ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA O FOMENTO DA ESTABILIDADE NO EMPREGO, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2005.

I. ANTECEDENTES



O día 7 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2005, dos incentivos para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego coa finalidade de facilitar a creación de emprego estable e de calidade que favoreza a competitividade das empresas, contribuír á diminución da taxa de temporalidade e de rotación no mercado de traballo e á reducción do desemprego, así como á inserción laboral de colectivos prioritarios, especialmente das mulleres e dos mozos e impulsar, de xeito máis decidido, a estabilidade laboral dos cadros de persoal das empresas galegas. Ademáis, establécese unha liña específica de apoio á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I + D, co fin de favorecer a innovación nas empresas galegas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 26 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 20 de febreiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 1º establece os distintos programas de axudas, observándose que no programa de fomento da contratación indefinida de colectivos de desempregados con maiores dificultades de inserción laboral (anexo A) inclúese, como novidade, o colectivo de traballadores desempregados en risco de exclusión social.
A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

No artigo 2º inclúense, como beneficiarios dos incentivos, ademáis das empresas, os traballadores autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica.

O artigo 8º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

No anexo A do proxecto normativo, que regula o programa de fomento da contratación indefinida de colectivos de desempregados con maiores dificultades de inserción laboral, obsérvanse as seguintes modificacións:

1. Na base terceira, que regula os colectivos beneficiarios, esíxese que os mozos non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado (apartado 1. letra a) e que os titulares de familias monoparentais teñan cargas familiares (apartado 1. letra c), concepto este que se desenvolve na disposición adicional sétima do proxecto normativo. Ademáis inclúense, como novos colectivos beneficiarios, as mulleres desempregadas cando se contraten para prestaren servizos en profesións ou ocupacións cun menor índice de emprego feminino ou que se reincorporen ao mercado de traballo tras unha ausencia prolongada dun mínimo de dous anos (apartado 1. letra d); os desempregados que non obtiveran unha cualificación de ensino secundario superior ou o seu equivalente (apartado 1. letra e); os desempregados maiores de 50 anos (apartado 1. letra f) e os desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social (apartado 1. letra g), entre os que figuran, como novidade, aqueles que non poidan acceder á renda de integración social de Galicia por falta do período esixido de residencia ou empadroamento por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecida, aqueles que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia e, por último, os traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da Comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

2. Na base quinta, que regula os requisitos, suprímese o que establecía un apartado a), relativo a que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación deberá ser igual ou superior ó 65%, ou a aquela superior ou inferior establecida no convenio colectivo sectorial de aplicación.

3. Na base sexta, que regula os incentivos á contratación indefinida inicial,  establécense novos incentivos de ata 3000 euros ou 3.600 se a contratación se realiza con mulleres, poidendo incrementarse en 600 euros cando a muller contratada pertenza a determinados colectivos que se citan no apartado 2 da base ou en 300 euros cando a contratación se realice con mozos menores de 30 anos. Ditos incentivos poden chegar ata 4.200 euros cando as contratacións indefinidas iniciais se realicen con traballadores desempregados procedentes de empresas en crise e ata 4.800 cando se realicen con mulleres, engadíndose no apartado 5 da citada base, que a contía dos incentivos poden chegar ata 6.000 euros cando as contratacións indefinidas iniciais se realicen con traballadores desempregados pertencentes a algún dos colectivos en risco de exclusión social que se citan na base terceira, letra g), ou ata 6.600 euros se se realizan con mulleres.  

4. A base sétima establece novos incentivos á transformación dos contratos que reúnan os requisitos da base cuarta,  de ata 3.000 euros ou 3.600 se a contratada é unha muller, cun incremento de ata 300 euros cando as transformacións se realicen con mozos menores de 30 anos. Ditos incentivos poden chegar ata 6.000 euros se as transformacións afectan a desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social ou 6.600 se son mulleres.


No anexo B, que regula os programas de fomento da estabilidade,  establécese, na base terceira, apartado 1. letra b) que os incentivos se aplicarán, sen limitación temporal, cando se trate de transformacións en indefinidos de contratos temporais celebrados con traballadores desempregados en risco de exclusión social. Asi mesmo, modifícanse os incentivos nas contías apuntadas para o anexo A.


No anexo C, que regula o programa de fomento da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I + D, modifícase o establecido na base cuarta respecto ás contías das axudas, poidendo chegar ata 4.000 euros e ata 4.600 cando a contratación se realice con mulleres, que se incrementarán nunha contía de ata 300 euros cando a contratación se realice con mozos menores de 30 anos.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, once artigos, nove disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras, ademáis de tres anexos (A, B e C) que regulan os tres programas de fomento da estabilidade anteriormente citados.



O día 21 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos, aos artigos 6º e 7º e ás bases décimo primeira do anexo A e sétima do anexo B do proxecto normativo.



Contén asi mesmo, como anexos, seis consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                    DITAME 17/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de febreiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.


Terceira.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

Este Comité Delegado suxire que no apartado 4 deste artigo se especifiquen os límites establecidos pola Unión Europea, tal e como constan no apartado 2 da base segunda do anexo A do proxecto normativo, xa que axudaría a simplificar o labor do solicitante.

Cuarta.-  Anexo A. Décimo primeira. Xustificación do pagamento.

O apartado 1. b)  esixe a presentación da alta no imposto de actividades económicas ou, no seu caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Dado que agora mesmo os dous documentos están refundidos nun só, proponse esixir soamente o documento fiscal “036” de declaración de comezo de actividade.

Esta mesma puntualización faise respecto da disposición novena, 1.c) do anexo B  que regula a xustificación do pagamento.

Quinta.-  Anexo B. Sétima. Prazo.

