ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2005.

I. ANTECEDENTES


O día 7 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, das cotas á Seguridade Social, establece a concesión dunha axuda aos perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, consistente no aboamento das cotas á Seguridade Social durante o período polo que percibisen a prestación de desemprego. A concesión desta axuda dependerá da existencia dunha resolución do Servicio Público de Emprego Estatal na que se conceda, dunha soa vez, a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo importe que corresponda á aportación obrigatoria establecida con carácter xeral en cada cooperativa, á adquisición de accións ou participacións do capital social nunha sociedade laboral ou o investimento necesario para desenvolver a actividade no caso de traballadores con discapacidade.

En consecuencia, esta orde ten por obxecto regular o procedemento de aboamento das ditas cotas, co fin de contar cunha normativa autonómica adecuada e adaptada ás normas de procedemento, organización e xestión desta Comunidade Autónoma.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 22 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2004, obsérvase que foi tida en conta unha consideración específica, de carácter unánime, sobre a disposición adicional terceira, que neste proxecto normativo figura como segunda, que será citada máis adiante.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
Destaca, como novidade máis salientable, o establecemento dun novo sistema de presentación de solicitudes, polo que o beneficiario deberá presentar unha soa solicitude por todas as mensualidades ás que teña dereito de aboamento de cotas e, unha vez emitida a resolución, o pagamento quedará condicionado á presentación dos boletíns de cotizacións á Seguridade Social, a medida que o beneficiario vaia realizando o ingreso das súas cotas ao réxime da Seguridade Social correspondente. A xustificación do pagamento ven regulada no artigo 8º, no que se dispón tamén que poderán acordarse pagamentos parciais a conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores ata unha porcentaxe non superior ao 80% da subvención concedida.

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 10º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Na disposición adicional segunda, que establece a facultade da Consellería de requirir a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas, regula unha excepción: “agás que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante”.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para 2005” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 21 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e ao artigo 7º.3 do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



                                         DITAME 15/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de febreiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.
Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 7º. Resolución e recursos.
Este artigo establece que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

Proponse a substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.


                                          ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos este Comité de ditames fai propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9º.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.




                                          ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.

Neste artigo fíxanse os requisitos para ter dereito as axudas establecidas nesta norma. O apartado c) deste artigo esixe terse constituido como traballador autónomo sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.

A CEG quere propoñer que se teña en conta a modificación establecida na Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, segundo a cal os traballadores que vaian establecerse como autónomos poderán capitalizar o 20% da súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social. En consecuencia, o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluir como beneficiario a cualquier traballador autónomo que desexe capitalizar o 20% da súa prestación por desemprego.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.
A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente o novo sistema de presentación de solicitudes, en virtude do que o beneficiario deberá presentar unha soa solicitude por todas as mensualidades ás que teña dereito de aboamento de cotas.