ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO DESENVOLVEMENTO LOCAL NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS COAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005

I. ANTECEDENTES


O día 4 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Regula esta orde aquelas liñas de axuda que, integradas nos Programas de Cooperación, se dirixen ás entidades locais para a realización de estudios, informes ou actividades de promoción do contorno local e actúen, deste modo, como impulsoras da creación de emprego, xa que  considérase que é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Deste xeito, as entidades locais fomentarán a creación de actividades e a implantación e fixación de iniciativas empresariais xeradoras de emprego, o que redundará no desenvolvemento integral do territorio e na fixación da poboación.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 17 de febreiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de xaneiro de 2004 obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame.

O texto do novo proxecto normativo non ten modificacións respecto ao publicado no exercicio pasado.




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005” consta de: exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 12 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma e unha consideración específica de carácter unánime, en relación coa redacción dada ao artigo 8 do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma e catro específicas, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).

                                DITAME 7/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións  para o fomento do desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  E EMPRESARIAIS:

Primeira. As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que as axudas establecidas neste proxecto normativo estean recollidas tamén na orde que regula as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.
De non ser así, este Comité Delegado propón que se recolla neste proxecto normativo un artigo que promova a colaboración das entidades locais coas asociacións do seu contorno.


Segunda. O proxecto normativo sometido a ditame non establece prazo de execución das accións que se subvencionan.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que este debe figurar expresamente, tendo en conta que o artigo 10º.2 dispón que a documentación xustificativa debe ser remitida antes do 1 de abril de 2006.

Terceira.  Este Comité considera que o obxecto e finalidade desta orde debería ser tamén o de subvencionar o financiamento da realización por parte das entidades locais de plans de emprego que conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio, no que se interrelacionen as diferentes medidas dando resposta aos diferentes colectivos.
A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, previo informe do Comité Autonómico de Emprego ou dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, deberá establecer, por medio dunha Orde específica, as liñas metodolóxicas e o contido dos citados Plans de Emprego, suministrando a información necesaria para a súa elaboración.

Nesta orde específica deberase incluír, cando menos o seguinte:
a) Contidos mínimos dos Plans de Emprego:
§ Ámbitos de actuación sectorial, de determinados colectivos ou territorial, establecendo un mínimo de poboación ó que se poden dirixir cando sexan sectoriais ou territoriais.

§ Obxectivos tanto cuantitativos coma cualitativos.
§ Metodoloxías.
§ Itinerarios das persoas paradas e medidas que se han empregar.
§ Medios materiais e humanos.
§ Procedemento de avaliación e seguimento.
§ Entidades asinantes, nas que necesariamente debe haber representantes dos axentes sociais, e compromisos destas.

b) Prioridades na programación das diferentes medidas:
§ Prioridades segundo a poboación parada que pretendan atender.
§ Prioridades segundo o ámbito xeográfico (municipal, supramunicipal, etc.).
§ Prioridades segundo os asinantes dos plans.
§ Prioridades segundo a integración de medidas de orientación, formación, programas en alternancia e de adquisición de experiencia, colocación.

c) Procedemento de aprobación:
§ Os plans de emprego serán, antes da súa aprobación, informados polas comisións provinciais de emprego e seguimento da contratación.

§ A aprobación dun plan de emprego implica a aprobación do conxunto de medidas nel abranguidas coa consignación orzamentaria correspondente e producirá efectos de solicitude de cada unha delas.

d) Iniciativa da Consellería de Asuntos Sociais:
§ A Consellería deberá de oficio actuar como promotor dun plan de emprego nas áreas funcionais e/ou nos sectores que, carecendo de dinamismo propio, presenten unha situación de desemprego no seu conxunto ou de colectivos específicos, superior á media de Galicia.
§ Unha vez tomada a decisión da súa necesidade polo Comité Provincial, establecerase unha comisión integrada pola Consellería, os axentes sociais presentes no Comité Provincial que corresponda e as administracións locais que se sumen á iniciativa, que deberá redactar o plan de emprego correspondente dentro do prazo fixado na súa aprobación.

e) Apoio técnico
§ A Consellería establecerá mecanismos para as entidades promotoras de Plans de Emprego que así o requiran e obterán axuda técnica no deseño e elaboración do plan.
§ A axuda técnica efectuarase ben con persoal da propia Consellería ben con técnicos das organizacións sindicais e patronais que asinen un convenio para tal efecto.

Cuarta. O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º, no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, no apartado 5, “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Artigo 8. Resolución e recursos.
O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que se propón que se acorte a tres meses. Consideramos prioritario que os proxectos sexan resoltos en réxime de concorrencia competitiva polo que deben valorarse conxuntamente e ser resoltos nos tres meses contados a partir do día seguinte ó do peche de presentación de solicitudes.

Establece este artigo que o órgano competente para resolver é o director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

O artigo 2º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece que é función do Comité Autonómico a emisión de informe cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería.

Polo exposto, proponse que se establezca no texto da orde que, con carácter previo á resolución do director xeral, emita informe o Comité Autonómico de Emprego.

                                            ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :


Primeira. As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda. As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado nun determinado período (2000/2004) e inversamente coa evolución da poboación no citado período.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Consideramos que a finalidade principal desta orde debe ser a de subvencionar a realización de plans de emprego que conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio.

Segunda.- Artigo 3. Liñas de axuda.
Proponse recoller no apartado 1 a subvención de plans de emprego e no apartado 2 a subvención de estudios, informes e campañas.

Terceira.- Artigo 4. Contía e límites.
Proponse que se estableza a contía seguinte:
Apartado 1. A contía total da subvención ascenderá ao 90% do custo total do plan de emprego.
Apartado 2. A contía da subvención para a realización de informes, estudios e campañas poderá ascender ao 50%.

Cuarta.- Artigo 7. Criterios de valoración.
Proponse a modificación deste artigo, coa seguinte redacción:

“1. De entre as solicitudes presentadas, farase a selección ao obxecto de outorgar as correspondentes subvencións, dándolles preferencia aos plans de emprego nos que na elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio, ou cando estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

2. Asi mesmo, poderán tamén ser tidos en conta aqueles proxectos que:
a) Se proxecten sobre territorios cun maior índice de desemprego.
b) Teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno”.