ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO E A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten como obxectivo fomentar a cultura emprendedora e apoiar actividades e iniciativas de autoemprego,  medidas consideradas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 26 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 2º establece quenes poderán ser beneficiarios das axudas deste programa, engadíndose no seu apartado 3 entre os colectivos que terán a consideración de beneficiarios, os desempregados procedentes de empresas en crise (concepto que desenvolve a disposición adicional quinta) e os desempregados en risco de exclusión social e, dentro destes, os perceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder á mesma e os traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da Comunidade.

No apartado 4 deste artigo establécese que non poderán obter a condición de beneficiario do programa regulado nesta orde as persoas ou entidades nas que concorran as circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No artigo 5º, que regula a axuda de rendas para o inicio de actividade, incorpóranse importantes innovacións. Dáse un novo tratamento a aqueles solicitantes cun proxecto de investimento para o que teñan concedido un préstamo polo que sexan beneficiarios da subvención financeira. Neste suposto a contía da axuda non estará limitada a unha porcentaxe do investimento en fixo.

No artigo 6º introdúcese unha nova axuda excepcional para o financiamento dos gastos realizados nos seis primeiros meses de actividade. A súa contía será variable, de 600 ata 2.400 euros, en función da pertenza do solicitante a determinados colectivos de desempregados con dificultades de inserción laboral, poidendo incrementarse aínda ata 600 euros máis cando a actividade empresarial se desenvolva nun concello galego con menos de 20.000 habitantes (tomando como referencia  as cifras de poboación a 1 de xaneiro de 2004, segundo dispón a disposición adicional quinta do proxecto normativo).

O artigo 10º establece a documentación que hai que acompañar coa solicitude, sendo novidade os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

O artigo 13º regula a xustificación do pagamento, establecéndose que quedará condicionado á presentación, por duplicado exemplar, da documentación que se esixa expresamente na resolución de concesión, en particular, no apartado 1. B, letras a) e c), facturas acreditativas de que o importe do préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto de subvención e, no caso da axuda excepcional, facturas acreditativas dos gastos obxecto da subvención. Asi mesmo,  o apartado 4 deste artigo dispón que non poderá realizarse o pagamento en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou sexa debedor da Administración da Comunidade Autónoma.

O artigo 14º (Incompatibilidades e concorrencia) establece como novidade, no seu apartado 2, que as axudas establecidas neste programa son incompatibles coas de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego.

O artigo 15º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Unha nova disposición adicional quinta define os conceptos de traballadores desempregados procedentes de empresas en crise (artigo 6º.3) e muller titular dunha familia monoparental e con cargas familiares (artigo 6º.4).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, sete disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.




O día 9 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e aos artigos 2º, 10º e 12º do proxecto normativo.


Contén asi mesmo, como anexos, tres consideracións xerais e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



                                         DITAME 13/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:


Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.

Segunda.- Artigo 2º.  Beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo establécese unha relación de colectivos enumerados con letras, entre as que figuran a letra j.) e a letra k.).
Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

Terceira. - Artigo 10º.  Documentación.

Neste artigo establécese unha relación de documentos que deben acompañar á solicitude, figurando as letras j.) e k.).
Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

Cuarta.-  Artigo 12º.  Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

Proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.



                                                ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de dictames fai constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de ditames fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9º.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.

Terceira.
As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que, con carácter xeral, a identificación dos colectivos obxecto de axudas á contratación débese establecer tendo en conta exclusivamente o grupo do 25% dos parados con máis dificultades de acceso ao emprego, e dentro deste colectivo, establecer os incrementos en función de xénero, idade ou de tratarse do primeiro emprego.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 7º. Beneficiarios do “Programa Labora; Xuventude con Experiencia.

As organizacións sindicais con presencia no Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a única contratación temporal que se debe subvencionar é a daqueles colectivos en risco de exclusión social.

En consecuencia, propoñen a supresión deste artigo.


                                            ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 2º. Beneficiarios.

No apartado 3 deste artigo establécese que as sociedades limitadas para poder ser beneficiarias das axudas deberán, entre outras condicións, non superar o número de tres socios iniciais, aínda que se introduce unha excepción no caso de que todos os socios cumpran os requisitos e estean incluídos nos colectivos sinalados nese apartado.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a excepción establecida é un paso positivo, pero entende que non debería existir limitación algunha no número máximo de socios.

Asi mesmo, en relación cos colectivos que se relacionan no devandito apartado, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que é necesario incluir como beneficiarios ás mulleres desempregadas, sen esixirlles nada máis, tan só que estean desempregadas.




Segunda.- Artigos 4º e 5º. Subvención financeira e Rendas para o inicio da actividade.

Nestes artigos fíxase a contía das axudas. A Confederación de Empresarios de Galicia quere sinalar que as devanditas contías levan anos sen ser actualizadas e considera que debe establecerse unha actualización das mesmas conforme ao incremento do IPC.

Terceira.- Artigo 6º. Axuda excepcional.

A Confederación de Empresarios de Galicia valora moi positivamente o establecemento desta axuda para o financiamento dos primeiros gastos de actividade.

Cuarta.-  Artigo 9º. Documentación.

O apartado d) deste artigo esixe a presentación da alta no imposto de actividades económicas ou, no seu caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que unha cosa é o alta no censo de obrigados tributarios e outra o inicio da actividade. O inicio de actividade debe acreditarse soamente con alta no imposto de actividades económicas.


Asi mesmo, esíxese neste artigo unha serie de documentos que deben acompañarse á solicitude. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que a documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma non é obrigatoria nesta fase do procedemento (presentación de solicitudes) senón que en todo caso habría que esixir no momento do pagamento da subvención. Por este motivo, soamente podería acompañarse coa solicitude, a opción do interesado, a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor (anexo V do proxecto normativo).