O establecido nesta disposición “o prazo virá determinado pola orde anual de convocatoria” está en contradicción co disposto no apartado 2 do artigo 4º do proxecto normativo, que establece que “o prazo para a presentación de solicitudes de axuda ven establecido nos diferentes programas recollidos nos diferentes anexos desta orde”.

Polo exposto, este Comité propón que o prazo se estableza expresamente.

                                           ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, no apartado 5, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de ditames fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obviar a participación dos axentes sociais.

Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:

· As medidas, en calquera caso, estarán destinadas ós colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
· Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
· Conexión de tódalas axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

Cuarta.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que o título do proxecto normativo “programas de fomento da estabilidade no emprego” debe ser substituido polo de “programas de fomento da contratación indefinida”, tendo en conta ademáis que nos anexos A e C deste proxecto normativo foi eliminada a esixencia ás empresas de acadar a taxa de estabilidade media de Galicia.

Quinta.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais vimos demandando reiteradamente unha redución dos colectivos beneficiarios, de tal maneira que soamente podan recibir axudas aqueles colectivos pertencentes exclusivamente ao grupo do 25% dos parados con máis dificultades de acceso ao emprego, e dentro deste colectivo, establecer os incrementos en función de xénero, idade ou de tratarse do primeiro emprego.

Sexta.
As organizacións sindicais entenden que a Xunta de Galicia renuncia á utilización das axudas á contratación indefinida como mecanismo para rebaixar a taxa de precariedade existente na nosa Comunidade Autonóma.



                                         ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. – Disposición adicional cuarta.
A CEG considera que a duración mínima que debe esixirse debe ser a mesma que para a contratación do colectivo en risco de exclusión social, é dicir, 6 meses, propoñendo que se teña en conta a duración do contrato para conceder máis ou menos incentivo.

Segunda. – Disposición adicional sexta.
O apartado 3 desta disposición esixe que os contratos temporais obxecto de transformación deberán celebrarse con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005.

A CEG propón que a transformación dos contratos se aplique a calquera contrato temporal independientemente da data en vigor do mesmo.

Asi mesmo, o apartado 4 desta disposición sexta establece o prazo para a presentación de solicitudes.

A CEG propón que o prazo permaneza aberto durante todo o ano ou que se habilite un prazo específico para as transformacións de contratos que se realicen entre as datas das ordes do exercicio anterior e as deste ano.

Terceira. – Disposición transitoria segunda.
A CEG considera recomendable facer coincidir o período de entrada en vigor desta orde co ano natural ou contemplar un prazo no sentido exposto na consideración anterior para o período situado entre a orde o ano anterior e a presente orde.

Cuarta.- Anexo A. Cuarta. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
O apartado 2 desta disposición establece as modalidades de contratación que poderán ser obxecto dos incentivos previstos no anexo.

A CEG propón a aplicación dos incentivos ás transformacións en indefinidos de calquera tipo de contrato e non só para os contemplados no devandito apartado.

O apartado 4 desta disposición cuarta  establece que nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

A CEG propón que sexa posible reducir a xornada do novo contrato indefinido e que se module o incentivo en función da duración da mesma.

Quinta.- Anexo B. Terceira. Ámbito de aplicación.
O apartado 1.b), primeiro parágrafo, desta disposición fai unha referencia expresa á data que se determine na orde de convocatoria e financiamento. Non se entende esta remisión xa que tal orde é a que se somete a ditame.

Neste mesmo apartado 1.b) establécese que a xornada do novo contrato indefinido deberá ser igual á do contrato que se transforma. A CEG propón que sexa posible reducir a xornada do novo contrato indefinido e que se module o incentivo en función da duración da mesma.

Sexta.- Anexo B. Quinta. Requisitos.
O apartado 1.a) desta disposición esixe un incremento mínimo de 7 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia respecto da media acadada no período de referencia.
A CEG considera que debe figurar expresamente cal é o período de referencia que se cita. Ademáis, propón que se valore a tendencia da empresa e que non se estableza un incremento mínimo de 7 puntos, posto que eso implicaría igualar a sectores con comportamentos moi diferentes.

Así mesmo, o apartado 1, letra f) desta base quinta  esixe como requisito que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa que se acade como consecuencia das contratacións, deberá ser igual ou superior ao 65% ou a aquela superior ou inferior establecida no convenio sectorial de aplicación.

A CEG propón a eliminación do devandito requisito por non ter en conta soamente as circunstancias propias e peculiares da empresa e por provocar distorsións como a non concesión do incentivo, por exemplo, a unha empresa que ten realizado un importante esforzo de contratación estable de persoal, pero que también ten realizado un importante investimento en persoal temporal.

Subsidiariamente, no caso de que non se elimine o citado requisito, a CEG propón que se realice unha análise sectorial para determinar unha taxa por sectores e que non se utilice unha media xeral para todos eles (o 65% trátase dunha media rexional).


Sétima.- Anexo B. Sexta. Incentivos.
O apartado 2 desta disposición establece que a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo.

A CEG propón que a referencia ao tempo de traballo sexa substituida por xornada de traballo, quedando polo tanto a redacción do seguinte xeito: “a contía da subvención será proporcional á xornada de traballo pactada”.

Esta mesma puntualización faise respecto da disposición cuarta, apartado 4, do anexo C que regula as axudas.


Oitava.- Anexo C. Primeira. Obxecto.
Esta disposición establece no seu apartado 2.e) que poderán ser obxecto de subvención os contratos indefinidos iniciais que se realicen con mozos e mozas desempregados sempre que se incorporen a empresas de menos de 50 traballadores para a realización de tarefas relacionadas coa introducción de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

A CEG considera que debe ampliarse o límite a 100 traballadores, tendo en conta a estructura do tecido empresarial da nosa Comunidade Autónoma.