ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE RESOLUCIÓN POLA QUE SE DESENVOLVE A ORDE DO 16 DE DECEMBRO DE 2004, POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DE 2005

I. ANTECEDENTES


O día 13 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Resolución pola que se desenvolve a Orde do 16 de decembro de 2004, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2005 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta Resolución desenvolve a orde da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais do 16 de decembro de 2004, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP correspondentes ao ano 2005, regulando a determinación das contías das axudas aos alumnos, o procedemento de remisión de documentación e de selección dos alumnos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da resolución do exercicio pasado, publicado no DOG o día  11 de febreiro de 2004, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de febreiro de 2004, obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións feitas no ditame polo Comité delegado.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Artigo décimo terceiro.- Módulos transversais.

A Resolución de 2004 regulaba módulos de orientación profesional, pola contra o novo proxecto normativo regula neste artigo dous módulos complementarios ao curso ocupacional: “Formación para a igualdade” e o outro a elixir, con carácter obrigatorio, entre varios que cita no apartado 2. A duración destes módulos será a maiores das horas do curso de que se trate.


Artigo décimo cuarto.- Seguimento e control dos cursos.
Engádese un novo apartado 2, no que se establece a obriga dos técnicos de seguimento de comunicar por escrito as deficiencias detectadas aos centros afectados para a súa inmediata subsanación. En caso de que non sexan subsanadas no prazo establecido, terase en conta no aboamento da subvención económica.

Artigo décimo sexto.- Prácticas en empresas.
O texto deste artigo engade novidades, establecéndose que poderán desenvolverse dous tipos de prácticas en empresas: as que están incluídas no programa formativo do curso e aquelas que teñen lugar a maiores das súas horas lectivas.

Respecto ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, o apartado a) deste artigo décimo sexto establece que a solicitude presentarase polo centro impartidor con vinte días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas (antes era de quince días hábiles), esixindo que se xunte coa solicitude os datos correspondentes ao centro colaborador e á/s empresa/s onde se realizarán, para o obxecto de elaborar o correspondente convenio ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa no que se faga constar a súa autorización para realizalas. No apartado b) se recolle o mesmo para as prácticas a maiores das horas lectivas do curso.




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Resolución pola que se desenvolve a Orde do 16 de decembro de 2004, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2005” consta de: exposición de motivos e dezaseis artigos.



O día 20 de xaneiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos segundo, terceiro, sétimo, oitavo, noveno, décimo primeiro, décimo segundo e décimo sexto do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I).


                                     DITAME 8/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Resolución pola que se desenvolve a Orde do 16 de decembro de 2004, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2005” da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xaneiro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo segundo. Proxectos formativos con compromiso de contratación.

O apartado 2 deste artigo relaciona a documentación que deberán  presentar as entidades solicitantes. Consideramos que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser estas impropias do alfabeto galego.

Segunda.- Artigo terceiro. Obrigas dos centros colaboradores.

A Resolución do 16 de decembro de 2002 (DOG de 27.12.02) recollía no artigo 3, apartado 1.b), penúltima liña, a obriga  do centro colaborador de remitir o modelo da ficha do alumno, que deberá ser arquivado pola entidade colaboradora totalmente cuberto e asinado polo alumno.
Esta obriga non é esixida no novo proxecto normativo. Este Comité non entende a súa supresión, polo que propón que se recolla a citada obriga no artigo terceiro.1.b) da nova resolución.

Terceira.- Artigo sétimo. Gastos imputables ao módulo A.

A Resolución do 16 de decembro de 2002 (DOG de 27.12.02) recollía no artigo 7º, segundo parágrafo, que os gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente non poderán superar o 25% do módulo A.
Sen embargo, no novo proxecto normativo fálase do 20%. Este Comité considera que débese incrementar a porcentaxe que figuraba na anterior resolución e, cando menos, manter o 25%.
Cuarta.- Artigo noveno. Gastos de alugueres de instalacións e maquinaria.
O apartado 3 deste artigo establece que a imputación de alugueres non poderá superar o 35% do módulo B.
Este Comité propón que o citado límite se incremente ata o 50%.

Quinta.- Artigo décimo primeiro. Axudas e bolsas.
Este apartado establece no seu parágrafo quinto, a relación de especialidades que, cumprindo os restantes requisitos, darán lugar á axuda de aloxamento e manutención.

Este Comité considera este punto restrictivo e propón redactar o devandito parágrafo da maneira que segue: “Que a especialidade que se vai impartir sexa algunha das seguintes que se relacionan a continuación ou calquera outra que non se imparta nun radio inferior a 75 quilómetros e que figure no informe elaborado polo orientador laboral”.
Sexta.- Artigo décimo segundo. Publicación de anuncios.
O apartado 3 deste artigo establece que “o custo dos anuncios que non se adapten aos requisitos establecidos nesta resolución, ou a calquera outros que se puidesen establecer pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será aboado con cargo ás axudas previstas”.

Este Comité propón que sexa suprimida a frase escrita en cursiva e se concreten no texto do artigo os requisitos que implican que non sexa aboado o custo dos anuncios.

Sétima.- Artigo décimo sexto. Prácticas en empresas.

Este artigo establece que o centro impartidor presentará a solicitude no prazo de vinte días hábiles anteriores á data prevista para a realización das prácticas, modificando a Resolución do exercicio de 2004 que o fixaba en quince días.

Considerando que falta a xustificación da modificación feita no novo proxecto normativo, este Comité non entende os motivos da ampliación do prazo, polo que propón que siga sendo de quince días hábiles.

                                              ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo décimo sexto. Prácticas en empresas.

A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente que nos cursos do Plan FIP se permitan dous tipos de prácticas en empresas.

Asi mesmo, tendo en conta que as empresas poñen a disposición dos alumnos en prácticas os seus medios materiais e persoais, necesarios estes últimos para as funcións de titoría, considera que debería establecerse no proxecto normativo a concesión dalgún tipo de axuda económica para facer fronte a algún gasto excepcional que poda derivarse da realización das prácticas, o que tamén suporía un incentivo á participación das empresas na recepción do alumnado en prácticas.