ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REXEN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O EXERCICIO DE 2005 DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS PARA A CONTRATACIÓN POR PARTE DAS ENTIDADES LOCAIS DE TRABALLADORES DESEMPREGADOS BENEFICIARIOS DO PROGRAMA “LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA” E DO PROGRAMA DE FOMENTO DA INSERCIÓN LABORAL DE MULLERES VÍCTIMAS DE VIOLENCIA DOMÉSTICA, PARA A REALIZACIÓN DE OBRAS OU SERVICIOS DE INTERESE XERAL E SOCIAL E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES


O día 4 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións  para o exercicio de 2005 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que están destinadas ao financiamento de accións de fomento do emprego por parte das entidades locais, mediante a subvención para a contratación de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social,  desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 16 de febreiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de xaneiro de 2004, obsérvase que obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:


Artigo 1º.- Finalidade e financiamento.
Establece como novidade este artigo que as axudas establecidas na orde convocánse en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 4º. Contía.
Modifícase este artigo pola supresión do contrato de inserción, sendo agora referencia para a contía da subvención a cantidade equivalente á base mínima do grupo de cotización ao que corresponda a categoría profesional desempeñada polo traballador contratado, maila cotización empresarial á Seguridade Social, derivada de dito salario.

Asi mesmo, establécese na letra a) deste artigo que en ningún caso poderase deducir da contía da subvención o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos Traballadores.

Artigo 5º.- Solicitudes, documentación e prazo.
Engádese un punto no apartado 2, letra a), que establece que deberá acompañarse á solicitude, certificación do secretario da entidade local na que conste a referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación xunto coas retribucións dos traballadores e as cotizacións á Seguridade Social.

Modifícase o apartado 5 deste artigo, relativo ao prazo de presentación de solicitudes, establecéndose agora que, para as axudas para a contratación de beneficiarios do programa Labora será de dous meses a partir do seguinte (enténdese que día seguinte) ao da publicación da convocatoria no DOG e, para a contratación de beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, poderán presentarse ao longo de todo o ano.

Artigo 13º. Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.

Modifícase o disposto no apartado 3 deste artigo, engadindo unha letra c) que recolle o que antes figuraba no derradeiro parágrafo, relativo á consideración como preferentes dos proxectos nos que a elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio ou cando estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

Artigo 15º. Contratación de traballadores.
Suprímese do apartado 1 deste artigo a referencia ao contrato de inserción.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

O novo proxecto normativo engade unha disposición adicional, a terceira, que establece o cofinanciamento das axudas previstas na orde polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 70%.

Suprímense as disposicións adicionais sexta e sétima, relativas ás retribucións dos traballadores que formalicen o contrato de inserción e o contrato de obra ou servicio, respectivamente.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións  para o exercicio de 2005 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, un capítulo, dezasete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais sobre a valoración da norma de carácter unánime e dúas consideracións específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada aos artigos 7º e 13º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, tres consideracións xerais sobre a valoración da norma e unha específica, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).


                                  DITAME 5/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións  para o exercicio de 2005 da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do Programa “Labora: xuventude con experiencia” e do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa convocatoria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira. Os programas de cooperación teñen como función a adquisición de experiencia laboral por parte dos demandantes de emprego.
Polo exposto, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que esta necesidade dos demandantes de emprego debe estar contemplada no seu itinerario de inserción, tal e como foi acordado polo Comité Autonómico de Emprego no exercicio pasado.

Segunda. Moitos dos servicios que prestan as entidades locais que se cubren coas axudas previstas nesta Orde (como poder ser os de axuda a domicilio, coidado de nenos…) teñen o carácter de servicios “permanentes”, polo que ao cubrilos coas subvencións destes programas estase a incentivar formas de contratación temporal dentro do ámbito da Administración.

Dada a existencia destas situacións, a Xunta de Galicia, a través de Plans concretos, debe artellar os mecanismos necesarios que corrixan estas situacións e o ámbito axeitado para establecelos e discutir as posibles vías de solución, ven constituído polo marco do Comité Autonómico de Emprego.

Terceira. No Comité Autonómico de Emprego acordouse que no itinerario de inserción de cada demandante de emprego debe estar contemplada a súa necesidade de adquisición de experiencia laboral.

Tendo en conta que unha das finalidades dos programas de cooperación é a de proporcionar aos demandantes de emprego unha experiencia profesional para mellorar a súa empregabilidade, parece lóxico que , para próximos exercicios, se desenvolva previamente o marco normativo dos itinerarios de inserción.

