ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN DETERMINADOS PROGRAMAS DE AXUDAS PARA O EXERCICIO DE 2005 DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS QUE, BAIXO A RÚBRICA XERAL DE PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, FINANCIAN ACCIÓNS DE FOMENTO DO EMPREGO DAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES


O día 4 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas  para o exercicio de 2005 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, financian accións de fomento do emprego das entidades locais e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento do emprego por parte das entidades locais, mediante a subvención para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social,  desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de febreiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de xaneiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS COMÚNS

Artigo 1º.- Finalidade e financiamento.
Establece como novidade este artigo que as axudas establecidas na orde convocánse en réxime de concorrencia competitiva.


Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.

Engádese un punto no apartado 2. B.1) letra a), que establece que deberá acompañarse á solicitude, certificación do secretario da entidade local na que conste a referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación xunto coas retribucións dos traballadores e as cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 8º. Xustificación e pagamento.

Obsérvase un erro no apartado 2 deste artigo, xa que establece como data límite para a remisión da documentación xustificativa á respectiva delegación provincial a do 15 de novembro de 2004, cando é de supoñer que debe dicir 15 de novembro de 2005.

CAPÍTULO II: DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL

Artigo 12º. Contía.

Modifícase este artigo pola supresión do contrato de inserción, sendo agora referencia para a contía da subvención a cantidade fixada para o salario por cada traballador contratado segundo o convenio colectivo vixente.
Asi mesmo, establece o apartado 1 deste artigo que en ningún caso poderase deducir da contía da subvención o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos Traballadores.

Artigo 13º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.

Modifícase o disposto no apartado 3 deste artigo, engadindo unha letra h) que recolle o que antes figuraba no apartado 4, relativo á consideración como preferentes dos proxectos nos que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio ou cando estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo 15º. Selección dos traballadores.

Modifícase o apartado 3 deste artigo, establecéndose na letra e) a preferencia dos desempregados integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Suprímese o que figuraba nun apartado 5, que establecía que as oficinas de emprego, á hora de realizar as sondaxes, deberán ter en consideración a disponibilidade dos demandantes para formalizar o contrato de inserción.


Artigo 16º. Contratación de traballadores.
Suprímese do apartado 1 deste artigo a referencia ao contrato de inserción.


CAPÍTULO III: DAS SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE SERVICIOS PÚBLICOS
Artigo 19º. Obxecto.

Modifícase o disposto no apartado 2, letra c) deste artigo, establecéndose agora que as sociedades limitadas, nas que tódolos seus socios sexan persoas físicas, deben ter un capital social fundacional inferior a 120.200 euros (antes era de 60.100 euros).

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

O novo proxecto normativo engade unha disposición adicional, a segunda, que establece o cofinanciamento das axudas previstas na orde polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 70%.

Suprímese a disposición adicional quinta, relativa ás retribucións dos traballadores que formalicen o contrato de inserción.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas  para o exercicio de 2005 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, financian accións de fomento do emprego das entidades locais e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vintetrés artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma e tres consideracións específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada aos artigos 6º, 12º e 13º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma e dúas específicas, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).

                                 DICTAME 4/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que rexen determinados programas de axudas  para o exercicio de 2005 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, financian accións de fomento do emprego das entidades locais e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:
Primeira. Os programas de cooperación teñen como función a adquisición de experiencia laboral por parte dos demandantes de emprego.
Polo exposto, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que esta necesidade dos demandantes de emprego debe estar contemplada no seu itinerario de inserción, tal e como foi acordado polo Comité Autonómico de Emprego no exercicio pasado.

Segunda. Moitos dos servicios que prestan as entidades locais que se cubren coas axudas previstas nesta Orde (como poder ser os de axuda a domicilio, coidado de nenos…) teñen o carácter de servicios “permanentes”, polo que ao cubrilos coas subvencións destes programas estase a incentivar formas de contratación temporal dentro do ámbito da Administración.

Dada a existencia destas situacións, a Xunta de Galicia, a través de Plans concretos, debe artellar os mecanismos necesarios que corrixan estas situacións e o ámbito axeitado para establecelos e discutir as posibles vías de solución, ven constituído polo marco do Comité Autonómico de Emprego.


A orde que estamos a dictaminar é para fomentar o emprego en determinados colectivos e cando se den unha serie de condicionantes que a propia norma establece, nunca para darlle cobertura a actividades ou traballos “estables” que xeren as entidades locais, que deberán acollerse a outros programas de axuda pero non a este.

Considerase que é, unha vez mais, o Comité Autonómico de Emprego quen debe analizar o desenvolvemento dos programas desta Orde ( e de todas as ordes sobre políticas activas de emprego) para poder correxir estas disfuncións que se producen na práctica.

Terceira.- No Comité Autonómico de Emprego acordouse que no itinerario de inserción de cada demandante de emprego debe estar contemplada a súa necesidade de adquisición de experiencia laboral.

Tendo en conta que unha das finalidades dos programas de cooperación é a de proporcionar aos demandantes de emprego unha experiencia profesional para mellorar a súa empregabilidade, parece lóxico que , para próximos exercicios, se desenvolva previamente o marco normativo dos itinerarios de inserción.

