ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN CON ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA O EXERCICIO DE 2005 E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio de 2005 e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento do emprego por parte dos órganos e organismos das Administracións Públicas distintas da Local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, mediante a subvención para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social,  desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 16 de febreiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de xaneiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS COMÚNS

Artigo 1º.- Finalidade e financiamento.
Establece como novidade este artigo que as axudas establecidas na orde convocánse en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.

Engádese un punto no apartado 2. letra d), que establece que deberá acompañarse á solicitude, certificación do órgano competente da entidade beneficiaria na que conste a referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación xunto coas retribucións dos traballadores e as cotizacións á Seguridade Social.

Modifícase o apartado 4 deste artigo, relativo ao prazo de presentación de solicitudes, establecéndose agora que será de dous meses a partir do seguinte (enténdese que día seguinte) ao da publicación da convocatoria no DOG, agás para as solicitudes para a contratación de beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica, que poderán presentarse ao longo de todo o ano.

Artigo 5º.- Procedemento.
Modíficase o disposto no apartado 2 deste artigo, establecendo que as solicitudes se tramitarán en tres fases que se completarán nos meses de marzo, xuño e setembro, respectivamente, en función das datas de inicio previstas nas correspondentes solicitudes.
Engádese un apartado, sinalado co número 3, que establece que non se considerarán desestimados e poderán ser obxecto de ulterior valoración pola Comisión de Valoración, aqueles proxectos dos que nalgunha das dúas primeiras fases non se formula proposta de resolución favorable á súa aprobación.


Artigo 11º.- Obxecto.
Modifícase o apartado 1 deste artigo, establecéndose na letra c) a preferencia dos desempregados integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Artigo 12º.- Contía.
Modifícase o apartado 1.a) deste artigo, establecéndose que a contía da subvención será a equivalente aos custos salariais e de Seguridade Social dos traballadores contratados de acordo cos módulos previstos no apartado 3 deste artigo, que teñen como base o indicador público de renda de efectos múltiples vixente.

Asi mesmo, establécese no apartado 2 deste mesmo artigo, que en ningún caso poderase deducir da contía da subvención o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos Traballadores.

Artigo 13º.- Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
No apartado 1. d) deste artigo (débese correxir a letra, xa que é c), establécese que as obras e servicios que se vaian realizar deberán ter unha duración máxima de nove meses (antes era de doce meses), agás nos supostos dos Programas subvencionados na orde.




Artigo 14º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

Modifícase o apartado 2 deste artigo, establecéndose na letra e) a preferencia dos desempregados integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Suprímese o que figuraba no último parágrafo do apartado 2, que establecía que as oficinas de emprego, á hora de realizar as sondaxes, deberán ter en consideración a disponibilidade dos demandantes para formalizar o contrato de inserción.

Artigo 15º. Contratación de traballadores.
Suprímese do apartado 1 deste artigo a referencia ao contrato de inserción.

Artigo 21º.- Criterios de valoración das solicitudes.
Como novidade, establece este artigo os criterios de preferencia a ter en conta pola comisión de valoración para efectuar a selección das entidades beneficiarias.


DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

O novo proxecto normativo engade unha disposición adicional, a segunda, que establece o cofinanciamento das axudas previstas na orde polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 65%.

Suprímense as disposicións adicionais sexta e sétima, relativas ás retribucións dos traballadores que formalicen o contrato de inserción e o contrato de obra ou servicio, respectivamente.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio de 2005 e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vintecinco artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma e nove específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada aos artigos 2º, 4º, 6º, 12º, 13º, 15º, 20º, 21º e 23º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma e unha específica, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).



                                      DITAME 6/05




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para o exercicio de 2005 e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:
Primeira. Os programas de cooperación teñen como función a adquisición de experiencia laboral por parte dos demandantes de emprego.
Polo exposto, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que esta necesidade dos demandantes de emprego debe estar contemplada no seu itinerario de inserción, tal e como foi acordado polo Comité Autonómico de Emprego no exercicio pasado.

Segunda.- No Comité Autonómico de Emprego acordouse que no itinerario de inserción de cada demandante de emprego debe estar contemplada a súa necesidade de adquisición de experiencia laboral.

Tendo en conta que unha das finalidades dos programas de cooperación é a de proporcionar aos demandantes de emprego unha experiencia profesional para mellorar a súa empregabilidade, parece lóxico que , para próximos exercicios, se desenvolva previamente o marco normativo dos itinerarios de inserción.

Terceira.- O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 6º, no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, no apartado 3, “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 2. Liñas de axuda.
O apartado 2 deste artigo establece o financiamento do incentivo á mobilidade xeográfica para os traballadores contratados que sexan beneficiarios do Programa Labora ou do Programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica e que reúnan os requisitos para percibilo.

Este Comité propón que se regule legalmente o financiamento deste incentivo para todos os traballadores que se contraten sempre que reúnan os requisitos para percibilo.



Segunda.- Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo.
Este artigo cita varios anexos que se publican coa orde.

Este Comité manifesta que non fixeron chegar para ditame os citados anexos do proxecto normativo.

O apartado 2 deste artigo esixe que se acompañe á solicitude unha serie de documentos.