Cuarta.- O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º, no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, no apartado 3, “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Quinta.- É necesario que se estableza a obrigatoriedade para aquela entidade que solicite mais dunha acción de mellora da empregabilidade, de presentar un Plan de Emprego no que se interrelacionen as diferentes medidas dando resposta aos diferentes colectivos.
A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, previo informe do Comité Autonómico de Emprego ou dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, deberá establecer, por medio dunha Orde específica, as liñas metodolóxicas e o contido dos citado Plan de Emprego, suministrando a información necesaria para a súa elaboración.
Nesta orde específica deberase incluír, cando menos o seguinte:
a) Contidos mínimos dos Plans de Emprego:
§ Ámbitos de actuación sectorial, de determinados colectivos ou territorial, establecendo un mínimo de poboación ó que se poden dirixir cando sexan sectoriais ou territoriais.
§ Obxectivos tanto cuantitativos coma cualitativos.
§ Metodoloxías.
§ Itinerarios das persoas paradas e medidas que se han empregar.
§ Medios materiais e humanos.
§ Procedemento de avaliación e seguimento.
§ Entidades asinantes, nas que necesariamente debe haber representantes dos axentes sociais, e compromisos destas.

b) Prioridades na programación das diferentes medidas:
§ Prioridades segundo a poboación parada que pretendan atender.
§ Prioridades segundo o ámbito xeográfico (municipal, supramunicipal, etc.).
§ Prioridades segundo os asinantes dos plans.
§ Prioridades segundo a integración de medidas de orientación, formación, programas en alternancia e de adquisición de experiencia, colocación.

c) Procedemento de aprobación:
§ Os plans de emprego serán, antes da súa aprobación, informados polas comisións provinciais de emprego e seguimento da contratación.
§ A aprobación dun plan de emprego implica a aprobación do conxunto de medidas nel abranguidas coa consignación orzamentaria correspondente e producirá efectos de solicitude de cada unha delas.

d) Iniciativa da Consellería de Asuntos Sociais:
§ A Consellería deberá de oficio actuar como promotor dun plan de emprego nas áreas funcionais e/ou nos sectores que, carecendo de dinamismo propio, presenten unha situación de desemprego no seu conxunto ou de colectivos específicos, superior á media de Galicia.

§ Unha vez tomada a decisión da súa necesidade polo Comité Provincial, establecerase unha comisión integrada pola Consellería, os axentes sociais presentes no Comité Provincial que corresponda e as administracións locais que se sumen á iniciativa, que deberá redacta-lo plan de emprego correspondente dentro do prazo fixado na súa aprobación.

e) Apoio técnico
§ A Consellería establecerá mecanismos para as entidades promotoras de Plans de Emprego que así o requiran e obterán axuda técnica no deseño e elaboración do plan.
§ A axuda técnica efectuarase ben con persoal da propia Consellería ben con técnicos das organizacións sindicais e patronais que asinen un convenio para tal efecto.

Esta Orde deberá dispoñer dunha partida orzamentaria para financiar a elaboración do Plan de Emprego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 7. Resolución.
O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se resolvan nos tres meses seguintes ao da entrada da solicitude no rexistro correspondente.
Tamén se considera necesario a obriga de resolver expresamente pola Administración en todo caso.

Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o delegado provincial da Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais.

O artigo 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función dos Comités Provinciais a emisión de informe cando a resolución sexa competencia da delegación provincial.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do delegado provincial, emita informe o Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.



Asi mesmo, proponse que as solicitudes presentadas e que teñan completa a documentación en cada período de 30 días se resolvan conxuntamente dentro do prazo de tres meses proposto unanimemente por este Comité.

Segunda.- Artigo 13. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
O apartado 3. b) deste artigo cita como preferentes os proxectos que “incidan nos novos xacementos de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral”.

Este Comité considera que deben citarse como proxectos preferentes aqueles que se refiran a un dos ámbitos de actividade dos novos xacementos de emprego contemplados na táboa que figura como anexo a esta orde”.  En dito anexo deber ir a táboa que publicou no ano 2000 o INEM e que aparece nas páxinas 15 e seguintes da publicación denominada: “Nuevas actividades, nuevos yacimientos de empleo y desarrollo del espíritu emprendendor”.








                                     ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

Primeira. As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado nun determinado período (2000/2004) e inversamente coa evolución da poboación no citado período.
A mostra mais palpable da imposibilidade de concreción da distribución dos fondos é a utilización de criterios inexistentes. Non existe información estatística oficial sobre o PIB por habitante nun nivel inferior á provincia.
Nin o I.G.E. nin o I.N.E. teñen datos publicados polo que o PIB por habitante a nivel de concello ou área funcional non pode establecerse como un criterio de distribución.
Establecer como criterio a densidade de poboación ou a súa evolución rexeitando a evolución do paro nunha orden que ten por finalidade a adquisición de experiencia dos parados é, cando menos, sorprendente

Terceira.- As organizacións sindicais consideramos que os beneficiarios das accións de fomento do emprego previstas nesta orde deben ser, ademáis das mulleres víctimas de violencia doméstica (artº.1.b) os desempregados menores de 30 anos, estean ou non incluidos no Programa Labora.




CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.
Proponse a modificación do apartado 1 deste artigo, no senso de que podan ser contratados tódolos desempregados menores de 30 anos, estean ou non incluidos no Programa Labora, tendo preferencia  aqueles traballadores desempregados que así o teñan recoñecido no seu itinerario de inserción. No resto dos casos, terase en conta a antigüidade da demanda.

En todo caso, a entidade deberá seleccionar os participantes de tal xeito que no seu conxunto as mulleres manteñan, polo menos, unha proporción similar á do paro rexistrado a 31/12/2004 na área correspondente. Para o cómputo desta composición non se terán en conta as mulleres víctimas de violencia doméstica.

O parágrafo segundo do apartado 2 establece excepcionalmente a posibilidade de presentar oferta especial cando se trate seleccionar beneficiarios do Programa Labora que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33%.

Consideramos que a presentación deste tipo de oferta debe limitarse exclusivamente á contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.