ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS A EMPRESARIOS SEN ASALARIADOS POLA CONTRATACIÓN DO SEU PRIMEIRO TRABALLADOR FIXO, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten como obxectivo favorecer a creación de novos empregos estables e a inserción laboral de persoas en desemprego, así como contribuir ao desenvolvemento e crecemento de pequenas unidades produtivas, a través dun programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen asalariados que, con potencialidade para a creación de emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación do seu primeiro traballador e o cambio na dimensión do seu negocio. Este programa ten unha especial relevancia en Galicia polo significativo número de microempresas no que se detecta tal situación.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 9 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de febreiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No contexto de apoiar o emprego feminino e xuvenil, increméntanse os incentivos cando o traballador desempregado contratado sexa un mozo menor de 30 anos e amplíase a porcentaxe para o cálculo do importe da subvención en caso de traballadoras ata o 40% da base mínima do grupo de cotización.

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 3º establece os colectivos que terán a consideración de desfavorecidos, engadíndose no novo proxecto normativo, na letra g), os desempregados en risco de exclusión social e dentro destes os perceptores da renda de integración social de Galicia e os traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da Comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías que condicionen as súas posibilidades de integración social.

O artigo 4º establece que poderán ser beneficiarias das axudas as empresas calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten con carácter indefinido ao seu primeiro empregado, sempre que os ditos empresarios iniciasen a súa actividade cunha antelación mínima dun ano ao comezo da prestación de servizos polo traballador e que cumpran os requisitos esixidos e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O artigo 6º regula as axudas, establecéndose a contía da subvención nun 30% da base mínima do grupo de cotización, ata un máximo de 6.000 euros, que pode chegar ao 35% ou ao 40% e o límite ata 6.300 ou 6.600 euros cando a contratación se realice, respectivamente, con mozos menores de 30 anos ou con mulleres.

O artigo 9º establece a documentación que hai que acompañar coa solicitude, sendo novidade os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.


O artigo 11º regula a resolución e recursos, establecéndose no seu apartado 4, que se terá en conta, para a valoración da contía das subvencións, a contratación de desempregados pertencentes aos colectivos de mulleres, mozos, maiores de 45 anos, parados de longa duración, engadíndose persoas con discapacidade e pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

O artigo 12º regula a xustificación do pagamento, establecéndose que quedará condicionado á presentación da documentación que se esixa expresamente na resolución de concesión. Asi mesmo,  o apartado 3 deste artigo dispón que non poderá realizarse o pagamento en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou sexa debedor da Administración da Comunidade Autónoma.

O artigo 14º regula as obrigas do beneficiario, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Unha nova disposición adicional cuarta establece que a comprobación da condición de beneficiario do programa Labora será realizada directamente polo órgano xestor das axudas, ao igual que a comprobación da condición de minusválido, agás que fose recoñecida por outra administración distinta da propia da comunidade autónoma galega.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.


O día 9 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e aos artigos 5º e 11º do proxecto normativo.



Contén asi mesmo, como anexos, cinco consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                      DITAME 12/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.

Segunda.- Artigo 5º. Exclusións e contratación a familiares.

Respecto do establecido no apartado 2 deste artigo, as organizacións sindicais e empresariais integradas no Consello Galego de Relacións Laborais solicitan que se concrete no texto da orde en que supostos os familiares poden ter a consideración de asalariados e de qué modo pode acreditarse a devandita condición.


Terceira.- Artigo 11º.2. Resolución e recursos.

Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité Delegado considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

Proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.


                                               ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.

As organizacións sindicais consideran necesario a avaliación previa polo Comité Autonómico de Emprego das ordes relativas ás políticas de emprego.



Ademais, polos datos dos que se dispón, os resultados obtidos con estas medidas son negativos, dado que o obxectivo principal de reducir a taxa de precariedade e aumentar o emprego non se acadou, senón todo o contrario, polo que se considera conveniente unha reorientación das políticas activas de emprego.

Terceira.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que os criterios de reparto destas axudas e subvencións, por área funcional e provincia, deben ser directamente proporcionais ao seu número de parados e á evolución do paro rexistrado no período 2000/2004 e inversamente  coa evolución da poboación no citado período.

Cuarta.
As organizacións sindicais con presencia no Consello propoñen que en todas aquelas normas referentes a liñas de axuda para o fomento do emprego se faga constar expresamente que, unha vez publicada a norma correspondente, pechada a convocatoria, recibidas as solicitudes e puntuadas polas comisións de avaliación correspondentes, os comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación laboral ou, no seu caso, o Comité Autonómico de Emprego, informen os distintos proxectos con carácter previo e preceptivo á resolución definitiva, establecendo as prioridades de cada un deles. Polo demais, esta consideración está en coherencia coas funcións asignadas a estes órganos no seu decreto de creación.


Quinta.

As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que, con carácter xeral, a identificación dos colectivos obxecto de axudas á contratación débese establecer tendo en conta exclusivamente o grupo do 25% dos parados con máis dificultades de acceso ao emprego, e dentro deste colectivo, establecer os incrementos en función de xénero, idade ou de tratarse do primeiro emprego.



                                               ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón abrir a posibilidade de subvencionar a contratación de calquera desempregado, sempre e cando non estivera antes traballando na mesma empresa. A fixación no texto da orde dos colectivos desfavorecidos debería servir soamente para establecer unha maior valoración ou priorización.

Segunda.- Artigo 3º. Colectivos desfavorecidos.

Respecto dos cambios establecidos en relación á determinación de colectivos, a CEG considera que a redacción dada nesta orde incorpora unha maior rixidez na contratación e considera, en consecuencia, que sería máis axeitada unha redacción máis xenérica, similar a establecida no artigo 3º.3 da orde que regula as axudas ás empresas cualificadas como Iniciativas Locais de Emprego (ILES) ou Iniciativas de Emprego Rural (IER).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón eliminar da letra a) a esixencia de que a educación dos menores sexa a tempo completo e da letra d) a esixencia de que fose menor de 25 anos.

Terceira.- Artigo 4º. Beneficiarios.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que a esixencia establecida no apartado 1 deste artigo de que os empresarios iniciasen a actividade cunha antelación mínima dun ano sexa substituída por unha antelación mínima de seis meses.

Cuarta.- Artigo 5º. Exclusións.

Este artigo incorpora no seu primeiro apartado unha letra d) que exclúe destas axudas ás cooperativas e sociedades laborais. A CEG considera que o establecido neste apartado debería funcionar máis como unha incompatibilidade con outra clase de axudas para a mesma finalidade, que como unha exclusión.

Quinta.- Artigo 6º. Axudas.

En relación ás contías establecidas neste artigo, a CEG considera que son insuficientes, o que pode levar a que non se consiga o efecto perseguido co propio establecemento das axudas, polo que propón que a contía se amplie ao 50%.

Sexta.- Artigo 9º. Documentación.

Esíxese neste artigo unha serie de documentos que deben acompañarse á solicitude. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que a documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma non é obrigatoria nesta fase do procedemento (presentación de solicitudes) senón que en todo caso habría que esixir no momento do pagamento da subvención. Por este motivo, soamente podería acompañarse coa solicitude, a opción do interesado, a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor (anexo V do proxecto normativo).