ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2005 OS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR.

I. ANTECEDENTES


O día 31 de xaneiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten como obxectivo o reforzamento da política de igualdade de homes e mulleres, articulando un conxunto de incentivos dirixidos a promover a repartición das responsabilidades familiares e a facilitar a reincorporación ao mercado de traballo tras unha interrupción temporal da actividade por permisos parentais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 9 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de febreiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 2º dispón que poderán ser beneficiarios dos incentivos regulados nesta orde as empresas, sempre que, cumprindo os requisitos establecidos,  non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No artigo 5º, que regula a axuda de rendas para o inicio de actividade, incorpóranse importantes innovacións. Dáse un novo tratamento a aqueles solicitantes cun proxecto de investimento para o que teñan concedido un préstamo polo que sexan beneficiarios da subvención financeira. Neste suposto a contía da axuda non estará limitada a unha porcentaxe do investimento en fixo.

No artigo 3º introdúcese unha nova exclusión dos beneficios establecidos nesta orde, dispoñendo que non poderán acollerse a eles as mulleres que se reincorporen ao traballo que teñan dereito ás bonificacións establecidas no punto 9 da disposición adicional cuadragésima sétima da Lei 2/2004, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado par o ano 2005.

O artigo 8º establece a documentación que hai que acompañar coa solicitude, sendo novidade os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

O artigo 11º regula a xustificación do pagamento, establecéndose no apartado 3 que non poderá realizarse o pagamento en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou sexa debedor da Administración da Comunidade Autónoma.

O artigo 14º (Incompatibilidades e concorrencia) establece como novidade, no seu apartado 2, que as axudas establecidas neste programa son incompatibles coas de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego.

O artigo 13º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.



Modifícanse as disposicións transitorias, establecéndose na primeira que as solicitudes dos incentivos regulados nesta orde correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento da entrada en vigor desta norma, poderán atenderse con cargo aos créditos orzamentarios para o exercicio de 2005 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Na disposición transitoria segunda, disponse que as solicitudes de axudas realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, solicitaranse respectando os prazos e demáis requisitos establecidos na Orde do 26 de febreiro de 2004.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.


O día 9 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma e tres específicas de carácter unánime, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e aos artigos 2º e 4º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



                                         DITAME 14/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de xaneiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
O artigo 1º do proxecto normativo establece que o seu obxecto é favorecer a conciliación da vida laboral e familiar a través das seguintes axudas:
a) Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de matenidade/paternidade.
b) Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.
As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que, dado que os beneficiarios das axudas son as empresas, así debe constar no texto da orde, polo que propoñen outra redacción para estes apartados e para os artigos do proxecto normativo que os desenvolven (4º e 5º), como, por exemplo:
a) Axudas ás empresas que reincorporen aos seus centros de traballo a persoas traballadoras tras un proceso de maternidade/paternidade.
b) Axudas ás empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con reducción de xornada de traballo por motivos familiares.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 2º. Beneficiarios.

Este artigo establece como beneficiarios das axudas ás empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica.


Na redacción do precepto non parecen ter cabida, polo tanto, os traballadores autónomos. Este Comité considera oportuno que podan beneficiarse das axudas aqueles traballadores autónomos que, ou ben traballan para si, sen empregados, ou que contan cun só empregado.

En consecuencia, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen incluír como beneficiarios da norma tamén aos traballadores autónomos.  


Terceira.- Artigo 4º. Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.

Este artigo establece no seu primeiro apartado que tamén poderán ser obxecto de subvencións as reincorporacións ao exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas.

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que as subvencións deberían estenderse tamén aos socios traballadores das sociedades laborais.



                                          ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais de calidade.
Primeiro, hai que atopar medidas para solucionar os problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ambas as dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acadar a incorporación do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.
Considérase pois imprescindible contemplar as dúas situacións, que deberían ter acollida no texto da norma: hai que afrontar os problemas previos que xorden para incorporarse ao mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a postura da empresa.



                                            ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 3º. Exclusións.

No primeiro parágrafo deste artigo establécese que exclúense dos beneficios previstos nesta orde aos traballadores contratados para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta a disposición.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a exclusión dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, debendo eliminarse do texto da norma.

Segunda.- Artigo 4º e 5º. Axudas.

Estos artigos establecen as contías das axudas. A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería unha boa medida aumentar a contía das axudas ou, no seu defecto, que se amplie o prazo durante o cal se poden disfrutar.


Terceira.- Artigo 5º. Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidade de familiares ou con reducción da xornada de traballo por motivos familiares.

Neste artigo, no parágrafo primeiro, establécese que serán obxecto de subvención os contratos de interinidade “para substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares...”

Como xa se apuntou neste ditame respecto da outra liña de axuda, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que no caso de que o traballador autónomo se atopase nas mesmas circunstancias, habería que facerlle extensivo o establecido no citado parágrafo.

En consecuencia, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe clarificarse o disposto no citado parágrafo e incluir dentro destas axudas aos traballadores autónomos.


Cuarta.- Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios.


Establece este artigo, no seu apartado d), a obriga de substituir ao traballador interino, no suposto de cesamento deste, dentro dos vinte días seguintes ao da baixa.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o citado prazo de 20 días é insuficiente para poder realizar un proceso de selección coas debidas garantías, polo que suxire a súa ampliación como mínimo a un mes.