Cuarta.- O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º, no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, no apartado 3, “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Quinta.- É necesario que se estableza a obrigatoriedade para aquela entidade que solicite mais dunha acción de mellora da empregabilidade, de presentar un Plan de Emprego no que se interrelacionen as diferentes medidas dando resposta aos diferentes colectivos.
A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, previo informe do Comité Autonómico de Emprego ou dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, deberá establecer, por medio dunha Orde específica, as liñas metodolóxicas e o contido dos citado Plan de Emprego, suministrando a información necesaria para a súa elaboración.
Nesta orde específica deberase incluír, cando menos o seguinte:
a) Contidos mínimos dos Plans de Emprego:§ Ámbitos de actuación sectorial, de determinados colectivos ou territorial, establecendo un mínimo de poboación ó que se poden dirixir cando sexan sectoriais ou territoriais.
§ Obxectivos tanto cuantitativos coma cualitativos.
§ Metodoloxías.
§ Itinerarios das persoas paradas e medidas que se han empregar.
§ Medios materiais e humanos.
§ Procedemento de avaliación e seguimento.
§ Entidades asinantes, nas que necesariamente debe haber representantes dos axentes sociais, e compromisos destas.

b) Prioridades na programación das diferentes medidas:
§ Prioridades segundo a poboación parada que pretendan atender.
§ Prioridades segundo o ámbito xeográfico (municipal, supramunicipal, etc.).
§ Prioridades segundo os asinantes dos plans.
§ Prioridades segundo a integración de medidas de orientación, formación, programas en alternancia e de adquisición de experiencia, colocación.

c) Procedemento de aprobación:
§ Os plans de emprego serán, antes da súa aprobación, informados polas comisións provinciais de emprego e seguimento da contratación.
§ A aprobación dun plan de emprego implica a aprobación do conxunto de medidas nel abranguidas coa consignación orzamentaria correspondente e producirá efectos de solicitude de cada unha delas.

d) Iniciativa da Consellería de Asuntos Sociais:
§ A Consellería deberá de oficio actuar como promotor dun plan de emprego nas áreas funcionais e/ou nos sectores que, carecendo de dinamismo propio, presenten unha situación de desemprego no seu conxunto ou de colectivos específicos, superior á media de Galicia.

§ Unha vez tomada a decisión da súa necesidade polo Comité Provincial, establecerase unha comisión integrada pola Consellería, os axentes sociais presentes no Comité Provincial que corresponda e as administracións locais que se sumen á iniciativa, que deberá redacta-lo plan de emprego correspondente dentro do prazo fixado na súa aprobación.

e) Apoio técnico
§ A Consellería establecerá mecanismos para as entidades promotoras de Plans de Emprego que así o requiran e obterán axuda técnica no deseño e elaboración do plan.
§ A axuda técnica efectuarase ben con persoal da propia Consellería ben con técnicos das organizacións sindicais e patronais que asinen un convenio para tal efecto.

Esta Orde deberá dispoñer dunha partida orzamentaria para financiar a elaboración do Plan de Emprego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6. Resolución e recursos.
O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se resolvan nos tres meses seguintes ao da entrada da solicitude no rexistro correspondente.
Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais.

O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Asi mesmo, proponse que as solicitudes presentadas e que teñan completa a documentación en cada período de 30 días se resolvan conxuntamente dentro do prazo de tres meses proposto unanimemente por este Comité.

Segunda.- Artigo 12. Contía.
O apartado 1 deste artigo establece que non se poderá deducir da contía da subvención o importe da indemnización prevista polo artigo 49. 1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa considerada como un gasto elexible.


Terceira.- Artigo 13. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
O apartado 3. b) deste artigo cita como preferentes os proxectos que “incidan nos novos xacementos de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral”.

Este Comité considera que deben citarse como proxectos preferentes aqueles que se refiran a un dos ámbitos de actividade dos novos xacementos de emprego contemplados na táboa que figura como anexo a esta orde”.  En dito anexo deber ir a táboa que publicou no ano 2000 o INEM e que aparece nas páxinas 15 e seguintes da publicación denominada: “Nuevas actividades, nuevos yacimientos de empleo y desarrollo del espíritu emprendendor”.


                                ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

Primeira. As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.- As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado nun determinado período (2000/2004) e inversamente coa evolución da poboación no citado período.
A mostra mais palpable da imposibilidade de concreción da distribución dos fondos é a utilización de criterios inexistentes. Non existe información estatística oficial sobre o PIB por habitante nun nivel inferior á provincia.
Nin o I.G.E. nin o I.N.E. teñen datos publicados polo que o PIB por habitante a nivel de concello ou área funcional non pode establecerse como un criterio de distribución.
Establecer como criterio a densidade de poboación ou a súa evolución rexeitando a evolución do paro nunha orden que ten por finalidade a adquisición de experiencia dos parados é, cando menos, sorprendente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

Primeira.- Artigo 15º. Selección dos traballadores.
O apartado 3 deste artigo relaciona colectivos preferentes e criterios a ter en conta para realizar a selección dos traballadores.

Proponse, para exercicios futuros, a modificación deste apartado, suprimindo o texto que figura no proxecto normativo e establecéndose que terán preferencia  aqueles traballadores desempregados que así o teñan recoñecido no seu itinerario de inserción. No resto dos casos, terase en conta a antigüidade da demanda.

En todo caso, a entidade deberá seleccionar aos participantes de tal xeito que no seu conxunto as mulleres manteñan, polo menos, unha proporción similar á do paro rexistrado a 31/12/2004 na área correspondente. Para o cómputo desta composición non se terán en conta as mulleres víctimas de violencia doméstica.


Artigos 19º a 23º . Das subvencións para a contratación de servicios públicos.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen a supresión do capítulo III desta orde, considerando que non ten sentido subvencionar ás empresas.