ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS E A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde ten por obxecto a regulación dun conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación de desempregados como socios traballadores ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar o autoemprego colectivo como unha fórmula idónea para a creación de emprego e xeración de riqueza.

Preténdese, así mesmo, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto de manter o seu emprego mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 2 de abril de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de febreiro de 2004, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame (consideración específica unánime 1ª, consideracións específicas da CEG 1ª, 2ª, 3ª e 5ª e a consideración específica manifestada polas organizacións sindicais).

Os programas de promoción e divulgación do cooperativismo (anteriormente regulados no anexo B da orde do exercicio pasado) foron ditaminados en data 4 de novembro de 2004 (Ditame 34/04) e publicados no DOG do 10 de decembro de 2004.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Establécese unha nova axuda dirixida ás cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais de nova creación constituídas por mulleres e mozos/as desempregados/as en concellos rurais, coa finalidade de apoiar o emprego destes colectivos, así como a de impulsar o desenvolvemento local.


Establécese para algunhas axudas que se citan na exposición de motivos do proxecto normativo o cofinanciamento do “Fondo Social Europeo” e do “Fondo Europeo de Desarrollo Regional” nun 70% ou nun 75%, segundo os casos.

O artigo 1º define o obxecto, finalidade e principios que rexen a xestión das axudas reguladas no proxecto normativo: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 2º establece quenes poden ser beneficiarios, engadindo “sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións”.

O artigo 5º regula a axuda para a adquisición da condición de socio traballador, podendo concederse esta aos desempregados nos que concorran algunha das circunstancias que se citan, engadindo algunha ás relacionadas na orde do exercicio pasado:
a) Mozos menores de 25 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado.
g) Mulleres titulares de familias monoparentais e con cargas familiares (concepto que aclara no segundo parágrafo da disposición adicional sexta).
h) Mulleres maiores de 25 anos e menores de 45.
m) Desempregados en situación de risco de exclusión social que non podan acceder á renda de integración social de Galicia ou traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade.
Establece este artigo, no seu apartado 2, que o importe da subvención incrementarase ata a contía de 4.200 euros nalgúns casos que cita.

O artigo 6º regula a axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo, establecendo no seu apartado 2 que se incrementará en 300 euros se a persoa incorporada é un mozo/a menor de 30 anos.
O prazo para a presentación de solicitudes desta axuda será de tres meses contados desde a data de alta na Seguridade Social.

O artigo 10º regula, como novidade, a axuda excepcional para o inicio da actividade das cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais, de nova creación, constituídas exclusivamente por mulleres e mozos menores de 30 anos que vaian desenvolver a súa actividade nun concello galego con menos de 20.000 habitantes, establecendo na disposición adicional sexta que se tomará como referencia as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2004. A subvención pode chegar ao 50% dos gastos necesarios para o inicio da actividade.

O artigo 13º establece a documentación que se debe acompañar coa solicitude, sendo necesario, como novidade, a escritura ou acta de constitución da entidade, á que se achegarán os estatutos da mesma (apartado 1.letra b). O apartado 7 deste artigo establece a documentación específica para a axuda excepcional de inicio de actividade.

O artigo 16º regula a xustificación do pagamento, que quedará condicionado á presentación por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, da documentación que se esixa de forma expresa na resolución de concesión, establecéndose no seu apartado 4 que non poderá realizarse o pagamento en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou sexa debedor da Administración da Comunidade Autónoma.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, oito disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.

O día 4 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada á exposición de motivos, aos artigos 5º e 13º e ás  disposicións adicional cuarta e transitoria segunda do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, tres consideracións xerais sobre a valoración da norma e cinco consideracións específicas de carácter non unánime, manifestadas pola CEG (anexo I), e tres consideracións xerais sobre a valoración da norma e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II).


                                         DITAME 9/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.

Segunda.- Artigo 5º. Axuda para a adquisición da condición de socio traballador.

a) No apartado 1 establécese que esta axuda poderase conceder a aqueles que, no momento de adquiriren a condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral, estean desempregados, máis non define claramente o momento no que se adquire esa condición (se é cando se outorga a escritura, cando se inscribe a constitución da cooperativa, …).

