ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBTS), COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTS), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica (IEBTS) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendendora no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, aproveitando o potencial de investigadores e titulados universitarios, principalmente, que pretendan xestionar o seu propio negocio, así como  para propiciar a transferencia do amplo coñecemento creado en universidades e centros de investigación en proxectos xeradores de novas actividades e novos postos de traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 10 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de febreiro de 2004, obsérvase que foron tidas en conta a consideración xeral unánime manifestada polos axentes sociais e unha das consideracións específicas manifestadas pola CEG (1ª).

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 2º establece que poderán ser beneficiarias das axudas as empresas privadas que teñan a consideración de pemes, incluídos autónomos e as sociedades civís e as comunidades de bens (casos estes dous últimos nos que se deberá nomear un representante ou apoderado único da agrupación), aínda que carezan de personalidade xurídica, sempre que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, que cumpran os requisitos esixidos e non incorran en circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O artigo 4º regula a subvención á creación directa de emprego estable, establecéndose no apartado 4 que non se poderá conceder esta axuda cando se trate de traballadores que prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas, xa sexa en virtude dun contrato temporal ou indefinido.

O artigo 8º regula a axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade, establecendo no apartado 2 entre os gastos subvencionables, os de maquinaria.

O artigo 9º regula a axuda para o mantemento do emprego, establecendo no apartado 4 os prazos para a presentación de solicitudes: ata o 15 de outubro (recibos dos meses de xaneiro a setembro) e ata o 15 de xaneiro de 2006 (recibos dos meses de outubro a decembro).

O artigo 13º establece a documentación que hai que acompañar coa solicitude, sendo novidade os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

O artigo 17º regula a xustificación do pagamento, esixíndose a presentación por duplicado exemplar da documentación común e específica sinalada na resolución de concesión. Asi mesmo, no caso da axuda financeira, esíxese como novidade a presentación de facturas, escrituras públicas, contratos ou calquera outro documento acreditativo de que o importe do préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto da subvención.

O apartado 4 deste artigo dispón que non poderá realizarse o pagamento en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou sexa debedor da Administración da Comunidade Autónoma.

O artigo 18º establece as incompatibilidades das subvencións reguladas na orde, engadíndose agora que serán incompatibles coas axudas de dinamización do emprego feminino e xuvenil en concellos rurais.

O artigo 19º regula as obrigas do beneficiario, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

No caso da axuda para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, se se produce o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria estará obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes e, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, debendo reunir o novo traballador o requisito de pertencer a algún colectivo beneficiario, o que deberá comunicarse ao órgano concedente da subvención dentro dos 20 días seguintes á substitución, establecendo que esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.


Unha nova disposición transitoria segunda establece que as actuacións subvencionables, realizadas con anterioridade á data da entrada en vigor da presente orde, solicitaranse respectando os prazos, requisitos e demáis condicións establecidas na Orde do 27 de febreiro de 2004 e poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios que financian esta orde.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTS), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, seis disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.


O día 9 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e aos artigos 3º, 9º e 16º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, catro consideracións xerais sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                    DITAME 11/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTS), cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.


Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 3º. Tipos de axuda.


No apartado 3, último parágrafo, deste artigo establécese que, cando se trate de traballadores autonómos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.




O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames entende que esta excepción, que actúa como un beneficio que amplía tal posibilidade, debería aplicarse ademáis de aos traballadores por conta propia aos traballadores por conta allea; hai que ter en conta que nalgunhas formas xurídicas, como as cooperativas ou as sociedades laborais, existe un dereito de opción polo réxime xeral da Seguridade Social correspondente a favor dos socios traballadores. Non estaría xustificado o feito de poder acceder nun caso, nos requisitos establecidos no citado parágrafo, e noutro non.

Terceira.- Artigo 9º. Axuda para o mantemento do emprego.

O apartado 1 deste artigo establece que poderán concederse axudas para o mantemento dos postos de traballo estables …, en función da existencia de gastos de alugamento do local onde se desenvolve a actividade.

As organizacións sindicais e empresariais integradas no Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe eliminarse o último inciso do citado apartado, xa que nin sequera para a xustificación do pagamento desta axuda, no artigo 17º. 1. B. d), se esixe a presentación das correspondentes facturas de alugamento do local.

Cuarta.- Artigo 16º. Resolución.


O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

Proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.


                                            ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Primeira.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado no período 2000/2004 e inversamente  coa evolución da poboación no citado período.
Terceira.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de ditames fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9º.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.
Cuarta.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que, con carácter xeral, a identificación dos colectivos obxecto de axudas á contratación débese establecer tendo en conta exclusivamente o grupo do 25% dos parados con máis dificultades de acceso ao emprego, e dentro deste colectivo, establecer os incrementos en función de xénero, idade ou de tratarse do primeiro emprego.



                                            ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Beneficiarios.

O apartado 3 deste artigo establece que entenderase que a empresa inicia a súa actividade cando cause alta no imposto de actividades económicas ou ben cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que unha cosa é o alta no censo de obrigados tributarios e outra o inicio da actividade. O inicio de actividade debe acreditarse con alta no IAE.

Segunda.- Artigo 8º. Axuda en función da existencia de gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 2 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deben ser subvencionables tamén os gastos de investimento en activo fixo, debendo establecerse, ademáis da subvención financeira, algunha subvención destinada á adquisición de inmobilizado tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.
Terceira. Artigo 13º. Documentación.

Esíxese neste artigo unha serie de documentos que deben acompañarse á solicitude. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que a documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma non é obrigatoria nesta fase do procedemento (presentación de solicitudes) senón que en todo caso habría que esixir no momento do pagamento da subvención. Por este motivo, soamente podería acompañarse coa solicitude, a opción do interesado, a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor (anexo V do proxecto normativo).