ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA COMO MEDIDA DE MELLORA DE EMPREGABILIDADE DE COLECTIVOS DESFAVORECIDOS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2005.

I. ANTECEDENTES


O día 7 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Regúlanse nesta orde os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, evitando situacións de paro de longa duración e de ocupación inestable.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 26 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 2º inclúense, como beneficiarios dos incentivos, ademáis das empresas, os traballadores autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica.

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 10º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

No anexo A do proxecto normativo, que regula o programa de fomento da contratación temporal dos traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, engádese no artigo cuarto, como colectivos beneficiarios as persoas que non poidan acceder á renda de integración social de Galicia por falta do período esixido de residencia ou empadroamento por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecida, as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia e, por último, os traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da Comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

No artigo sexto, establécese un incremento das axudas por importe de 300 euros, cando as contratacións se realicen con mozos menores de 30 anos.

No anexo B, que regula os programas de fomento dos contratos en prácticas de mozos titulados e para a innovación tecnolóxica,  establécese, no artigo quinto, contías de maior importe, sendo de ata 2.100 euros nos casos de mozos titulados e de ata 2.700 euros cando se realicen con mulleres tituladas, engadíndose que estas axudas incrementaranse nunha contía de ata 600 euros cando a contratación se realice con titulados universitarios da área de humanidades (na disposición adicional sexta relaciónanse as titulacións que se consideran desta área).
Igualmente, no artigo sexto, sobre as axudas aos contratos en prácticas relacionados con proxectos I + D,  establécense incentivos de ata 3.600 euros, poidendo incrementarse ata 4.200 euros cando se realicen con mulleres, engadíndose que estas axudas incrementaranse nunha contía de ata 600 euros cando a contratación se realice con titulados universitarios da área de humanidades (na disposición adicional sexta relaciónanse as titulacións que se consideran desta área).

No anexo C, que regula o programa de fomento da contratación temporal dos desempregados incorporados ao programa Labora, establécense, no artigo sexto, axudas de ata 2.400 euros e de ata 2.700 cando a contratación se realice con mulleres, que se incrementarán nunha contía de ata 600 euros cando a contratación se realice con titulados universitarios da área de humanidades.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, once artigos, sete disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras, ademáis de tres anexos (A, B e C) que regulan os tres programas de fomento da contratación temporal anteriormente citados.


O día 21 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos, ao artigo 6º , á disposición adicional sexta e á base quinta do anexo B do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, sete consideracións xerais sobre a valoración da norma e tres específicas, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



                                   DITAME 16/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de febreiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.
Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.

Segunda.- Artigo 6º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.
Terceira.- Disposición adicional sexta.

As titulacións que figuran na Disposición adicional sexta non se corresponden coas da area de humanidades segundo a clasificación do INE Clasificación de programas en sectores de estudio (Código 2.2), senón que abranguen todas as do apartado 2: Área de “Artes e humanidades”.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que se modifique a denominación que figura no proxecto normativo pola de área de artes e humanidades e se mencione a fonte da clasificación (CENED 2000).

Cuarta.- Anexo B. Base quinta. Axudas pola contratación en prácticas.

O apartado 2 desta base establece que estas axudas incrementaranse nunha contía de ata 600 cando as contratacións se realicen con titulados universitarios da área de humanidades.
Parece que a Consellería de Asuntos Sociais non traballa analizando a realidade cos datos existentes, senón ca súa crenza de cómo debe ser a realidade. Os datos de paro por tipo de estudos elaborase exclusivamente cos datos do Censo.


Como se pode comprobar dos datos anteriores non é a área de artes e humanidades, senón a de Ciencias (Bioloxía, Física, Química, Informática etc.) quen soporta unha taxa de paro sen emprego anterior, destinatarios dos contratos en prácticas, mais alta. Se miramos as taxas de paro, con e sen emprego anterior, por titulación, por diante das titulacións de Artes e humanidades están as Áreas de Ciencias Sociais (Economía, periodismo, secretariado e administración de empresas, políticas, psicoloxía, socioloxía, etc) e Outros servizos (Servizos persoais, de seguridade, transporte, etc).
Tentar de analizar os estudios profesionais por tipo de estudios sempre supón unha redución cando se fala de contratacións en prácticas. É preciso definir, e existen fontes de datos como a sinalada anteriormente, coa meirande desagregación posible.


                                       ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, no apartado 5, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de dictame fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

Terceira.
Tódalas axudas de incentivos á contratación deben vincularse á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

Cuarta.
Débese establecer unha norma que deixe fóra das subvencións de calquera Consellería a aquelas empresas que non teñan unha taxa de estabilidade similar á media galega, agás que teñan elaborado un plan de estabilidade consensuado cos representantes legais dos traballadores para acadala.