Por esta razón, as organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, propoñen que se clarifique cando se adquire a condición de socio traballador.

b) No apartado 1 deste artigo 5º aparecen as letras j. e k. Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

c) Na letra que figura como k. parece que se queren establecer dous períodos para considerar un desempregado como de longa duración. Para que a redacción sexa correcta, débese suprimir a coma que figura antes de “se fosen menores de 25 anos”.



Terceira.- Artigo 13º. Documentación.
O apartado 1, letra d), deste artigo esixe a presentación dunha memoria que deberá axustarse aos modelos tipo que facilite a Consellería a través da rede de técnicos de emprego de Galicia.

Este Comité Delegado considera que os modelos da devandita memoria deben publicarse como anexo a esta orde.

Cuarta.- Disposición adicional cuarta.

Esta disposición establece que a Consellería poderá realizar, con medios propios ou alleos, actividades de formación, investigación, divulgación e difusión.

Este Comité Delegado considera que, tal como está redactada a disposición, non queda claro o motivo da súa inclusión nesta orde, polo que propón a supresión desta disposición ou, no seu defecto, que se xustifique e se desenvolva correctamente a súa inclusión.

Quinta.- Disposición transitoria segunda.

Esta disposición establece que as actuacións subvencionables realizadas con anterioridade á data da entrada en vigor desta orde se solicitarán respectando os prazos, requisitos e demais condicións establecidos na orde do 25 de marzo de 2004.
Este Comité Delegado propón que as referidas actuacións subvencionables poidan beneficiarse das axudas previstas nesta orde, sempre e cando as solicitudes se formulen con posterioridade á súa entrada en vigor, aínda que se teñan realizado con anterioridade.



                                            ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, para unha maior claridade xurídica, as referencias no articulado do proxecto normativo ás mulleres desempregadas deberían simplificarse, obviándose todas as restantes que se realizan ao citado colectivo (por exemplo: mulleres que se reincorporan á actividade laboral tras ausencia prolongada, mulleres que se contratan en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, mulleres vítimas de violencia doméstica, mulleres maiores de 25 e menores de 45, et.), xa que simplemente con dicir, “mulleres desempregadas”, xa se inclúen todos os demais que a este tipo de beneficiarias se refiren.

Igualmente, por esa razón, propón para os colectivos citados nas letras a) e k) do artigo 5º, que se suprima o texto que vai a continuación do colectivo, quedando estes como segue:
a) Mozos menores de 25 anos.
k) Desempregados de longa duración.

Segunda.- Outra cuestión a sinalar é que segundo o artigo 7º do proxecto de orde, redúcense respecto de anos anteriores ao 2003 as modalidades de axudas para asistencia técnica a unha sola delas: a de contratación de directores e xerentes. ¿E si a nova empresa o que necesita é un bo estudio de organización ou comercialización e non un xerente?
  ¿Refórzase desta maneira o apoio integral a este tipo de empresas, que segundo se di é o espírito inspirador da nova normativa?. A Confederación de Empresarios de Galicia propón incrementar as modalidades de axudas neste apartado, polo menos ata a situación que se contemplaba en normativas de exercicios anteriores ao 2003.

Terceira.- Na regulación da subvención financeira (artigo 8º), segue eliminándose a opción de financiar o activo circulante (ata un 25% do importe do préstamo), que, pola contra, se financia nas axudas a ILES, IER e IEBTS.  

Temos que apuntar que en todo proxecto empresarial non só se deben contemplar investimentos en activos fixos, senón que se ten que prever a necesidade de dispoñer dun adecuado capital circulante ou fondo de manobra (parte do activo circulante financiado con recursos a longo prazo), que garanta unha reserva de liquidez.

