente, coa duración legalmente establecida.



Terceira. Artigo 13.- Procedemento de selección dos alumnos-traballadores.

Os axentes sociais con presencia neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Comité Autonómico de Emprego.

Cuarta. Artigo 14.- Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

Este artigo establece que a selección do director, docentes e persoal de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen candidatos ou estes non resultaran idóneos, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen candidatos ou estes non foran considerados idóneos, faríase a convocatoria pública”.

Quinta. Artigo 23.- Criterios de valoración dos proxectos.

Este precepto establece, entre os criterios de valoración, a calidade do plan formativo e a súa adecuación entre as especialidades propostas e as ocupacións máis ofertadas no mercado de traballo.
Este Comité considera prioritario que a valoración do plan formativo proposto se faga en relación á obtención do certificado de profesionalidade, polo que a redacción deste apartado debe ser do seguinte xeito:  “calidade do plan formativo cara a obtención dos certificados de profesionalidade”.

Sexta. Artigo 24.- Resolución.
O proxecto normativo establece un prazo de resolución de nove meses.


Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, sobre todo tendo en conta o establecido no artigo 18.3 do proxecto normativo, que dispón a avaliación dos proxectos en dúas fases, a primeira ata o 15 de marzo e a segunda, ata o 15 de xullo. Por isto, este Comité propón que os proxectos sexan resoltos con carácter trimestral e o mesmo referente ao prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

Asi mesmo, establece este artigo, no seu apartado 1, que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Sétima. Artigo 34.- Garantías.

Establece este artigo que as entidades promotoras que teñan a condición xurídica de ente de dereito privado deberán constituir garantía a favor da Consellería para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe admitirse a posibilidade de pagamentos parciais da subvención ata o 80% do seu importe, sen necesidade da constitución de garantía, a decisión da entidade subvencionada. Para o caso de que esta opte polo abono de anticipos, a garantía que debe constituir tería que considerarse como custo de formación e seren incluida nos gastos xerais do proxecto.

Oitava. Artigo 39.- Incumprimento de obrigas.

As organizacións empresariais e sindicais deste Consello consideran preciso, unha vez máis, que a norma estableza as garantías necesarias no senso de informar aos Comités Provinciais de Emprego do posible incumprimento das obrigas por parte da entidade promotora. No suposto de que o incumprimento comporte o reintegro total das axudas se daría traslado ao Comité Autonómico de Emprego.



Novena. Artigo 40.- Asistencia, seguimento e avaliación.

Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas aos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.


                   ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA  E  CIG:

Primeira. As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado nun determinado período (2000-2004) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período.

Terceira. Dado que este programa é de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, os colectivos beneficiarios das accións deben ser exclusivamente demandantes de emprego que non teñan formación algunha de tipo profesional (FP, Universidade) e que teñan menos de 2 anos de experiencia laboral na mesma ocupación, agás que se trate de peóns ou aprendices.

Cuarta. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3. “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3 o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E  CIG:

Artigo 12.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.
A norma establece que a selección de participantes se levará a cabo por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería e da entidade promotora.

As organizacións sindicais presentes no Consello consideran que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que será o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola- obradoiro ou casa de oficios quen formará parte do grupo mixto, en representación da Consellería.

Respecto ao procedemento de selección dos alumnos- traballadores, as organizacións sindicais con presencia neste Consello consideramos que as accións a emprender deben estar sempre condicionadas ao Plan de Emprego, que debe esixirse en todos os casos; por conseguinte, parecería máis indicado que os perfís que determine o grupo mixto para a selección dos candidatos teñan como referencia o devandito Plan de Emprego e se axusten ao posto de traballo para o que se vai formar ao alumno –traballador.