Este Comité propón que se exima ás entidades solicitantes, sempre que o teñan solicitado en exercicios anteriores, da obriga de adxuntar coa solicitude a documentación sinalada nas letras a), b) e c) deste apartado 2, por canto xa obra en poder da Administración.

Asi mesmo, o apartado 4 deste artigo establece un prazo para a presentación de solicitudes de dous meses.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen o establecemento dun prazo superior, tendo en conta que as solicitudes se tramitan en tres fases (tal como dispón o artigo 5.2 do proxecto normativo) e que a última fase é no mes de setembro.

Terceira.- Artigo 6. Resolución e recursos.
O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se resolvan nos tres meses seguintes ao da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Establece tamén este artigo que o órgano competente para resolver é o director xeral de Promoción do Emprego.

O artigo 2º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función do Comité Autonómico de Emprego a emisión de informe cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería.

Polo exposto, proponse que se estableza no texto da orde que, con carácter previo á resolución do director xeral, emita informe o Comité Autonómico de Emprego.

Asi mesmo, proponse que as solicitudes presentadas e que teñan completa a documentación en cada período de 30 días se resolvan conxuntamente dentro do prazo de tres meses proposto unanimemente por este Comité.

Cuarta.- Artigo 12. Contía.
O apartado 1 deste artigo establece que non se poderá deducir da contía da subvención o importe da indemnización prevista polo artigo 49. 1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa considerada como un gasto elexible.



Quinta.- Artigo 13. Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.
O apartado 2. d) deste artigo cita como preferentes os proxectos que “incidan nos novos xacementos de emprego e fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral”.

Este Comité considera que deben citarse como proxectos preferentes aqueles que se refiran a un dos ámbitos de actividade dos novos xacementos de emprego contemplados na táboa que figura como anexo a esta orde”.  En dito anexo deber ir a táboa que publicou no ano 2000 o INEM e que aparece nas páxinas 15 e seguintes da publicación denominada: “Nuevas actividades, nuevos yacimientos de empleo y desarrollo del espíritu emprendendor”.

Asi mesmo, o apartado 1. c) deste artigo establece como requisito que a duración máxima das obras e servicios que se vaian realizar sexa de nove meses.

Este Comité considera que debe permitirse igual duración que para as obras e servicios que se subvencionan ás entidades locais a través dos Programas de Cooperación, cuxa duración máxima, segundo dispón o artigo 13.2 da súa orde reguladora, é o ano natural do exercicio orzamentario no que se produce a colaboración.




Sexta.- Artigo 15. Contratación dos traballadores.
O apartado 1 deste artigo establece que a entidade beneficiaria procederá á contratación dos traballadores antes do 1 de decembro de 2005.

Este Comité considera que debe permitirse a posibilidade prevista no artigo 17. 2 do proxecto normativo, respecto do inicio das obras ou servicios, é dicir, que o director xeral de Promoción do Emprego autorice que se poda contratar excepcionalmente, cando concorran causas xustificadas, con posterioridade ao devandito prazo.

Sétima.- Artigo 20. Contía.

Este artigo establece a contía da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, que ascenderá ao importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social.

Este Comité considera que deberíase contemplar tamén neste artigo a concesión dunha subvención dun 10% para gastos de difícil xustificación, como fai a Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de subvención da contratación de orientadores laborais.

Polo exposto, se propón que se amplíe a contía da subvención contemplando un 10% para gastos de difícil xustificación.



Oitava.- Artigo 21. Criterios de valoración das solicitudes.
Na letra g) deste artigo establécese como criterio de valoración calquera outro que poida establecer a Comisión de Valoración.

Este Comité propón a supresión do citado apartado por non consideralo xustificado.

Novena.- Artigo 23º. Contratación.
Este precepto establece que a subvención concederase por un período máximo dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos, incluido o inicial.

Esta limitación temporal considerase restrictiva pois outros programas de axuda desa consellería (por exemplo, os programas de cooperación con entidades locais) non teñen límite de tempo.

En consecuencia, proponse a supresión dese tope máximo de 4 anos.

Asi mesmo, o apartado 1 deste artigo establece que a entidade beneficiaria procederá á contratación dos traballadores antes do 1 de decembro de 2005.

Este Comité considera que debe permitirse a posibilidade prevista no artigo 17. 2 do proxecto normativo, respecto do inicio das obras ou servicios, é dicir, que o director xeral de Promoción do Emprego autorice que se poda contratar excepcionalmente, cando concorran causas xustificadas, con posterioridade ao devandito prazo.

                                          ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente dictame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.- As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado nun determinado período (2000/2004) e inversamente coa evolución da poboación no citado período.




CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.
O apartado 2 deste artigo relaciona colectivos preferentes e criterios a ter en conta para realizar a selección dos traballadores.

Proponse a modificación deste apartado, suprimindo o texto que figura no proxecto normativo e establecéndose que terán preferencia  aqueles traballadores desempregados que así o teñan recoñecido no seu itinerario de inserción. No resto dos casos, terase en conta a antigüidade da demanda.

O apartado 3 deste artigo establece os casos nos que pode presentarse oferta de emprego específica ou especial.

Consideramos que a presentación deste tipo de oferta debe limitarse exclusivamente á contratación de beneficiarias do Programa de fomento da inserción laboral de mulleres víctimas de violencia doméstica.