ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 134/2001, DO 7 DE XUÑO E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS AO FUNCIONAMENTO DAS UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO, ASÍ COMO SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2005.

I. ANTECEDENTES


O día 30 de decembro de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se desenvolve o decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ao funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, así como se procede á súa convocatoria para 2005 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.




Con data 22 de marzo de 2004  publícase no DOG a Orde do 6 de marzo de 2004 pola que se establece a normativa aplicable á concesión das axudas e subvencións ao funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento e se procede á súa convocatoria. O proxecto normativo que se somete a ditame ten por obxecto a convocatoria das axudas e subvencións para 2005, segundo as liñas básicas do programa, establecidas polo Decreto 134/2001, do 7 de xuño.

O programa das unidades de promoción e desenvolvemento, consideradas como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal, ten como finalidade actuar sobre as súas potencialidades de desenvolvemento, fomentando a creación de emprego. Así configuradas, constitúen un instrumento que, mediante a elaboración de plans e proxectos integrais de execución das distintas políticas activas de emprego, contribúen á inserción laboral de desempregados.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do exercicio pasado publicado no DOG o día 22 de marzo de 2004, non se observan variacións no texto do proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolve o decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ao funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, así como se procede á súa convocatoria para 2005” consta de: exposición de motivos, cinco capítulos, trinta artigos, sete disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 3 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada aos artigos 12, 16, 17, 25 e 29 do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, tres consideracións xerais sobre a valoración da norma e unha específica, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).




              DITAME 3/05



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se desenvolve o decreto 134/2001, do 7 de xuño e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ao funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, así como se procede á súa convocatoria para 2005” da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de decembro de 2004, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira. Artigo 12.- Solicitudes. Prazo de presentación.

O apartado 3 deste artigo establece dous prazos para a presentación de solicitudes: o primeiro ata o 15 de marzo e, nunha segunda fase, ata o 15 de xullo.

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran prioritario establecer tamén, como regra xeral, que as valoracións dos proxectos presentados se fagan no seu conxunto, para evitar, no posible, a valoración individual ou un por un dos proxectos, ao mesmo tempo que se vaian presentando ou achegando ás unidades administrativas correspondentes.

Neste caso, a proposta tende a garantir a libre concorrencia de proxectos, que demanda a necesidade de que se marquen períodos de valoración trimestrais por parte da comisión de avaliación para poder estudiar os que se vaian achegando cunha visión de conxunto.

Segunda. Artigo 16.- Criterios de valoración dos proxectos.

Este artigo establece os criterios que se terán en conta para avaliar os proxectos. Este Comité considera que os enunciados que se reflicten son extremadamente subxectivos.


Polo exposto, proponse que ou ben se incorporen datos obxectivos que permitan avaliar os proxectos seguindo indicadores concretos, ou ben que se manteña únicamente o primeiro dos criterios enumerados, é dicir, o número de desempregados existente no ámbito territorial no que se desenvolva o proxecto.

Terceira. Artigo 17.- Resolución.

Establece este artigo que o prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas é de nove meses. Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, sobre todo tendo en conta o establecido no artigo 12.3 do proxecto normativo, que dispón a avaliación dos proxectos en dúas fases, a primeira ata o 15 de marzo e a segunda, ata o 15 de xullo. Por isto, proponse que os proxectos sexan resoltos con carácter trimestral e o mesmo referente ao prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

Asi mesmo, establece este artigo, no seu apartado 1, que o órgano competente para resolver é o/a delegado/a provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Cuarta. Artigo 25.- Garantías.

Establece este artigo que as entidades promotoras que teñan a condición xurídica de ente de dereito privado deberán constituir garantía a favor da Consellería para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe admitirse a posibilidade de pagamentos parciais da subvención ata o 80% do seu importe, sen necesidade da constitución de garantía, a decisión da entidade subvencionada. Para o caso de que esta opte polo abono de anticipos, a garantía que debe constituir tería que considerarse como gasto derivado do funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento e seren incluida nos gastos xerais do proxecto.

Quinta. Artigo 29.- Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención.

As organizacións empresariais e sindicais deste Consello consideran preciso, unha vez máis, que a norma estableza as garantías necesarias no senso de informar aos Comités Provinciais de Emprego do posible incumprimento das obrigas por parte da entidade promotora.

No suposto de que o incumprimento comporte o reintegro total das axudas se daría traslado ao Comité Autonómico de Emprego.

               ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E  CIG:


Primeira. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado nun determinado período (2000/2004) e inversamente  coa evolución da poboación no citado período.

Terceira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3, “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3 o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.




CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E  CIG:

Artigo 2. Concepto.

Este artigo define as unidades de promoción e desenvolvemento como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran oportuna a extensión deste ámbito territorial, abrindo, nun primeiro paso, o abano aos municipios de máis de 50.000 habitantes, para logo descender a ámbitos territoriais inferiores.

Proponse ampliar o espectro territorial da norma, non limitando o mesmo a ámbitos supramunicipais, incluíndo aos termos municipais de máis de 50.000 habitantes, como un primeiro paso de apertura territorial. Así, no primeiro parágrafo deste artigo 2, debería engadirse “… son módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter municipal ou supramunicipal…”.