Por exemplo, nunha empresa comercial sería necesario financiar a longo prazo parte das existencias, en especial cando a súa liquidez non sexa inferior a 1 ano. Consideramos, polo tanto, que o feito de non financiar o activo circulante pode supoñer que as empresas non dispoñan de medios líquidos suficientes para desenvolver a súa actividade, sen que esta se teña que ver imposibilitada, limitada ou excesivamente condicionada, pola falta de liquidez.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 2º. Beneficiarios.

No apartado 2 deste artigo establécese que as axudas non serán de aplicación aos sectores e actividades definidas no artigo 4º, parágrafo 3º, da orde TAS/216/2004, do 20 de xaneiro.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que esta limitación  non se considere como unha exclusión, senón como unha incompatibilidade sempre que a axuda se solicite co mesmo obxecto.

Segunda.- Artigo 8º. Subvención financeira.

O apartado 3 deste artigo establece que poderán ser obxecto de subvención os investimentos de compra de equipamentos de segunda man cando se cumpran unha serie de requisitos.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe suprimirse o inciso final da letra a) deste apartado 3, xa que é de dificil xustificación, esixíndose soamente ao vendedor unha declaración sobre a orixe de dito equipamento.

Terceira.- Artigo 10º. Axuda excepcional para o inicio da actividade.

O apartado 1 deste artigo establece que esta axuda apoia o inicio da actividade das cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais de nova creación.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta axuda debe estenderse a todo tipo de cooperativas e non soamente ás cooperativas de traballo asociado.

O apartado 5 deste artigo establece que entenderase que a empresa inicia a súa actividade cando cause alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o alta no censo de obrigados tributarios non xustifica o inicio de actividade.

Cuarta.- Artigo 13º. Documentación.

O apartado 1, letra  c) deste artigo esixe acompañar á solicitude alta no IAE ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se esixa soamente o alta no IAE, xa que, como xa se dixo anteriormente, o alta no censo de obrigados tributarios non xustifica o inicio de actividade.


Quinta.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón substituir o texto deste artigo polo seguinte: “As axudas e subvencións concedidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con aquelas que poideran concederse polo mesmo concepto de gasto elexible”.

                                           ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece nos artigos 2º. 5 e 6º.3, respectivamente, como función dos citados organismos a de “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego”. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do órgano competente.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas no Consello Galego de Relacións Laborais fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9º.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeición dos poderes públicos á Lei e a interdición da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que as axudas reguladas neste proxecto normativo deben concederse soamente ás cooperativas de traballo asociado e non a todo tipo de cooperativas, polo que propoñen que, ao igual que se limitan as cooperativas no artigo 5º e no 10º, debe modificarse o título e o resto do articulado do proxecto normativo, especificándose que as axudas se dirixen exclusivamente ás cooperativas de traballo asociado e ás sociedades laborais.
Terceira.
No proxecto normativo, o artigo 4º cita e o artigo 7º regula a axuda para a contratación de directores ou xerentes.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a expresión “directores ou xerentes” pode ser discriminatoria, polo que propoñen que sexa substituída pola de “persoal de dirección ou de xerencia”.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS :

Primeira.- Artigo 5º. Axuda para a adquisición da condición de socio traballador.

O apartado 1 deste artigo, letras a) e b) establece como colectivos beneficiarios, respectivamente, aos mozos menores de 25 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado e aos mozos menores de 30 anos que estean incorporados ao Programa Labora.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituír o especificado nesas letras a) e b) polo establecido no apartado a) do artigo 3º do proxecto normativo que regula o programa de axudas á contratación do primeiro traballador fixo, que di o seguinte:
“Menores de 25 anos ou que finalizaran a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores a súa contratación e que non tivesen antes un primeiro emprego fixo”.

Neste artigo 5º, apartado 2, establécese un incremento da axuda no caso de que o beneficiario sexa un desempregado menor de 30 anos.

Proponse, consecuentemente co anterior, que se conceda o incremento cando o desempregado sexa menor de 25 anos.

Segunda.- Artigo 6º. Axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo.

O apartado 2 deste artigo establece un incremento da axuda cando a persoa incorporada sexa menor de 30 anos.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que o incremento se conceda cando a persoa incorporada sexa menor de 25 anos.