Quinta.
Coa taxa de precariedade existente e sendo esta unha das principais lacras a erradicar do noso mercado de traballo, consideramos que a subvención da contratación temporal por parte da Xunta debe limitarse exclusivamente ós colectivos en risco de exclusión social.

Sexta.
En relación coa contratación en prácticas apreciase, ¡como non!, unha falta de respeto da Consellería de Asuntos Sociais ás súas posicións mantidas tanto no Comité Autonómico de Emprego (CAE) como no grupo de traballo. Así na páxina 17 do documento da Consellería de Asuntos Sociais presentado na sesión do CAE do 19 de decembro do 2003, tal e como víñase recollendo nos documentos anteriores e no grupo de traballo dise: “2.3. Contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica, a novidade principal é que se limita ás contratacións de mozos con titulacións cun menor índice de colocación.”
Esta posición explicábase coincidindo co mantido na nosa proposta nº  106 que dicía: “Debe eliminarse totalmente este programa, ou, cando menos, establecer qué titulacións serían contratables previa definición, por parte do Observatorio, do 25% das titulacións que teñen meirandes dificultades de acceder ó mercado de traballo”.
Dado que non se mantén a limitación de titulacións acordada no CAE, as organizacións sindicais consideran que debe suprimirse este apartado.

Sétima.
En relación co “Programa de fomento da contratación temporal dos desempregados incorporados ao Programa Labora” entendemos que financiar a precariedade dos xoves, nun momento en que a taxa de precariedade dos menores de 30 anos é do 60 % parece unha burla.  
As organizacións sindicais consideran que debe suprimirse este apartado.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Anexo A. Programa de fomento da contratación temporal dos traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. Base terceira.- Beneficiarios.
O apartado 1 desta base terceira establece que poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste anexo as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea pertencentes aos colectivos relacionados na base cuarta ..
As organizacións sindicais consideran que, no citado parágrafo, débese engadir despois de “as empresas, calquera que sexa a forma xurídica”, que, tendo unha taxa de estabilidade superior á media de Galicia no ano 2004 (66 % dos traballadores), contraten traballadores …

Segunda.- Anexo A. Base quinta. Requisitos.
O apartado 1 desta disposición establece que serán subvencionables as contratacións temporais celebradas con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego ….
As organizacións sindicais consideran que deben limitarse as contratacións temporais, polo que propoñen engadir a este apartado 1 un parágrafo co seguinte texto:
Serán subvencionables:
a) As contratacións realizadas para a substitución de traballadores con dereito á reserva do posto mediante contratos de interinidade.

b) As contratacións para a redución das horas extraordinarias realizadas con carácter habitual e/ou a súa compensación por tempos de descanso equivalente, ou as contratacións realizadas con Empresas de Traballo Temporal.
Neste caso, poderán formalizarse contratos temporais de calquera modalidade.

Terceira. Anexo A. Base sexta.- Axudas.
As organizacións sindicais propoñen engadir un parágrafo que diga: “As axudas previstas na táboa anterior se incrementarán nun 35 % no caso das contratacións previstas na letra b) da base quinta, apartado 1”, apartado proposto na consideración anterior.

                                            ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente a relación de colectivos en risco de exclusión social enumerados na base cuarta do anexo A do proxecto normativo.

Tamén valora positivamente a supresión no proxecto normativo da esixencia de que a empresa deba acadar a taxa de estabilidade media de Galicia.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Disposición transitoria segunda.

Respecto do establecido nesta disposición, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propón que as altas anteriores á data de entrada en vigor desta orde poidan beneficiarse das axudas nela previstas, sempre e cando as solicitudes se formulen con posterioridade a súa entrada en vigor.

Segunda.- Anexo A. Sexta.- Axudas.

No último parágrafo desta disposición establécese que os incentivos reduciranse proporcionalmente ao tempo efectivo de traballo cando o contrato se celebre a tempo parcial.
A CEG propón que a referencia ao tempo de traballo sexa substituida por xornada de traballo, quedando polo tanto a redacción do seguinte xeito:”os incentivos reduciranse proporcionalmente á xornada de traballo …”.

Terceira.- Anexo C. Quinta.- Requisitos.
Establece esta disposición que serán subvencionables os contratos temporais a xornada completa, cunha duración inicial mínima de 12 meses.
A CEG considera que a duración mínima que debe esixirse debe ser a mesma que para a contratación do colectivo en risco de exclusión social, é dicir, 6 meses, propoñendo que se teña en conta a duración do contrato para conceder máis ou menos incentivo.

Cuarta.- Anexo C. Sexta.- Axudas.

O apartado 3 desta disposición establece un incremento do incentivo cando o traballador contratado en prácticas posúa o título universitario de doutor.
A CEG considera que este incremento é interesante para as axudas reguladas no anexo B, pero a súa inclusión neste anexo non está xustificada. Propón que se equiparen as axudas aos titulados universitarios coas axudas aos doutores.